A Audiencia Provincial da Coruña acaba de decidir que se investigue a denuncia de borrado de datos do Alvia lanzada por un mecánico de Talgo hai unhas semanas, segundo o auto emitido este martes e ao que tivo acceso Praza.gal.
O tribunal tiña pendente pronunciarse sobre a proposta do instrutor de xulgar o maquinista e un cargo de Adif, punto ao que di que volverá se nas novas pescudas non se atopa nada relevante.
No auto, a Audiencia di que "procede reabrir a investigación co obxecto concreto, en principio, que se introduciu nesta fase de apelación" e que, no caso de que as pescudas sexan "infrutuosas" e de que "a causa volva ao mesmo punto no que se atopaba", poderanse dar por reproducidas as resolucións xa ditadas e os alegatos xa realizados "para que a causa poida volver á súa situación previa á introdución dos novso feitos".
A Audiencia Provincial da Coruña tiña previsto analizar o pasado 11 de outubro se validaba ou corrixía a proposta do xuíz instrutor do accidente de Angrois, formulada hai xa case un ano, de xulgar xa como responsables de 80 homicidios por imprudencia tanto o maquinista do tren como o daquela director de Seguridade na Circulación de Adif. Porén, un día antes a plataforma de vítimas do sinistro sacou á luz unha declaración xurada dun antigo mecánico de Talgo que asegura que xusto tras o descarrilamento se borraron datos informáticos sobre posibles avarías do tren.
A investigación acumula xa máis de seis anos con numerosas demoras de todo tipo
Ao coñecer a denuncia, a Audiencia decidiu aprazar a súa decisión sobre o futuro do caso e consultar ás partes persoadas na causa a súa opinión sobre que facer agora. As vítimas pediron que se investigue a denuncia, igual que o avogado do maquinista. Pola súa parte, o avogado do cargo de Adif tamén imputado por non habilitar as medidas de seguridade necesarias para evitar o despiste do maquinista salientou que a denuncia do mecánico evidencia que se investigou moito máis a infraestrutura (as vías, dependentes de Adif e do seu defendido) que o tren (dependente de Renfe e Talgo). Pola súa banda, Renfe dixo non ter coñecemento dos feitos.
Xa que logo, con todas esas opinións ao respecto e a petición do fiscal de que se investigue esa denuncia, a Audiencia decidiu que hai que investigar esa denuncia lanzada por un mecánico do Talgo antes de continuar cunha investigación que acumula xa máis de seis anos con numeras demoras de todo tipo.