Renfe di descoñecer o suposto borrado de datos do Alvia accidentado en Angrois que denuncia un mecánico de Talgo

O Alvia accidentado en Angrois CC-BY contandoestrelas

Renfe “descoñece total e absolutamente os feitos e circunstancias que se mencionan no documento achegado”. Así vén de dirixirse a empresa pública á Audiencia Provincial da Coruña despois de que esta paralizase o pasado venres as súas deliberacións sobre o accidente de Angrois tras recibir unha declaración xurada dun mecánico de Talgo denunciando que poucos minutos despois do sinistro foron borrados datos informáticos sobre posibles avarías do tren.

A Audiencia, que tiña que decidir se avalaba xa a proposta de xulgar o maquinista e o ex-xefe de seguridade de Adif, freou a deliberación ante a denuncia do ex-mecánico de Talgo sobre o presunto borrado de datos de avarías do Alvia tras o accidente

A Audiencia tiña que decidir se avalaba a proposta do xuíz instrutor de xulgar xa como responsables do accidente en similar grao ao maquinista do tren, Francisco Garzón, e ao daquela director de Seguridade na Circulación de Angrois, Andrés Cortabitarte, pero ao coñecer a denuncia do mecánico paralizou a deliberación e pediu que as partes alegasen o que considerasen oportuno.

A denuncia formulada polo mecánico máis de seis anos despois do sinistro obtivo como primeira resposta por parte da propia Talgo unha negación das súas acusacións sumada a un anuncio de accións legais contra el. A empresa tamén sinalou que esa persoa fora despedida en maio de 2018. Agora Renfe, a empresa pública para a que traballaba Talgo, nega á Audiencia da Coruña ser coñecedora dos feitos denunciados.

Fragmentos da documentación achegada polas vítimas de Angrois ao xulgado sobre a declaración xurada do mecánico de Talgo CC-BY-NC-SA Praza Pública

Pola súa banda, o avogado do imputado de Adif, Andrés Cortabitarte, tamén remitiu un escrito á Audiencia no que sinala que a denuncia do mecánico non afectaría ás súas pretensións de que se lle levante a imputación. O director de Adif insiste en que non era competencia súa realizar a avaliación de riscos da liña que o instrutor considera que debía ser feita, e que a responsabilidade do accidente foi unicamente do maquinista por non frear a tempo. 

O imputado de Adif no accidente di, pola súa banda, que “a instrución foi exahustiva canto á infraestrutura”, da súa competencia, “e non o foi tanto canto ao resto de elementos”

Pero nas súas consideracións sobre a denuncia que agora formula o mecánico sinala que esta “corrobora que a instrución foi exhaustiva canto á infraestrutura [as vías que dependen de Adif] e non o foi tanto canto ao resto de elementos que puideron incidir na produción do resultado”. “O tren pertence ao subsistema material rodante, que é competencia da empresa ferroviaria (Renfe Operadora)”, sinala.

A defensa de Cortabitarte pide que, con independencia do que se decida sobre a denuncia do mecánico, a Audiencia continúe coa súa deliberación sobre a súa propia desimputación.

Á Audiencia tamén comunicaron as súas posturas varias vítimas, que se adhiren á petición da plataforma de afectados de que se tome declaración ao mecánico e a varios responsables de Talgo para aclarar a veracidade da denuncia. O mesmo reclama o avogado do maquinista, que amosa as súas dúbidas sobre a fiabilidade das peritaxes realizadas ao tren tras o sinistro, nas que non se atopou ningún fallo que puidese contribuír ao descarrilamento. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.