A Plataforma Víctimas Alvia 04155, que agrupa persoas afectadas polo accidente ferroviario que o 24 de xullo de 2013 causou a morte a 80 persoas e deixou outras 144 feridas no barrio compostelán de Angrois, vén de rexistrar un escrito no xulgado que instrúe a causa para pedirlle que incorpore o testemuño dun traballador que no momento do sinistro era "mecánico oficial" da empresa Talgo. Reclaman que interrogue o traballador que, nunha declaración xurada, vén de asegurar que esta compañía ferroviaria borrou datos do tren accidentado pouco despois do descarrilamento na curva de Angrois.
Nunha declaración xurada, un antigo mecánico de Talgo afirma que revisou o Alvia horas antes do accidente e detectou nel "diferentes avarías", pero apenas "media hora" despois do descarrilamento "varios directivos deron a orde taxativa de borralas" do sistema informático
Segundo a documentación trasladada pola plataforma ao xulgado de Santiago, a cuxo contido puido ter acceso Praza.gal, este 8 de outubro de 2019, cando xa transcorreron máis de seis anos dende o sinistro, o operario asinou unha declaración xurada na que relata que, como "mecánico oficial de Talgo", aquel 23 de xullo de 2013 fixo a "revisión do tren Alvia-Talgo S-730 nas cocheiras de Fuencarral", en Madrid. Era o mesmo tren que "tivo horas despois un gravísimo sinistro na curva de Angrois en Santiago de Compostela.
Sempre atendendo á declaración do mecánico, nesa revisión anotou "diferentes avarías", algunhas delas clasificadas "como críticas" pola súa "gravidade". Ese rexistro, relata, ficou reflectido no sistema informático que a empresa utiliza para tal fin, "un software corporativo no que se anota toda a información relativa ás avarías, tipos, tempos de reparación e información" sobre as reparacións que poidan existir. "Toda esa información -abonda- queda rexistrada, gravada e almacenada na base de datos para ser analizada" por "persoal técnico cualificado" da propia compañía.
"Entre as incidencias críticas anotadas" segundo a "norma", especifica, había pezas "rozadas", "enganches con folgura, rótulas fendidas, etcétera", di en referencia a pezas do Alvia. No entanto, afirma nese documento xa presentado polas vítimas ao xulgado, "transcorrida unha media hora do accidente", contra as nove e cuarto da noite do 23 de xullo de 2013, "varios directivos de Talgo que se persoaron e que non coñecía xunto co xefe do taller de Fuencarral", onde fora revisado o tren, "deron a orde taxativa de borrar todas as avarías que tiña o tren da base de datos do sistema de xestión de avarías". A orde asegura que foi atendida e o responsable do sistema informático mesmo recibiu "os parabéns por conseguir borrar toda esa información", asegura.
A plataforma de vítimas pide formalmente que o xuíz interrogue o mecánico e outros tres responsables de Talgo. A empresa nega os feitos, subliña que o operario "foi despedido" o pasado maio e anuncia accións legais contra el
A plataforma de vítimas entregou este 10 de outubro esa declaración xurada do traballador xunto cunha identificación que acredita que foi traballador de Talgo. No escrito remitido ao xulgado piden ao xuíz que lle tome declaración e tamén a tres responsables da empresa ferroviaria, ao dar por evidente que "teñen información relativa o accidente" e "a súa declaración é pertinente e relevante par ao esclarecemento dos feitos investigados".
Esta petición prodúcese cando a Audiencia da Coruña está a piques de resolver sobre os recursos das partes ao peche da instrución xudicial deste caso, paso final antes de que os feitos vaian a xuízo. Entre a documentación do caso están as peritaxes realizadas ao tren e ás súas pezas tras o accidente e en ningunha delas figura avaría ou eiva ningunha que fose considerada relevante para o accidente. As diferentes partes e tamén peritos puxeron o foco en presuntas deficiencias na avaliación de riscos e na seguridade da liña na que sucedeu o accidente, alén de no despiste do maquinista e no exceso de velocidade, pero ningunha delas apuntou avarías ou defectos no tren sinistrado nese sentido.
Talgo "nega absolutamente a veracidade" das acusacións do operario e agrega que é "tecnicamente imposible eliminar eses datos"
Praza.gal púxose en contacto con Talgo para coñecer a súa versión dos feitos. A través dun "comunicado oficial", a empresa subliña que "o traballador xa non pertence ao plantel da compañía" porque "foi despedido o 28 de maio de 2018" e anuncia o "inicio" de "accións legais por calumnias contra o ex-empregado" tanto da compañía como por parte "dos directivos mencionados" na súa declaración.
Sobre os aspectos concretos da acusación, Talgo "nega absolutamente a veracidade das supostas declaracións do ex-traballador". "Non só é falso, senón que ademais é tecnicamente imposible eliminar eses datos". "Os directivos de Talgo aos que alude este ex-traballador nunca pisaron as instalacións de Fuencarral, como falsamente se indica, posto que inmediatamente en canto tiveron coñecemento, trasladáronse ata o lugar onde ocorreu o terrible suceso", aseguran.