Antonio Lanchares foi ata setembro de 2018 director de Seguridade na Circulación de Renfe. Cando dimitiu estaba investigado -antiga imputación- na causa xudicial polo accidente de Angrois, no que morreron 80 persoas e outras 144 resultaron feridas o 24 de xullo de 2013. O xuíz investigábao porque consideraba que tanto Lanchares como o seu homólogo no Adif, Andrés Cortabitarte, reduciran a seguridade dos trens Alvia na curva de Angrois sen avaliar correctamente o risco dun descarrilamento como o que finalmente aconteceu.
As vítimas reclaman que o ex-xefe de Seguridade de Renfe siga imputado ao considerar que é tan responsable da falta de avaliación de riscos na curva do accidente como o cargo de Adif que continúa como investigado
Pero esa argumentación do xuíz Andrés Lago Louro mudou o pasado decembro, cando propuxo formalmente pechar a instrución do caso para ir a xuízo. Mantivo como imputados ao maquinista e a Cortabitarte, pero non a Lanchares. Vítimas do accidente tentaron cun recurso que o ex-xefe de Seguridade de Renfe continuase imputado, ademais doutro cargo de Adif, pero Lago Louro desestimouno. Agora procurarán que sexa a Audiencia Provincial da Coruña a que atenda esta petición.
Nun recurso de apelación datado no 19 de marzo, a cuxo contido tivo acceso Praza.gal, a representación legal da Plataforma Víctimas Alvia 04155 tenta rebater as razóns do xuíz para retirar a imputación a Lanchares. Lago Louro, lembran, di que "a competencia" do ex-xefe de Renfe estaba limitada "exclusivamente ao material rodante", o tren, e "a formación do maquinista". Pero ao seu xuízo non é así. Proba disto, exemplifican, e que o aviso sobre a falta de seguridade na curva de Angrois lanzado polo xefe de maquinistas de Ourense un ano e sete meses antes do accidente foi dirixido a responsables de Renfe e que o "máximo responsable" en materia de seguridade era Lanchares.
A plataforma de afectados polo sinistro do Alvia reclama tamén no seu recurso manter como imputado ao subordinado de Cortabitarte que foi imputado como colaborador nas decisións do seu superior
Tanto as normas internas da empresa pública como a normativa europea en materia ferroviaria, agrega o recurso, atribúen ao departamento de Seguridade que encabezaba Lanchares as facultades de "realizar a identificación de perigos e avaliación de riscos" e "velar polo cumprimento das medidas de control do risco e controlar a súa eficacia".
Esas directrices foron "incumpridas", razoa a representación legal das vítimas , que se apoian no criterio da UE para subliñar que a avaliación de riscos non era só competencia de Adif. Cando, en xuño de 2012, Lanchares pediu a Cortabitarte permiso para desconectar o sistema de control constante da velocidade ERTMS a bordo dos trens Alvia porque daba fallos -non foi reparado e posto en servizo ata agosto de 2014-, salientan, "sabían e aceptaron que non se efectuara a máis mínima avaliación do risco", iso supón incumprir a normativa e daquela, ambos mandos deben continuar imputados, conclúen.
No mesmo recurso a plataforma de vítimas reclama tamén que continúe a ser investigado Fernando Rebón Sartal, xerente de Seguridade na Circulación de Adif para o noroeste da Península no momento do accidente que estivo imputado como colaborador nas decisións do seu superior, Cortabitarte. Dado o seu cargo, sinalan, cando a liña Santiago-Ourense foi dada de alta para comezar a funcionar, tería que "supervisar ou, cando menos, revisar que se cumprise a normativa" en materia de seguridade.
As vítimas piden tamén que sexa aceptada a declaración como testemuña de Christopher Carr, xefe da área de Seguridade da Axencia Ferroviaria Europea
O recurso conclúe coa reclamación de que sexa aceptado no proceso o testemuño de Christopher Carr, xefe do departamento de Seguridade da Axencia Ferroviaria da UE, organismo moi crítico coa actuación de Fomento en todo o vinculado ao accidente de Angrois. O xuíz non aceptou a súa declaración porque no sumario xa constan os informes da propia Axencia, pero as vítimas sinalan que o feito de que Carr "xa emitise a súa opinión por escrito non é motivo para non citalo a declarar". "Por esa regra de tres, non se debería tomar declaración a ningún dos peritos" do caso, pero "declararon todos", lembra.
Como xa indicou ao desestimar os recursos das vítimas, do maquinista e de Adif, o instrutor agarda polo resultado destas apelacións na Audiencia da Coruña para determinar o destino final da investigación. Se son rexeitados, pechará o procedemento e proporá ir xa a xuízo.