A Audiencia Provincial da Coruña tiña previsto deliberar este venres, 11 de outubro, sobre os recursos interpostos polas partes ao peche da instrución xudicial do caso Angrois, último paso antes de que os feitos vaian a xuízo. No entanto, o escrito rexistrado apenas vinte e catro horas antes pola Plataforma Víctimas Alvia 04155 coa declaración xurada dun ex-mecánico da empresa Talgo vén de provocar que o tribunal modifique o seu guión e adíe a súa deliberación.
O ex-mecánico de Talgo afirma que revisou o Alvia e detectou "diferentes avarías" que a empresa ordenou "borrar" do sistema informático tras o sinistro; a compañía négao e anuncia accións legais
Como informou Praza.gal, nesa declaración revelada polas vítimas o operario relata que revisou en Madrid o tren accidentado poucas horas antes do descarrilamento no que morreron 80 persoas e outras 144 resultaron feridas. Sempre segundo o seu relato, nesa revisión detectou "diferentes avarías" que deixou reflectidas no sistema informático empregado con esa finalidade. No entanto, afirma, apenas "media hora" despois do accidente en Compostela, "varios directivos deron a orde taxativa de borrar" eses datos do sistema e así se fixo.
Pouco despois de que as vítimas trasladasen ao xulgado que instrúe o caso esa declaración xurada xunto cun escrito no que reclamaban que o xuíz interrogue o operario e mais aos directivos sinalados por el, Talgo respondía. A compañía "nega absolutamente a veracidade" das acusacións, afirma que ese borrado é "tecnicamente imposible" e anuncia accións legais contra o mecánico que, subliñan, foi despedido en maio de 2018.
A plataforma de vítimas pediu a suspensión da deliberación da Audiencia sobre os recursos á fin da instrución, prevista para este 11 de outubro, e o tribunal concede tres días para que as partes fixen posición
Este é o escenario no que a Audiencia coruñesa tiña que deliberar sobre os recursos contra o peche da instrución. Sobre a súa mesa presentouse unha solicitude formal da representación legal da Plataforma de vítimas, na que solicitaban a "suspensión" dese acto, segundo confirman fontes xudiciais.
Nunha providencia datada neste mesmo 11 de outubro, o presidente da sala, Ángel Pantín, frea o proceso "ante a eventual relevancia do feito de nova noticia" achegado polas vítimas, a denuncia do mecánico, e dá ás partes "tres días" para que fixen posición ao respecto.
As vítimas reclaman que o xuíz instrutor interrogue o mecánico e aos directivos de Talgo aos que sinala
En canto as partes cumprimenten este trámite, a Audiencia decidirá. Á disxuntiva sobre se manter ou non o maquinista e o ex-xefe de Seguridade de Adif como únicos acusados engádese agora outra cuestión: concordar co peche da instrución ou ben, como xa sucedera en maio de 2016, ordenar reabrila para realizar novas dilixencias de investigación. Para a plataforma de vítimas, ás novas pescudas que reclaman debérase engadir agora o interrogatorio ao ex-mecánico de Talgo e aos directivos que sinala.
Na súa decisión a Audiencia ponderará as peticións das partes, o escrito coa declaración do mecánico e a propia documentación do sumario. Nela constan peritaxes do tren tras o accidente formuladas por todas as partes e nelas non constan eivas ou avarías que fosen consideradas relevantes como causa do accidente. Durante o proceso o foco estivo posto nas condicións de seguridade na liña, en presuntas deficiencias na avaliación de riscos nesta, no exceso de velocidade e no despiste do maquinista.