O fiscal de Angrois pide investigar a denuncia de “avarías críticas” no tren lanzada por un mecánico de Talgo

Vítimas de Angrois ante os xulgados de Santiago e escrito do fiscal CC-BY-SA Praza Pública

A Audiencia da Coruña tiña pendente de resolver a proposta do xuíz instrutor de xulgar xa ao maquinista e un cargo de Adif, pero o fiscal, como as vítimas, considera necesario analizar antes a nova revelación

O fiscal a cargo da investigación do accidente de Angrois, Mario Piñeiro, coincide coas vítimas e co avogado do maquinista do tren en que debe investigarse a denuncia formulada por un antigo mecánico de Talgo, a través dunha declaración xurada asinada máis de seis anos despois do sinistro, de que tras o accidente se borraron datos informáticos sobre posibles avarías do Alvia. “Sen entrar noutras consideracións, como o tempo transcorrido, e a necesidade de instruír a causa nun prazo razoable, atendendo a que o achegado versa sobre supostas “avarías...críticas” no tren accidentado, estímase necesaria a súa investigación, e, no seu caso, determinar a relevancia causal no accidente”, di o fiscal nun escrito ao que tivo acceso Praza.gal.

Escrito do fiscal de Angrois CC-BY-SA Praza Pública

A Audiencia Provincial da Coruña tiña previsto analizar o pasado 11 de outubro se validaba ou corrixía a proposta do xuíz instrutor do accidente de Angrois, formulada hai xa case un ano, de xulgar xa como responsables de 80 homicidios por imprudencia tanto o maquinista do tren como o daquela director de Seguridade na Circulación de Adif. Porén, un día antes a plataforma de vítimas do sinistro sacou á luz unha declaración xurada dun antigo mecánico de Talgo que asegura que xusto tras o descarrilamento se borraron datos informáticos sobre posibles avarías do tren.

A investigación acumula xa máis de seis anos con numerosas demoras de todo tipo

Ao coñecer a denuncia, a Audiencia decidiu aprazar a súa decisión sobre o futuro do caso e consultar ás partes persoadas na causa a súa opinión sobre que facer agora. As vítimas pediron que se investigue a denuncia, igual que o avogado do maquinista. Pola súa parte, o avogado do cargo de Adif tamén imputado por non habilitar as medidas de seguridade necesarias para evitar o despiste do maquinista salientou que a denuncia do mecánico evidencia que se investigou moito máis a infraestrutura (as vías, dependentes de Adif e do seu defendido) que o tren (dependente de Renfe e Talgo). Pola súa parte, Renfe dixo non ter coñecemento dos feitos. 

Agora, con todas esas opinións ao respecto e a petición do fiscal de que se investigue esa denuncia, a Audiencia deberá decidir nos próximos días os pasos a dar nunha investigación que acumula xa máis de seis anos con numeras demoras de todo tipo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.