O BOE vén de publicar o concurso para ocupar o xulgado de Instrución 3 de Santiago, que tamén se fixo cargo das investigacións pola hepatite ou os helicópteros de incendios e cuxo titular seguirá instruíndo o accidente para evitar paróns
O xulgado de Instrución número 3 de Santiago, o que estaba de garda o 24 de xullo de 2013 cando se produciu o accidente de Angrois e desde aquela vén investigando o caso, así como os das mortes pola hepatite ou as adxudicacións dos helicópteros de incendios, volverá cambiar de xuíz por segunda vez neste tempo. Despois de que en 2014 o primeiro instrutor, Luis Aláez, obtivese outra praza e fose substituído por Andrés Lago Louro, agora é este o que vén de solicitar outro destino, o que fai que o Consello Xeral do Poder Xudicial saque a concurso, coa súa publicación no BOE deste venres, a praza de maxistrado do xulgado de Instrución número 3. Fontes do poder xudicial indican que Lago Louro seguirá instruíndo o caso de Angrois para evitar paróns no mesmo.
A chegada ao xulgado dun terceiro maxistrado ameazaría con producir máis atrasos na investigación, co maquinista e un cargo de Adif imputados actualmente e que seis anos e medio despois xa estaba a encarar a súa última fase tras todo tipo de demoras tanto pola lentitude do sistema xudicial como por ocultacións de Adif e Renfe.
Despois de que o primeiro xuíz imputase a varias ducias de cargos de Adif e Renfe, o segundo propuxo xulgar só ao maquinista, pero a Audiencia obrigouno a investigar a responsabilidade de Adif
Cando no seu momento o primeiro xuíz, Luis Aláez, que chegou a imputar a varias ducias de altos cargos de Adif e Renfe, cambiou de destino por motivos persoais, decidiu permanecer uns meses no posto, ata o verán de 2014, para que non se paralizase a instrución mentres non se nomeaba un novo titular do xulgado, algo similar ao que agora vén de facer Lago Louro, segundo fontes do poder xudicial, que tras a publicación dunha primeira versión desta información confirmaron que efectivamente se lle concedeu esa "prórroga de xurisdición" ata "a conclusión" da instrución do accidente de Angrois. Agora esa investigación parece próxima ao seu remate, pero en 2014 aquela substitución programada non impediu que Lago Louro, tardase aínda meses en facerse cunha instrución que xa acumulaba milleiros de folios e que un ano máis tarde, en outubro de 2015, propuña dar por rematada co maquinista como único acusado. Aquela decisión foi revocada medio ano despois pola Audiencia Provincial da Coruña, que obrigou a Lago Louro a pescudar a posible responsabilidade de Adif por non habilitar medidas que evitasen o accidente.
Ademais de cambiar de xuíz, o caso tamén cambiou de fiscal cando o primeiro, Antonio Roma, que non quixo investigar máis que ao maquinista, obtivo outra praza
Neste tempo o volume da instrución non parou de medrar nun xulgado que é considerado un dos máis conflitivos e mediáticos de Santiago e que se fai cargo tamén da violencia de xénero, o que altera os ritmos de traballo do resto de investigacións polas urxencias dese tipo de casos e provoca, segundo diversas fontes, unha importante carga psicolóxica no seu persoal. Ademais, neste tempo non só cambiou o xuíz instrutor senón tamén o fiscal do caso. O primeiro, Antonio Roma, que non quixo investigar máis que ao maquinista, obtivo un posto de coordinador da cooperación xudicial da UE con América Latina e foi substituído en 2017 por Mario Piñeiro, fiscal que pola contra se vén amosando máis activo á hora de buscar posibles responsabilidades noutros ámbitos máis alá do condutor.
A investigación do accidente de Angrois mantén actualmente como imputados ao maquinista do tren, Francisco José Garzón, e ao daquela director de Seguridade na Circulación de Adif, Andrés Cortabitarte, o primeiro por non frear a tempo antes da curva de Angrois tras despistarse cunha chamada que lle fixera o interventor do tren e o segundo por non avaliar como establecía a normativa os riscos existentes nese punto para palialos dalgún xeito. O actual xuíz instrutor, Lago Louro, propuxo hai xa máis dun ano, co apoio do segundo fiscal do caso, dar por pechada a investigación e levar a xuízo a eses dous acusados, decisión que foi recorrida por todas as partes e que está pendente aínda de resolución por parte da Audiencia Provincial da Coruña.
A Audiencia tiña previsto resolver sobre a apertura de xuízo o pasado novembro, pero uns días antes un antigo mecánico de Talgo denunciou que poucos minutos despois do accidente a empresa dera a orde de borrar datos sobre posibles avarías no Alvia accidentado. O tribunal decidiu que se tomase declaración a ese mecánico e a tres cargos de Talgo, comparecencia fixada para o 23 deste mes de xaneiro, e pospuxo a súa decisión sobre a apertura do xuízo ao que poida saír deses interrogatorios.
Lago Louro tamén investigou, e arquivou, casos como as mortes de enfermos de hepatite, a adxudicación ilegal dos helicópteros contra incendios ou a suposta retención de monxas nun convento de Santiago
Ademais da instrución do accidente de Angrois, durante a súa permanencia no xulgado de Instrución 3 o maxistrado Lago Louro tamén se fixo cargo doutros casos mediáticos que acabou arquivando por considerar que non se cometera ningún delito. Foi o que ocorreu coa investigación a varios altos cargos da Xunta por encargar o servizo de helicópteros contra incendios “sen contrato”, ou pola suposta retención de monxas nun convento de Santiago. Lago Louro tamén arquivou hai dous meses, máis de tres anos e medio despois de iniciarse, a investigación contra cargos da Xunta polas mortes de enfermos de hepatite, decisión que vén de ser recorrida polos afectados e a Fiscalía.