O xuíz arquiva a causa contra os cargos da Xunta acusados de homicidio por atrasar fármacos contra a Hepatite C

Doentes de hepatite protestan no Parlamento CC-BY-NC-SA BNG

O instrutor non considera probado máis de tres anos e medio despois de iniciarse o caso que “o falecemento dos doentes lles sexa imputable causalmente aos investigados

O xuíz instrutor da investigación penal polas mortes de varios doentes de hepatite C polas que a Fiscalía acusou a varios cargos da Xunta de homicidio por “razóns orzamentarias” vén de arquivar o caso máis de tres anos e medio despois por considerar que non hai indicios de que fosen responsables dos falecementos. O maxistrado Andrés Lago Louro así o decidiu nun auto con data deste luns que pode ser recorrido e que chega máis de tres anos e medio despois da denuncia da Fiscalía.

A decisión do xuíz supón o sobresemento provisional da causa e arquivo das actuacións respecto ao director de Asistencia Sanitaria e á subdirectora de Farmacia do Sergas, que foron investigados como presuntos responsables de delitos de homicidio por imprudencia grave profesional e prevaricación por, presuntamente, non facilitar o tratamento de pacientes de hepatite C. 

Os cargos investigados pola hepatite, chegando aos xulgados cos letrados da Xunta © CRTVG

O xuíz destaca que os medicamentos “se atopaban aínda en fase case experimental" e xustifica que o Sergas deseñas procedementos para a súa aplicación

“Non podemos afirmar que a morte ou falecemento dos pacientes lles sexa imputable causalmente aos investigados”, indica o maxistrado, quen subliña que “o falecemento sobreveu por causas alleas á demora, omisión ou dilación na tramitación das peticións ou solicitudes de aplicación dos novos fármacos”. O xuíz destaca que os medicamentos “se atopaban aínda en fase case experimental e cuns resultados que aínda eran incertos, de aí a necesidade de que as autoridades sanitarias deseñasen mecanismos ou procedementos destinados a precisar con sumo coidado aqueles casos en que estaría indicada a súa aplicación”.

O auto sinala que tampouco se pode concluír que, se se lles aplicasen aos pacientes os novos fármacos, se evitaría o seu falecemento. “Se analizamos o exhaustivo informe que foi emitido polo Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga), a conclusión que se extrae é que o falecemento dos pacientes se produciu por causas alleas á subministración dos novos fármacos”, di o xuíz, quen engade que do informe forense infírese que os novos tratamentos antivirais “o que conseguían era unha eficacia moi alta á hora de eliminar o virus da hepatite C, pero iso non quere dicir que os pacientes curasen”.

O xuíz di que o procedemento deseñado polo Sergas para administrar os fármacos é “moi similar ao aplicado noutras comunidades autónomas”

O procedemento deseñado polo Sergas para garantir o acceso dos pacientes aos novos medicamentos da hepatite C, segundo o auto, é “moi similar ao aplicado noutras comunidades autónomas”. O maxistrado sinala que na data dos feitos os novos tratamentos “nin sequera se atopaban plenamente admitidos pola Axencia Europea do Medicamento, de modo que o seu acceso só podería facerse de modo extraordinario como uso compasivo para aqueles pacientes nunha situación de especial gravidade”. Ademais, indica que as autoridades sanitarias debían “cinguirse ás esixencias do titular da patente, neste caso Gilead, único laboratorio que os fabricaba”.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.