O que fora director xeral de Asitencia Sanitaria do Sergas -e actual xerente da área sanitaria de Vigo-, Félix Rubial, e Carolina González-Criado, subdirectora xeral de Farmacia, declararon este mércores de novo en sede xudicial, onde xa compareceran por un suposto delito de prevaricación, na causa aberta polas eivas no subministro nos tratamentos de hepatite C en Galicia. Fixérono desta vez como investigados por outro suposto delito de homicidio imprudente no caso de seis dos oito enfermos falecidos incluídos na causa e insistiron en que a súa actuación foi "dilixente", que en ningún caso houbo "dilación" á hora de subministrar os medicamentos e sinalaron os integrantes da comisión que presidían.
Os dous cargos do Sergas declararon como investigados por presunto homicidio logo de admitirse parcialmente o recurso da Fiscalía
Tras o cumprimento co auto da Audiencia Provincial da Coruña -que estimara parcialmente o recurso da Fiscalía pedindo que fosen investigados por homicidio-, os dous responsables do Sergas declararon este mércores en dilixencias previas. Agora será o xuíz quen decida se abre ou non xuízo oral contra eles.
Rubial, á saída dos xulgados, asegurou ter actuado de xeito "dilixente" en todos os casos de hepatite C e negou que existise calquera "tipo de dilación" no subministro e, nomeadamente, derivada por motivos económicos. Ademais, di que coa "información" achegada, tanto verbal como documenalmente, quedaría "sobradamente probada" a "actitude dilixente do Sergas nestes e en todos os casos".
Rubial cre que coa súa declaración e os datos achegados quedará "sobradamente probada" a "actitude dilixente do Sergas"
"Foron 1.150 solicitudes as que se fixeron antes da entrada en vigor do plan estratéxico, das cales foron aprobadas o 99% das mesmas e tan só 13 foron rexeitadas por motivos de seguridade ou clínicos", engadiu para asegurar que "a ningún dos pacientes" polos que o investigan se lles rexeitou o tratamento. "Queda suficientemente probado que non hai ningún tipo de dilación nese sentido", rematou, para poñerse a disposición da Xustiza para "achegar todo o que sexa necesario" e lle reclamen.
A argumentación pública de Rubial foi a mesma que tanto el como González-Criado -que non fixo declaracións aos medios- levaron a cabo ante o xuíz. Segundo fontes implicadas no proceso, os dous responsables do Sergas insisten en destacar os máis de mil casos tratados desde 2012 aínda que os tratamentos polos que se abriu a causa non están dispoñibles ata 2014. Ademais, aclaran que non se lle negou tratamento a ningunha das persoas, mentres desde a plataforma de afectados lémbrase que "non están a ser procesados por denegalos, senón por atrasar tratamentos prescritos por especialistas conforme a uns criterios previos e facelo por motivos económicos". Tardaron cinco meses e varios doentes acabaron morrendo, e é ese período de tempo sobre o que "non se dá explicado o que pasou". O caso é comprobar se o Sergas, malia que o medicamento necesario estaba aprobado polo Ministerio aínda que este non se faría cargo do custo até máis tarde, evitou subminisrar esta menciña por non asumir daquela o seu elevado prezo.
A investigación trata de comprobar se o Sergas atrasou o subministro do medicamento aceptado polo Ministerio para evitar pagar o seu elevado custo
O portavoz da plataforma galega de afectados, Quique Costas, espera que as palabras dos investigados "evidencien as contradicións" que, segundo dixo, "houbo entre as súas declaracións previas e a da única testemuña que compareceu até o momento". Refírese á da ex-directora de Procesos Asitenciais do CHUS, que asegurara que avisou da "gravidade" dos doentes que faleceron esperando tratamento e que negou que existise outro mecanismo para conceder os fármacos "á marxe da subcomisión", tal e como aseguraron os dous investigados, que a sinalaran como responsable
"É dicir, que hai unhas prescricións farmacolóxicas feitas polos especialistas do Sergas que non son atendidas máis que con moito atraso, de varios meses, e que acaban, en moitos casos, na morte dos pacientes", reiterou, ademais de advertir como Rubial e Gómez-Criado sinalaron a médicos. Agora fano cos membros da subcomisión -que eles presidían e da que asinaban as resolucións- que serán os próximos citados a declarar en calidade de testemuñas.
A plataforma de afectados lamenta que as familias non puidesen estar presentes nestas dilixencias previas como acusación particular
Alén disto, Costas amosou o seu pesar polo feito de que non puidesen estar presentes na vista "as familias dos afectados a través da súa representación legal" logo de que malia a petición da Fiscalía e da mesma plataforma, fosen rexeitadas como acusación particular. Así, lembra que en delitos con vítimas de homicidio é "perceptivo" que se ofreza poder exercer accións legais aos prexudicados directos, pero no se fixo e "non puideron participar neste interrogatorio".
Segundo Costas, dase "o paradoxo" de que as familias afectadas "ignoran que está a ser investigado o falecemento do seu familiar porque o caso está declarado secreto". "Nin eles o saben nin nós llelo podemos comunicar", di.
A Xunta defende os investigados
A investigación que está aberta trata de aclarar se houbo un atraso ilícito na avaliación de doentes con hepatite C e, xa que logo, na subministración de medicamentos que poderían terlles salvado a vida. Ademais dun suposto delito de prevaricación, polo que os dous investigados declararon no pasado mes de abril, a Fiscalía atribuíulles tamén o de "homicidio por imprudencia profesional grave" ao atrasar a administración dos fármacos "por razóns orzamentarias", tal e como adiantara este diario ao destaparse o caso. Desde a Xunta, tanto o presidente Núñez Feijóo como Sanidade defenderon que "sempre" se usaron criterios clínicos para a atención de pacientes.
O Sergas cre que a declaracións dos seus cargos foi "contundente"
Este mesmo mércores, en declaracións á axencia Europa Press, o xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa, asegurou que a declaración realizada polos investigados foi "contundente" e espera que sirva para levar á "resolución deste asunto", ademais de reiterar a súa confianza neles. Desde a plataforma de afectados insistiuse en que manter os investigados nos cargos é "unha afrenta aos falecidos, á plataforma e á sociedade" e esperan que "os que agoran os apoian vinculen os seus postos ao procedemento xudicial".
Hai pouco máis dun ano, o xuíz Lago Louro ditou auto de incoación por prevaricación administrativa e os dous investigados compareceron a prestar declaración a finais de abril, momento no que descargaron toda a responsabilidade nos médicos. Con todo, o maxistrado impedira daquela que tanto a Fiscalía como a representación legal da Plataforma Galega de Afectados pola Hepatite C cuestionasen sobre aspectos directamente relacionados coa posible comisión de delitos de homicidio imprudente, algo que si aconteceu este mércores.
Malia as peticións da propia plataforma e de boa parte da oposición, Feijóo negouse a destituír os dous altos cargos e advertiu que ambos "cumpriran co seu traballo" e que o auto que os imputaba por posible homicidio non lle preocupaba en absoluto. Xa hai varios meses, cando se coñecera a acusación da Fiscalía, o presidente da Xunta fora moi duro cos médicos que formularon as denuncias, aos que cualificou de "indignos" e mesmo definira como "insidias" as acusacións de que a decisión de non aprobar tratamentos provocara o falecemento de pacientes. Atribuía as demandas a "leas que hai nos hospitais entre servizos e nos mesmos servizos" e mesmo fora máis aló ao atribuír á oposición as acusacións do Ministerio Fiscal e cualifícalas de "disparate" e "insulto" mentres se gababa de "pagar" os tratamentos. "Por dous ou tres pacientes, non me parece lóxico relacionar esas denuncias coa austeridade", sentenciara.
Este mesmo mércores, na sesión de control do Parlamento, Feijóo acusou a oposición de amosar o Sergas como "un servizo africano" por reprocharlle, entre outras cousas, os recortes sufridos pola sanidade pública ou as "mortes de persoas por non obteren en tempo" os medicamentos da hepatite C.