"Sen unha aposta real pola Atención Primaria, tal e como alertan os propios coordinadores de Urxencias, o colapso seguirá cronificándose", asegura a Comisión de Centro do CHUAC
A análise é compartida polo persoal do Sergas por todo o país: o problema das Urxencias empeza na Atención Primaria. A falta de cobertura nos centros de saúde e as listas de espera para acceder a unha consulta co médico de cabeceira incrementa de maneira exponencial o número de consultas nos PAC e, finalmente, nos servizos de Urxencias dos hospitais, onde por norma se atende a todos os doentes que entran pola porta.
No Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo chegaron a ter preto de 800 pacientes en Urxencias nun mesmo día e no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) alcanzaron os 500, que xa son moitos, segundo explican traballadoras destas unidades a Praza.gal. En Vigo, o persoal de Urxencias mantén os paros de 15 minutos en sinal de protesta iniciados hai unha semana.
A Comisión de Centro do CHUAC volveu emitir este martes un comunicado no que reitera que non vai “normalizar” a situación de “colapso grave e sostido”, “nin aceptar que se siga xogando coa saúde da poboación e coas condicións laborais do persoal”.
Esixen á xerencia da área sanitaria da Coruña e á Consellería de Sanidade “que deixen de aplicar parches” e adopten medidas “urxentes e estruturais”, reforzando de maneira inmediata a Atención Primaria, incrementando as camas de hospitalización e dotando aos centros de persoal suficiente en todas as categorías.
"Sen unha aposta real pola Atención Primaria, tal e como alertan os propios coordinadores de Urxencias, o colapso seguirá cronificándose", asegura a Comisión de Centro do CHUAC
“Sen unha aposta real pola Atención Primaria, tal e como alertan os propios coordinadores de Urxencias, o colapso seguirá cronificándose”, aseveran dende A Coruña, en referencia a un comunicado conxunto realizado a pasada fin de semana polos coordinadores dos servizos de Urxencias dos principais hospitais galegos.
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, valora que “o número de urxencias é moi similar ao do ano pasado, o que pasa é que a presión de Urxencias é maior porque hai maior porcentaxe de pacientes que realmente teñen que ingresar no hospital, con todas as consecuencias que ten iso”.
A Consellería informa de que “do luns 5 de xaneiro de 2026 ao domingo 11 de xaneiro a media diaria de urxencias atendidas nos hospitais públicos galegos foi de 3.181, con 537 pacientes finalmente ingresados (o cal representa unha presión de urxencias do 75,24%). Na mesma semana do ano anterior, do luns 6 de xaneiro ao día 12, a media diaria de urxencias atendidas foi de 3.243 (62 máis que neste ano 2026), con 509 casos que precisaron de ingreso (o que supón unha presión do 67,35%)”.
Estes datos, que o persoal do Sergas relaciona directamente co “fallo” na cadea da atención sanitaria que comeza nos centros de saúde, para a Consellería significa unha presión asistencial que cualifica como “alta”, pero “como corresponde a esta época do ano como consecuencia das infeccións respiratorias e da gripe e como está a acontecer en toda España”.
"Estamos agora mesmo nun pico de demanda asistencial bastante importante, tanto nos centros de saúde e nos PAC, como nas Urxencias hospitalarias", di o xerente da Coruña
O xerente da área sanitaria da Coruña, Luis Verde, manifesta que “estamos agora mesmo nun pico de demanda asistencial bastante importante, tanto nos centros de saúde e nos PAC, como nas Urxencias hospitalarias”. E relaciona esa demanda, “tanto en adultos como en nenos”, cun “claro predominio das infeccións respiratorias e as descompensacións que acostuman a acompañalas”.
“Falamos neste caso de xente de idade avanzada que con frecuencia require hospitalización, pero todo acorde ao que sucede nesta época do ano. A gripe continúa tendo unha importante relevancia epidémica, aínda que estea estabilizada e incluso comezando a descender temos 67 pacientes ingresados con gripe no noso hospital”, sinala.
A Comisión de Centro do CHUAC alerta de que o "colapso permanente das Urxencias" está a estenderse a outras áreas do hospital
Luis Verde asegura que están “postas en marcha as medidas organizativas previstas en función da demanda e das necesidades que se ían detectando, incluíndo os reforzos de persoal sanitario e non sanitario que sexan precisos”. Fontes do persoal indican que eses “reforzos” xa son case estables ao longo do ano e que a xerencia ten uns profesionais “comodín” que vai contratando para “cubrir ocos”.
A Comisión de Centro do CHUAC alertan de que o “colapso permanente das Urxencias” obriga a tomar “medidas excepcionais totalmente insuficientes” que provocan que “o colapso se estenda a outras áreas asistenciais” do hospital, “poñendo en risco a calidade da atención e a seguridade dos pacientes”. Poñen de exemplo o peche da unidade de trauma para ingresar doentes procedentes de Urxencias.