"Colapso continuado" nas Urxencias dos hospitais de Vigo e A Coruña que afecta á "seguridade" dos pacientes

Primeiro paro do persoal de Urxencias do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo o 7 de xaneiro © cedida

"Saturación", "atrasos" e pacientes "amontoados nos corredores". Os servizos de Urxencias dos hospitais de Vigo e da Coruña declaran o "colapso extremo" e critican a "inacción" e "improvisación" da Consellería de Sanidade

O persoal de Urxencias do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo únese nun comunicado conxunto no que denuncia “o colapso do servizo” e anuncia paros diarios como protesta para visbilizar a situación “crítica” na que está a traballar “debido á falta de espazo físico, a ausencia de solucións estruturais e a sobrecarga asistencial continua”.

“As que levamos anos traballando nunca vimos Urxencias así, nunca, nin coa COVID. Estamos todos sobrepasados, sobre todo psicoloxicamente, e falamos entre nós para visibilizar o colapso porque literalmente non temos onde meter a xente”, relata a Praza.gal unha enfermeira dende o hospital vigués.

En paralelo, a Comisión de Centro do CHUAC vén de facer público o “colapso extremo” que sofre o servizo de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña desde que comezou o ano e que “continúa agravándose ante a inacción da Xerencia”. 

Complexo Hospitalario Universitario de A Coruña (CHUAC) Dominio Público Praza Pública

“A asistencia que estamos dando é patética. Nunca me vin tan sobrepasada no meu traballo. Urxencias é un sitio con estrés constante, onde ves cousas moi graves, pero tamén leves. Pero levamos dous meses marchando para casa coa sensación de non facer ben o noso traballo. Temos a pacientes que deberan estar ingresados en planta máis de 48 horas agardando en Urxencias, amontoados nos corredores. Hai unha hora e media de espera para pasar pola triaxe cando chegas, é moi perigoso; e iso que hai tres equipos de triaxe funcionando á vez, que normalmente hai dous”, debulla esta enfermeira do Cunqueiro.

"Estamos comprometidos cos nosos pacientes, pero non podemos seguir sostendo un sistema baseado no sacrificio persoal, a improvisación constante e a deterioración progresiva da saúde dos traballadores"

O conxunto de profesionais sanitarios de Urxencias do hospital de Vigo, médicos, enfermería e técnicos en coidados auxiliares de enfermería advirten de que a situación está “afectando tanto á seguridade dos pacientes como ás condicións de traballo do persoal”. Con todo, recoñecen que o Sergas está a reforzar os cadros de persoal nas distintas quendas, pero sinalan que en moitos casos “tradúcese en dobrar quendas de maneira continuada, á conta dos nosos descansos, conciliación e saúde”.

“Ademais, en numerosas ocasións incorpóranse profesionais sen experiencia previa no servizo de Urxencias, sen a formación nin a rodaxe necesarios para unha contorna tan complexa, o que incrementa a presión sobre o resto do equipo e pode comprometer a seguridade asistencial”, denuncian no seu comunicado.

Vista aérea do hospital de Vigo co heliporto CC-BY-SA Sergas

A Comisión de Centro do CHUAC denuncia que a Xerencia da área sanitaria non adopta "medidas reais", nin está a "reforzar os cadros de persoal"

Na Coruña, a Comisión de Centro do CHUAC denuncia que a Xerencia da área sanitaria non adopta “medidas reais”, nin está a “reforzar os cadros de persoal”, nin habilitando os “recursos materiais necesarios”. “A situación resulta especialmente grave ao terse mantido unidades de hospitalización pechadas ata o día de onte, mentres Urxencias estaba completamente desbordada”, aseveran.

A “saturación total” das Urxencias no hospital da Coruña evidéncianse en que este mércores, ás 13 horas, máis de 240 doentes permanecían en Urxencias, dos cales 68 estaban en espera dunha cama de hospitalización, segundo a información facilitada pola Comisión de Centro. 

A "falta de respostas e solucións estruturais" leva o persoal de Urxencias do hospital de Vigo a convocar paros diarios de 15 minutos ás cinco da tarde de maneira indefinida

A “falta de respostas e solucións estruturais” leva o persoal de Urxencias do hospital de Vigo a convocar paros diarios de 15 minutos ás cinco da tarde desde este mércores e de maneira indefinida “como medida de protesta” ata que se adopten medidas “reais e efectivas”. “En todo momento garantirase a atención ás urxencias vitais”, apuntan.

“Os profesionais sanitarios estamos comprometidos cos nosos pacientes, pero non podemos seguir sostendo un sistema baseado no sacrificio persoal, a improvisación constante e a deterioración progresiva da saúde dos traballadores”, salientan no comunicado conxunto desde o Cunqueiro. 

O pico de gripe en Vigo foi, segundo os datos epidemiolóxicos, na derradeira semana do ano 2025, pero as profesionais consultadas por este xornal explican que non se notou porque levan “desde finais de outubro” nunha situación que cualifican como “límite” e que xa viñan arrastrando desde o verán. 

Distribución do Hospital Álvaro Cunqueiro co espazo de Urxencias marcado en vermello CC-BY-SA Sergas

A mensaxe desde os hospitais da Coruña e Vigo é clara: o persoal non acepta que o sistema sanitario se manteña exclusivamente a cargo do seu "esforzo extremo"

Ampliación de Urxencias en Vigo

“O servizo de Urxencias funciona desde hai tempo en condicións claramente insuficientes. O proxecto de ampliación do servizo leva anos paralizado, sen avances reais, mentres a demanda asistencial non deixa de aumentar. Non existe espazo físico suficiente para atender aos pacientes con seguridade e dignidade”, asegura o persoal no seu comunicado emitido este mércores, do que foron informados os cargos con responsabilidade desta área.

A necesidade de ampliar o espazo de Urxencias explícase porque o proxecto de hospital que finalmente se construíu en Vigo non respecta o plan inicial para esta área que, como sucedeu co conxunto do Álvaro Cunqueiro, foi reducida. Na Xunta de Persoal do hospital non teñen información sobre ese proxecto de ampliación ao que se referiu en múltiples ocasións a Consellería de Sanidade, e a presidenta, Pilar Rodríguez (CIG), asegura que a resposta que reciben é que “está en estudo”.

Reforzos urxentes na Coruña

A Comisión de Centro do CHUAC advirte de que “non se trata dun feito puntual, senón do resultado dunha falta de planificación e dunha xestión que se repite ano tras ano, sen aprender das experiencias previas”. 

Por este motivo, reitera ao Sergas a petición de “apertura inmediata de todas as unidades dispoñibles, o reforzo urxente de persoal en todas as categorías e a posta en marcha de medidas estruturais que eviten que Urxencias siga funcionando en condicións límite”. 

A mensaxe desde os hospitais da Coruña e Vigo é clara: o persoal non acepta que o sistema sanitario se manteña exclusivamente a cargo do seu “esforzo extremo”. Pero esta saturación non é única e depende tamén do que está a suceder nas urxencias extrahospitalarias do PAC e nos centros de saúde, con esperas de máis dunha semana nas consultas de Atención Primaria. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.