Desde hai ben anos, as múltiples eivas que sofre a atención primaria en Galicia (falta de persoal médico e remuda xeracional, aumento nas listas de espera, escaseza de recursos, saturación...) abriron o debate entre a Administración e os profesionais para poñer a andar un novo modelo. A última proposta da Consellería de Sanidade, plasmada no documento presentado na mesa sectorial do pasado 17 de outubro, ergueu as críticas de todos os sindicatos presentes, pero tamén de organizacións de facultativos, asembleas, sociedades científicas e os colexios médicos.
A convocatoria de varias xornadas de folga por parte das centrais e doutras entidades —e o apoio ás protestas do sector sanitario en pleno— provocaron longas e urxentes negociacións entre estes colectivos e o Sergas, que acabou por aceptar boa parte das demandas e logrou que tan só CIG-Saúde e O'Mega mantivesen os paros. CCOO, CSIF, UGT ou Simega celebraron un "avance histórico" e o conselleiro, Antonio Gómez Caamaño, celebrou tamén unhas medidas que volveron ser abordadas na mesa sectorial.
Unhas conversas, cesións e iniciativas de última hora que minguaron os efectos da folga —pero non o malestar entre milleiros de sanitarios— e que deixaron de lado anos de traballos elaborados por centos de expertos canda ao Sergas desde hai máis de seis anos. Esa é a denuncia dalgúns dos profesionais que desde abril de 2019 forman parte do Consello Técnico de Atención Primaria de Galicia (CTAP), un órgano colexiado, presidido polo conselleiro e con representantes de sociedades científicas, colexios, sindicatos e asociacións profesionais. Unha gran mesa de negociación creada, precisamente, tras o acordo que o Sergas aceptara para pór fin a outra convocatoria de folga daquela. Daquela, dixera si a "todo" o exixido para negociar ese novo modelo. Tamén crear este foro que segue vixente pero esquecido.
"Non se está a ter en conta nada do que traballamos e seguimos traballando desde hai tantos anos; é unha enorme frustración e unha decepción, sobre todo para aqueles que fan e fixeron tanto esforzo para buscar solucións e procurar un novo modelo na atención primaria", explica un dos profesionais que participa nas reunións das diferentes comisións deste consello técnico.
O Sergas acordou novas medidas para a atención primaria e logrou minorar a folga; desde 2019, un consello técnico traballa nun novo modelo e ten listas as conclusións, que aínda non son públicas
Unha das máis de 200 persoas implicadas en 15 comisións técnicas abertas desde mediados de 2019, que tiñan (e teñen) o obxectivo de poñer as bases dese novo modelo de atención primaria que, no entanto, foron substituídas por outra proposta do Sergas negociada nas últimas semanas e pendente de concretar. Un modelo negociado e debatido na comisión sectorial número nove do consello técnico que mesmo ten xa un informe final coas súas conclusións, logo das achegas e alegacións de psicólogos clínicos, terapeutas ocupacionais, farmacéuticos, fisioterapeutas, odontólogos ou persoal administrativo. Un informe aprobado por unanimidade das 23 entidades que forman o grupo de traballo e mais por Sanidade.
Precisamente, preguntada a Consellería sobre o porqué de non ter en conta todos estres traballos ou as posibilidades de aproveitar esas achegas para a futura atención primaria, a resposta limitouse a lembrar que o pleno do CTAP debe "reunirse dúas veces ao ano segundo establecen as súas normas de funcionamento" e que neste ano reuniuse o pasado mes de xuño e que aínda "está previsto convocar unha nova xuntanza antes de que remate o ano".
O Consello Técnico de Atención Primaria conta con máis de 200 profesionais e expertos en 15 comisións técnicas desde hai máis de seis anos: "Non se está a ter en conta nada"
Esa xuntanza do pleno pendente é a que debería dar o visto e prace a un documento aínda provisional que a comisión encargada debe virar en definitivo. Nada se sabe aínda da data, pero tampouco se ese documento froito de anos de traballos e achegas de centos de expertos será ignorado como —denuncian varios dos implicados— se fixo até agora.
José Dios, médico retirado de primaria e secretario da Asociación Galega en Defensa da Sanidade Pública (AGDSP), é un dos participantes nos traballos do consello técnico desde o seu inicio. Critica o "desprezo" a todo o labor feito, así como que a xuntanza prevista para despois do verán siga adiada e os chamamentos a convocala sen responder por parte do Sergas. Que a Consellería propoña agora, tras lograr que catro organizacións desconvocasen a folga, abrir un período de negociación para o novo modelo indígnalle aínda máis. "É unha tomadura de pelo; levamos negociando, debatendo e traballando sobre isto desde 2019", aclara quen cre que este desleixo débese a unha "estratexia" por parte da Xunta. "É dramático pero todo fai indicar que o desmantelamento e a privatización seguen adiante; non lles interesa que a situación da atención primaria se solucione", insiste.
Dios bota a vista atrás e lembra como en 2009, ao pouco de chegar Feijóo á presidencia da Xunta, o seu goberno botou abaixo un plan de mellora pactado entre o anterior executivo de coalición e unha ducia de entidades do ámbito sanitario. Agora, máis de quince anos despois, o plan polo que se traballou durante máis dun lustro está "esquecido nun caixón".
José Dios, da AGDSP, critica que Sanidade diga agora que abre un período de negociación para o novo modelo: "É unha tomadura de pelo; levamos debatendo e traballando nisto desde 2019"
As medidas xa redactadas, segundo confirma Dios e outras fontes implicadas, son detalladas e a maioría coinciden nos puntos que provocaron a convocatoria da última folga. As catro liñas estratéxicas, lembran, céntranse en rematar coa marxinación da atención primaria e a escaseza de recursos, dotala de autonomía ou convertela no eixo fundamental do sistema, aumentando o seu financiamento e o persoal, levando a cabo políticas de incentivos, formación e investigación nese ámbito. Tamén "desmedicalizala", potenciando e ampliando equipos multidisciplinares que permitan prestar unha atención integral aos e ás doentes.
Un dos profesionais partícipe dos traballos no CTAP pon esta última proposta como un exemplo de todo o labor desaproveitado polo Sergas. "Moitos expertos e persoal achegaron iniciativas e unha carteira de servizos claramente innovadora, destinada a resolver problemas", explica quen destaca o bo facer do colectivo de fisioterapeutas. "Apostouse por eles, pola súa capacidade para actuar e mellorar a saúde de pacientes inmobilizados, encamados, crónicos ou con debilidade muscular... Pero nada. Aquela idea impulsada xa entre 2007 e 2009 volveu quedar en nada, non se incorporan novos profesionais e os que hai acaban facendo consultas derivadas do hospital, mentres desde a primaria se deriva á privada".
Ata 55 entidades traballando
Esta achega, e moitas outras, son só un exemplo das xurdidas nun consello técnico e que, lembran as mesmas fontes, "servirían para poñer enriba da mesa ferramentas para avanzar no futuro da atención primaria". "Están a desprezar todo ese traballo, non o teñen en conta", explican, tras advertir que o previsto plan de ordenación de recursos humanos, cuxa demora ou indefinición foi clave nos motivos que levaron á folga, "permitiría encaixar todas esas carteiras de servizos que se definiron no CTAP".
"O que os sindicatos queren que se faga xa o sabemos porque está especificado nos documentos de traballo do consello técnico", lembran estas fontes, coñecedoras dun labor que "non se está poñendo en valor". A explicación? "Creo que moitas das persoas que toman decisións no Sergas non teñen un coñecemento profundo da organización e das consecuencias do que propoñen; custa entender que a Consellería poña propostas enriba da mesa sen ter en conta os profesionais e nin tan sequera to que moitos achegaron no CTAP", engade quen advirte que o futuro da sanidade pública en Galicia pasa, precisamente, "pola participación activa do seu persoal".
"O Sergas debe facer públicas as conclusións do consello técnico; hai medidas que se poderían implementar xa"
"Os debates e traballos chegaron a involucrar 55 entidades durante todos estes anos, desde partidos ata sindicatos pasando por organizacións e colexios profesionais; na última xuntanza eramos aínda 23, con presenza de médicos, enfermeiros, logopedas, fisioterapeutas, odontólogos... É unha tomadura de pelo que a Consellería pareza non ter en conta demasiado todo este labor", denuncia José Dios, que pide á Xunta que "faga públicas" as conclusións do CTAP. "Hai medidas para implementar xa e outras que precisan de recursos económicos", explica.
Entre as reivindicacións que deran lugar a aquel consello técnico, dedicar á atención primaria o 25% do orzamento total sanitario, a creación de xerencias de primaria en cada área, a desburocratización das consultas ou a eliminación da sobredemanda. Á espera, unha reunión do consello técnico que ratifique as conclusións. Estaba prevista para setembro e foise adiando, coa intención de que se celebra antes de que acabe o ano. Logo dun lote de conversas con sindicatos, organizacións ou na mesa sectorial sobre o futuro da atención primaria que leva sendo abordado noutro foro paralelo desde hai seis anos.