Persoal médico cifra no 80% o seguimento da folga que a Xunta rebaixa ao 18%

Persoal médico nun hospital galego CC-BY-SA Xunta

Como nos paros na atención primaria de hai días, as organizacións convocantes da folga médica en Galicia —que se leva a cabo tamén no Estado— advertiron dun seguimento "masivo" mentres a Xunta o reducía ao mínimo: un 18% no conxunto da sanidade galega

A Confederación Española de Sindicatos Médicos (CESM) foi quen convocou folga a nivel estatal polo Estatuto Marco, unha convocatoria á que en Galicia se uniu O'Mega e que apoiou Simega. CIG, CSIF, CCOO e UGT, no entanto, desmarcáronse e citaron o persoal médico do Sergas para un paro indefinido cada martes a partir do vindeiro 27 de xaneiro. 

As organizacións médicas convocantes advirten dun seguimento "masivo" da folga polo Estatuto Marco

A deste martes foi a primeira das catro xornadas de mobilizacións desta semana, xa que as organizacións médicas manteñen folga en centros de saúde e PAC galegos, reclamando a desaparición da categoría de facultativo especialista de atención primaria (FEAP), xornada laboral de 35 horas ou máis tempo para atender pacientes. Paralelamente, e a nivel estatal, o persoal médico reclama ao Ministerio de Sanidade un Estatuto Marco propio e pide á Xunta que o reclame ante o Goberno de España. 

Reunión da ministra de Sanidade, Mónica García, con representantes do sindicato médico O'Mega CC-BY-SA O'Mega

Desde O'Mega aseguran que os servizos mínimos estanse a cumprir "de maneira escrupulosa" pero que "as persoas que teñen capacidade de facer folga están a facela". Porén, a Consellería de Sanidade cifra no 18,24 % o seguimento do paro na quenda de mañá nos centros sanitarios da comunidade galega. Segundo detalla, a porcentaxe de participación nos sete grandes hospitais do Sergas alcanzou o 23,3 %. En canto aos hospitais comarcais, o seguimento foi do 19,5 %. No seu conxunto, a actividade hospitalaria contou cunha participación na folga de case o 23%. No entanto, en atención primaria, a Xunta rebaixa ao 6,4 % a participación.

O Sergas cifra nun 18% o seguimento do paro: máis do 23% nos hospitais e por baixo do 7% na atención primaria

Por hospitais, o paro foi secundado por: o 24,62 % no caso do CHUAC; o 16,84 % no CHUS; o 22,25 % no CHUF; o 25,53 % no HULA; o 21,59 % no CHUOU; o 24,83 % no CHOP; e o 27,92 % no Chuvi. O Sergas indica que conta cunha cobertura do 100 % dos servizos mínimos, co que se garante a actividade asistencial urxente e de emerxencias. En cambio, os datos que achega O'Mega de seguimento son os seguintes: do 84,1 % no CHUAC; do 83 % no CHUS; do 80 % no HULA; do 83,8 % no CHUOU; do 82 % no CHOP; do 83,8 % no Chuvi. E sitúa por riba do 70 % o seguimento en atención primaria en todas as áreas. A organización médica asegura dun 80% de seguimento en total. 

Grandes diferenzas entre os datos da Administración e o das organizacións convocantes, semellantes aos que se deron nos paros de atención primaria. Unhas cifras que a Xunta logra rebaixar contando persoal que ten imposible secundala, como detalla esta información en Praza.gal

Coincidindo cos paros, máis dun cento de médicos e médicas concentráronse pola mañá ante a entrada principal do CHUS "por un estatuto médico propio". Na lectura do manifesto, a representante de O'Mega advertiu de que xa "abonda" unha situación que cualifican de "insostible" ao estar obrigados a facer medias de 48 horas á semana  "acumulando en moitos casos semanas de até 90 horas de traballo". Así, alertan de que o persoal facultativo canso repercute na "seguridade" do paciente. 

Sala de espera dun centro de saúde galego © Xunta

As mobilizacións convocadas por O'Mega continuarán durante a semana: mércores 10, ante o HULA (Lugo); xoves 11, ante o Álvaro Cunqueiro (Vigo); venres 12, ante CHUO (Ourense). Tamén haberá concentracións convocadas ao mediodía ante todos os centros de saúde. Ademais, o xoves, 11 de decembro, haberá manifestación en Vigo a partir das 19 horas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.