Os sindicatos plántanse polas "inxerencias" de grupos médicos "non lexitimados" para negociar o estatuto marco

Reunión telemática de representantes de CIG-Saúde coa ministra Mónica García CC-BY-NC-SA CIG-Saúde

Os sindicatos plántanse contra a presión e as "inxerencias" que organizacións gremiais e grupos "non lexitimados" están a levar a cabo na negociación para un novo estatuto marco para o persoal da sanidade pública. 

Así llo manifestaron este mércores á ministra de Sanidade, Mónica García, nunha carta que asinan conxuntamente as organizacións sindicais con representación na mesa de negociación oficial: FSES (Federación de Sindicatos de Educación e Sanidade, onde se integra o sindicato de enfermaría SATSE), CCOO, UGT, CSIF e mais CIG-Saúde, sindicato maioritario no Sergas. Nela, reclaman unha xuntanza "urxente" antes de continuar coas conversas sobre o estatuto marco. 

Poucas horas despois, García aceptou a petición e suspendeu a reunión prevista mañá xoves, unha das seis programadas ata o 3 de abril para continuar co diálogo sobre este estatuto marco. 

Reunión da ministra de Sanidade, Mónica García, con representantes do sindicato médico O'Mega CC-BY-SA O'Mega

Os sindicatos cren "inaceptable" que o Ministerio "asuma" ou "propicie" inxerencias de "partes non lexitimadas" na negociación

As cinco organizacións consideran "inaceptable" que o Ministerio "estea non só asumindo, senón mesmo propiciando inxerencias por partes non lexitimadas, dándolles o mesmo, ou pode que mellor, tratamento que ás organizacións responsables de levar a cabo esta negociación". As consecuencias, advirten, son que se "desvirtúa" o seu papel no proceso de negociación "como representantes sindicais de todo o persoal estatutario, sen exclusión de ningunha categoría profesional". 

Na carta, á que puido acceder este diario, os sindicatos fan clara referencia, sen citar nomes, ás diferentes organizacións gremiais —especialmente colectivos de médicos— que nas últimas semanas impulsaron protestas e reivindicacións ante o Ministerio con demandas específicas e polémicas, como a creación dun estatuto propio exclusivo para o persoal facultativo ou en contra da proposta do Goberno central de prohibir aos xefes de servizo e cargos intermedios compaxinar o seu exercicio na sanidade pública con traballos na privada. Colectivos que se manifestaron o pasado luns en varias comunidades autónomas, tamén en Galicia, e que teñen previsto unha protesta na sede ministerial coincidindo coa reunión da mesa de negociación este xoves. 

Mentres, entidades a prol da sanidade pública e sindicatos de clase amósanse de acordo coa proposta de vetar o exercicio na privada a cargos intermedios do Sergas para evitar "conflitos de interese" e premiar a exclusividade no sistema sanitario público. 

Os sindicatos denuncian que o Ministerio teña en conta opinións de colectivos, como os de médicos, que "desvirtúan" o seu papel no ámbito de negociación

Agora, e ante a presión de colectivos gremiais, as organizacións sindicais aclaran que non se opoñen a que estas entidades —como o sindicato médico O'Mega, Simega ou colexios médicos— expresen a súa opinión, pero si que "sexan tomadas en conta alterando o sentido da negociación, desvirtuando por completo o papel das organizacións sindicais representadas no ámbito de negociación". 

As centrais sindicais denuncian que o Ministerio está "dando unha preeminencia real e sobre todo mediática a colectivos, organizacións e sindicatos non lexitimados nesta negociación" que, ademais, "contan para facer chegar as súas propostas co período de audiencia pública que como toda norma legal deberá abrirse así que finalice a negociación na mesa lexitimada para ela, que non é outra que o Ámbito de Negociación". 

Os sindicatos lembran que, "fronte ao resto de organizacións", eles acreditan "unha suficiente representatividade" para poder participar nestas negociacións oficiais e reguladas, obtida "mediante sufraxio directo dos profesionais do Sistema Nacional de Saúde (SNS) nas eleccións sindicais". 

Reunión da ministra de Sanidade, Mónica García, con representantes dos sindicatos CCOO, UGT e SATSE © Ministerio de Sanidade

SATSE, CSIF, CCOO, UGT e CIG-Saúde reprochan ao Ministerio que tivese en conta "propostas de organizacións non representativas, integrándoas sen máis en distintos textos", chegando a "alteralos á marxe da negociación oficial". Propostas, advirten, que "non son inocuas", como a clasificacións profesional, a xornada laboral ou as competencias das profesións reguladas. Tamén alertan da gran "repercusión mediática" que por parte do departamento que dirixe Mónica Díaz se dá a estes grupos e mesmo de peticións de mudanzas na norma a través de sinaturas na plataforma Change.org que acabaron "alterando" redaccións orixinais das negociacións. 

Ante esta situación, os sindicatos xa adiantan, nunha nota de prensa pública, que co obxectivo de levar a cabo unha "negociación produtiva" decidiron adiar a negociación prevista nas vindeiras datas ata que a ministra de Sanidade non leve a cabo unha reunión que consideran "urxente, esencial e prioritaria" antes de continuar con calquera conversa. Finalmente, Mónica García decidiu suspender a xuntanza. 

Antes, tamén hoxe, o secretario de Estado de Sanidade, Javier Padilla, ao remate do pleno da Comisión de Recursos Humanos do SNS, referiuse á carta asegurando que se os sindicatos queren "unha aclaración de que o único lugar onde se negocia cos sindicatos é o ámbito de negociación" haberaa. 

"Se queren garantías de que o ámbito de negociación é o ámbito de negociación, non teremos ningún problema en dárllelas", insistiu, tras limitar as reunións da ministra con outros colectivos a xuntanzas "informativas, nas que se recollen informacións pero que non entran en ningún tipo de procedemento de negociación". "O estatuto marco negóciase no ámbito de negociación e en ningún outro sitio", reafirmou. 

Paralelismo co conflito de 2023 en Galicia

A polémica agora creada lembra á que hai case dous anos aconteceu en Galicia, tamén nun ámbito de negociación que se viu alterado por unha folga e as conversas que, á marxe das canles oficiais para negociar, mantivo a Xunta co sindicato médico CESM. Daquela, a Consellería de Sanidade asinara un pacto con esta organización para desconvocar a folga de persoal facultativo que esta organización convocara en solitario e que colectivos a prol da sanidade pública cualificaran de "corporativa e clasista". En pouco máis dunha semana provocara a suspensión de máis de 1.600 operacións cirúrxicas, case 3.000 probas e unhas 32.000 consultas. 

Mobilización de persoal médico contra o borrador do estatuto marco, na Mariña CC-BY-SA CESM-Simega

O acordo consistira, esencialmente, en melloras retributivas para médicas e médicos e incluía ampliar aos que tamén traballan na privada o denominado "complemento específico", un plus salarial ata daquela reservado a profesionais que exercen exclusivamente no Sergas. En paralelo, Sanidade tamén acordara cos sindicatos da Mesa Sectorial —órgano formal e oficial de interlocución co persoal— subas retributivas para outras categorías profesionais.

O conselleiro de Sanidade insiste en opoñerse á exclusividade para xefes de servizo: "Non axudan á retención de profesionais no sistema sanitario público"

Entón, sindicatos de clase e organizacións a prol da sanidade pública criticaran con dureza a posición dos colectivos de médicos, aos que acusaran de "clasismo" e "corporativismo" e de ter un interese basicamente retributivo. Agora, en privado, fontes sindicais insisten no "clasismo" e "elitismo" dunhas reivindicacións á marxe da representación laboral e dos mecanismos formais e lembran que, nalgúns casos, "acordáronse de erguer a voz así que se formulou a necesidade de exclusividade dos xefes de servizo na sanidade pública e a imposibilidade de compaxinar o seu traballo coa privada". 

Nesta polémica, os colectivos médicos mobilizados —"non son nin moito menos maioría", lembran fontes sindicais— contan co apoio firme da Xunta e do conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño. Hoxe mesmo, ao remate do pleno da Comisión de Recursos Humanos do SNS, insistiu en que o Goberno galego "non pode compartir medidas como a exclusividade para os xefes de servizo ou para os MIR, que non axudan á retención dos profesionais no sistema sanitario público". 

Ademais, Gómez Caamaño reclamou "diálogo e respecto ás competencias de Galicia" na reforma do estatuto marco e instou a que a mudanza "contribúa a solucionar o déficit de profesionais". 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.