"Foi unha folga corporativa, elitista e clasista". Con esta contundencia define Xosé María Dios, voceiro da Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP) o paro de persoal médico ao que o sindicato CESM puxo fin este xoves tras asinar un acordo coa Consellería de Sanidade. "Isto ía de diñeiro puro e duro e formaba parte dunha estratexia electoral, pouco máis", engade Manuel Martín, portavoz da plataforma SOS Sanidade Pública.
"Isto ía de diñeiro puro e duro e formaba parte dunha estratexia electoral, pouco máis", di Manuel Martín, portavoz de SOS Sanidade Pública
Un e outro son críticos coa Xunta e co CESM, sindicato que non ten representación na Mesa Sectorial onde negocian Sanidade e o resto dos sindicatos, moitos deles tamén duros co proceder dunha organización que, lembran, "representa o 5% do persoal médico en Galicia". Consideran que o sindicato acabou "valéndose das mobilizacións, do descontento da cidadanía e do lóxico malestar profesional polo empeoramento das condicións de traballo para reivindicar unha axenda propia, moi afastada das reivindicacións que fan os movementos sociais".
Así o cre Manuel Martín, que insiste en que o CESM "subiu ao carro da mobilización" e "utilizou" o descontento cidadá e profesional para "conseguir unha suba salarial e que o persoal médico que tamén traballa na privada poida cobrar o complemento específico reservado a aquel que o fai exclusivamente na pública".
"Conseguiron abrandar a Administración para lograr, fundamentalmente, esa achega extra, pero a reclamación das 35 horas de traballo semanal quedou baldía, ou o tope de pacientes diarios, ao igual que moitas outras reclamacións e aspectos que nin plantexaron", engade Dios, que tamén é crítico co "ridículo aumento" do importe a percibir polas gardas.
AGDSP e SOS Sanidade Pública critican que o pacto se basease en melloras retributivas e no cobro do complemento específico destinado a quen traballa só na pública
"De verdade todo isto para subir as remuneracións por gardas en dous, tres ou cinco euros?", pregúntase o voceiro da AGDSP. Ademais a entidade, nun duro comunicado, reiterou que CESM "só buscaba unha suba de soldo do persoal médico, que é espectacular para quen traballa na pública e na privada".
"Conseguiron, fundamentalmente, un beneficio para si mesmos e a Xunta aceptou, pero se a Administración quere de verdade unha solución ao problema, que negocie a partir das conclusións do Consello Técnico da Atención Primaria e que apoie a ILP da plataforma SOS Sanidade Pública; é aí onde se abordan todas as problemáticas do sistema", explica Dios, quen vai máis aló e cre que a folga e os seus resultados obedecen a "unha clara estratexia".
As críticas chegaron mesmo de compañeiros médicos, como as manifestadas nun comunicado por facultativos e residentes da área de Lugo, A Marña e Monforte. Asinado por uns 300 profesionais, aseguran que as medidas acordadas entre CESM e Xunta son "puramente económicas" e que "non representan as verdadeiras inquedanzas do colectivo médico nin palian as crecentes necesidades da sociedade": "Non abordan a protección da saúde, non melloran as condicións laborais e non melloran a atención ao paciente".
"Nunha Mesa Sectorial a ninguén se lle ocorrería plantexar o que o CESM plantexou, pero esta parte minoritaria do persoal médico conseguiu os seus obxectivos e a Xunta agora poderá presumir de ter chegado a un acordo cos médicos, aínda que sexa cunha minoría", asegura Xosé María Dios.
Rueda asegura que "mellorar a retribución dos profesionais" supón tamén "mellorar a sanidade pública en xeral"
Neste xoves, na rolda de prensa posterior ao Consello, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, considerou o acordo con CESM unha "boa nova" que está "na folla de ruta" do seu Goberno en materia sanitaria: "Facer melloras de tipo material nos centros sanitarios e nas condicións dos sanitarios". Ademais, e preguntado como se ía mellorar a asistencia se o pacto non incluía o incremento de persoal, o xefe do Executivo galego limitouse a dicir que "mellorar a retribución dos profesionais" supón tamén "mellorar a sanidade pública en xeral".
Manuel Martín insiste en que "cobrar o único complemento que remuneraba a dedicación exclusiva dos traballadores ao sistema público" foi outra das razóns "fundamentais" da folga e recorda que, precisamente, a dedicación plena á sanidade pública "é unha das reivindicacións que a plataforma e os movementos sociais fan desde hai anos".
Porque Sanidade tamén cedeu na cuestión clave do denominado "complemento específico", isto é, a achega mensual reservada para o persoal médico que exerce só no Sergas. O compromiso da Xunta é formular "unha reconfiguración do mesmo, na liña do que teñen regulado outros servizos de sáude", onde xa o cobran quen tamén traballan na privada. A intención, admiten, é "diminuír a diferenza retributiva entre o persoal con dedicación exclusiva e o que non ten ese réxime de dedicación" coa intención de que en 2024 non haxa unha "diferenciación" superior a 180 euros entre ambos colectivos. Polo tanto, e xa que o plus é de 900 euros brutos mensuais, para os facultativos que traballen en ambos sectores será de polo menos 720.
En rolda de prensa, Rueda negou "acordo ningún" sobre ese complemento específico, malia o sinalado por escrito pola Xunta. "Falamos de modificalo pero non se acordou absolutamente nada", intentou aclarar logo.
A clave electoral
No fondo da folga, outra clave: a electoral. "O CESM non tiña unha boa expectativa de cara ás eleccións sindicais ante outro sindicato médico, O'Mega, que tiña máis aceptación e capacidade reivindicativa; por non ter non tiña nin representación na Mesa Sectorial", lembra Martín. Fontes doutras centrais teñen claro que un dos propósitos fundamentais da organización convocante era "dar un golpe na mesa e ter visibilidade" de cara aos comicios porque estaban "desaparecidos" dos órganos de decisión.
O CESM asinou, no medio da folga, un acordo co sindicato do funcionariado, CSIF, para acudir nunha lista conxunta ás vindeiras eleccións sindicais do 11 de maio co que espera volver á Mesa Sectorial, a mesma que este xoves mantivo unha xuntanza, a onde acudiu Manuel González Moreira, secretario nacional de CIG-Saúde.
Desde este sindicato lembran que o acordo para desconvocar a folga levouse a cabo cunha parte do persoal e sobre temas "que se levan meses e mesmo anos tratando co resto de centrais". "Igual que houbo vontade política para asinar esta desconvocatoria de folga, a Xunta terá que tela para chegar a un acordo e alcanzar melloras que non só son retributivas, senón que teñen que ver cunhas mellores condicións laborais, máis descanso e o aumento da calidade asistencial e do servizo aos pacientes", di, tras lembrar tamén que o máximo de 35 horas semanais, non acordado co CESM, é outra reivindicación histórica que xa se aplicou noutras comunidades.
"Cal foi o resultado final da folga?", pregúntase Martín. "Pois un aumento maior nas listas de espera, un paso máis no colapso sanitario e o incremento do malestar na cidadanía", resume Martín, que advirte tamén do "posible prexuízo" que supuxo o conflito para o labor de SOS Sanidade Pública ou outras organizacións sociais: "Haberá xente confundida, que acabe por pensar que todo é o mesmo e que a demanda final é remunerativa cando non é así... É un desastre".
"Haberá xente confundida, que acabe por pensar que todo é o mesmo e que a demanda final é retributiva cando non é así... É un desastre"
Desde a AGDSP, no comunicado, insisten en que os intereses do sindicato convocante "non son os da poboación" e acúsao de "crear confusión". "O acordo non só non resolve os problemas da sanidade pública galega nin da cidadanía, senón que contribuirá a avanzar no camiño do enfraquecemento e privatización desta", conclúen.
O BNG, pola súa banda, acusou a Consellería de Sanidade de “facilitarlle profesionais á sanidade privada” tras o acordo co CESM. A deputada Montse Prado criticou un pacto "á marxe da Mesa Sectorial no que se recoñecen toda unha serie de cuestións que leva anos negándolle ao conxunto do persoal”.