Este martes comezou a folga indefinida á que a Confederación Española de Sindicatos Médicos (CESM) convocou o persoal médico do Servizo Galego de Saúde. Segundo datos do propio Sergas, na primeira mañá de folga o "seguimento global" foi dun 14,2%, coa suspensión de 164 operacións cirúrxicas, 3.764 consultas e 398 probas diagnósticas, pero tamén co cumprimento dos servizos mínimos, que a Xunta situou no 100% para a actividade urxente. Na quenda de tarde, afirma, o impacto caeu ao 4,04%. CESM, pola súa banda, di que o seguimento da folga estivo "preto do 60%".
A folga do sindicato médico CESM mestura referencias xenéricas á "deterioración" das condicións laborais con outras como a extensión do complemento que cobra o persoal que só traballa na pública
O cadro reivindicativo desta folga é diverso. Mestura referencias máis ou menos xenéricas á "deterioración" das condicións laborais do persoal médico con outras esixencias como a implantación dunha xornada laboral "innegociable" de 35 horas semanais ou equiparar a remuneración das gardas a outras autonomías. Pero tamén "a extensión do complemento específico", isto é, que médicas e médicos que traballan na privada cobren tamén os algo máis de 800 euros mensuais que recibe o persoal médico que se dedica en exclusiva ao Sergas.
A convocatoria desta folga recibiu críticas de colectivos protagonistas nos últimos anos na defensa de melloras no Sergas, tales como a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP). Ven "oportunista" a convocatoria por parte do devandito sindicato gremial, que non ten representación na mesa sectorial -principal órgano de negociación entre a Consellería de Sanidade e o persoal- e recean especialmente da mestura de reivindicacións "xustas e necesarias" con esixencias "inaceptables" como a de estender o complemento salarial a quen tamén traballan na privada.
SOS Sanidade volve saír á rúa este mércores e o día 26 na defensa da Atención Primaria
A AGDSP é membro da plataforma SOS Sanidade Pública, movemento clave nas mobilizacións sanitarias galegas dos últimos anos, do que forman parte os sindicatos de clase que si teñen representación na mesa sectorial e que hai apenas dous meses logrou volver sacar milleiros de persoas á rúa, dende persoal sanitario -médico, de enfermaría e outras especialidades- ata colectivos de pacientes ou plataformas locais, así como partidos políticos. Na contorna deste movemento obsérvase a folga de CESM como "corporativista", mesmo "elitista", unha protesta dende arriba e non dirixida á mellora global do sistema público.
Cadrando co Día Mundial da Atención Primaria, que se celebra este 12 de abril, SOS Sanidade vólvese mover. Primeiro, con actos locais este mesmo mércores e, a continuación, buscando unha "nova gran mobilización social e profesional" con concentracións o vindeiro día 26 de abril "en defensa da Atención Primaria" e da iniciativa lexislativa popular que promoven con medidas para mellorar este servizo.
Galicia rexistra dúas vagas de mobilizacións sanitarias. Paralelas e mesmo coincidentes nalgunhas reclamacións, pero diverxentes tanto na súa representatividade como na visión global da sanidade pública
Considera SOS Sanidade que, "ata agora, as únicas medidas adoptadas pola Xunta en resposta á mobilización" do pasado febreiro "foron meros retoques para maquillar a realidade" que "non resolveran os problemas clave da falta de persoal". Tampouco, coidan, os problemas de "financiamento" ou os "peches de centros de saúde e puntos de atención continuada". Porque, conclúen, "ningún sistema, por forte que sexa, pode sobrevivir á falta de financiamento, de persoal e de mala organización e xestión".
Galicia rexistra así, nestes días, dúas vagas de mobilizacións sanitarias. Paralelas e mesmo coincidentes nalgunhas reclamacións, caso da petición de máis persoal, pero diverxentes tanto na súa representatividade como na visión global da sanidade pública. Unha por riba e a outra, por baixo.