Folga indefinida de persoal médico no Sergas pola "deterioración galopante" das condicións laborais

Interior dun hospital público en Galicia CC-BY-SA Xunta

A delegación galega da Confederación Española de Sindicatos Médicos (CESM) convoca desde as 00:00 horas deste 11 de abril unha folga indefinida á que chama a todos os facultativos e residentes en formación (MIR) do Sergas ante a "deterioración galopante" da sanidade pública galega e para "defender a dignidade dos profesionais e a seguridade dos pacientes". 

Sen representación na mesa sectorial -principal órgano de negociación entre a Consellería de Sanidade e as organizacións sindicais- e con escasa representatividade entre o conxunto do persoal sanitario pero si entre os facultativos, CESM chama á folga ante esa "deterioración" das "condicións laborais dos traballadores na última década" aos que a Xunta, di, reaccionou "con medidas de grande impacto publicitario pero de escasa repercusión ou utilidade". 

Persoal médico nun hospital galego CC-BY-SA Xunta

CESM pide xornada de 35 horas semanais, axendas de 30 pacientes en Primaria ou que o plus salarial reservado a quen só traballa no Sergas se estenda a quen o fai tamén na privada

Nas súas reivindicacións, o sindicato médicos considera "innegociable" a implantación da xornada de 35 horas semanais, a equiparación do prezo da hora de garda ao resto de autonomías, a actualización dos módulos de atención continuada ou "a extensión do complemento específico como en case todas as comunidades", en referencia ao plus salarial que ata agora a Xunta reserva a quen traballa exclusivamente no Sergas

Ademais, o CESM pide a recuperación dos días de libre disposición de carácter autonómico ou que se estableza "a libranza efectiva por garda realizada" para os residentes e que se cumpran integramente os programas docentes. Para Atención Primaria, a organización reclama "axendas pechadas de 25 pacientes para pediatría e 30 para médicos de familia, con polo menos dez minutos de tempo para cada caso", ademais de redución de procedementos burocrático. 

Ao tempo, a manifestación principal da xornada de folga terá lugar en Vigo, na porta do Hospital Álvaro Cunqueiro, ás 11 horas deste martes. 

Ante esta folga indefinida desde este martes, a Xunta fixou un servizos mínimos do 100% nas áreas de urxencia e que considera "totalmente imprescindibles" para manter a cobertura do servizo esencial de asistencia sanitario nun nivel "axeitado". Ademais, tamén se deberá cubrir ao completo a atención urxente en hospitais e PAC ou nas emerxencias do 061, así como as UCI, unidades de reanimación e diálise ou tratamentos oncolóxicos. 

A Xunta fixou uns servizos mínimos do 100% nas áreas de urxencia

Na Atención Primaria deberá haber haber polo menos un médico nos centros de catro ou menos e dous nos que teñan de cinco a oito. Os que conten con entre nove e doce deberán contar con tres e os que pasen desa cifra, con catro. 

 "A sanidade pública está nunha situación límite e o culpable é o Partido Popular", asegurou a portavoz do BNG, Ana Pontón, ao ser preguntada polo paro. Desde o PSdeG, o seu voceiro parlamentario, Luís Álvarez, cre que é "a crónica dunha folga anunciada". "Non é que a Xunta non tivese suficientes anuncios de que isto podía pasar", di. 

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña CC-BY-SA Xunta

O PP considera "incomprensible" a convocatoria de folga e defende as melloras levadas a cabo pola Consellería de Sanidade

No PPdeG, pola súa banda, respectan pero non comparten a convocatoria dunha folga que consideran "incomprensible". "Chamamos a unha posición máis moderada, máis dialogante, a intentar chegar a acordos e non a de maximizar peticións que dificilmente poden ser atendidas na súa totalidade se o que pretendemos é un sistema sanitario sostible e que mellore progresivamente", dixo Alberto Pazos, viceportavoz parlamentario dos populares. 

Ademais, Pazos lembrou que Sanidade traballa "intensamente" en melloras as condicións dos profesionais e citou varias políticas postas en marcha polo departamento que dirixe Julio García Comesaña, como a carreira profesional, as medidas de estabilización, as prazas en propiedade por concurso, as melloras salariais ou a revisión dos prezos das gardas

Duras críticas da AGDSP

Defensa da Sanidade Pública ve a convocatoria "oportunista" e censura que mesture reivindicacións "xustas" con "acabar coa dedicación exclusiva de persoal médico que traballa no sistema público e suprimir o complemento que a incentiva"

A convocatoria da folga médica non só recibiu estas críticas, senón que tamén chegaron, por exemplo, da Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP), que cre que "deixa fóra o resto de categorías profesionais da Atención Primaria", algo que, di, "reflicte a concepción elitista e corporativista do sindicato CESM". 

A AGDSP considera "oportunista" a convocatoria da folga logo das grandes mobilizacións sanitarias de antes do verán e na que non houbo "apoio" nin "participación" por parte dos "sindicatos corporativos ou colexios de médicos". Ademais, considera algunhas das reivindicacións "xustas e necesarias" pero outras prexudiciais para a sanidade pública, ademais de cargar contra a intención de "acabar coa dedicación exclusiva de persoal médico que traballa no sistema público e a supresión do complemento de dedicación que a incentiva". 

"É absolutamente inaceptable; esta reivindicación, xunto coa incorporación do pagamento por acto médico que tamén propoñen, abre a senda da privatización da Atención Primaria iniciada estes días pola Junta de Andalucía", remata a AGDSP. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.