A espera por unha consulta especializada no Sergas dispárase a 66 días, como no peor da pandemia

Imaxe do presidente Rueda visitando o CHUAC e evolución da espera por unha consulta especializada CC-BY-SA Praza Pública - Xunta de Galicia

A espera media por unha consulta especializada no Sergas situouse a 31 de decembro de 2022 en 66 días, cifra similar á acadada no primeiro semestre de 2020, o da chegada da pandemia da COVID-19. Pola súa banda, a espera por unha cirurxía quedou no segundo semestre do pasado ano nos 75 días, cifra similar á dos dous semestres anteriores e que revela un estancamento na recuperación nese eido asistencial, 25 días por baixo do pico que acadou coa chegada da pandemia pero aínda 20 días por riba das cifras que rexistraba antes da COVID. Son uns datos oficiais do Sergas que este aínda non desvelara e que agora se coñecen a través do balance que o Ministerio de Sanidade fai da situación en todas as comunidades autónomas. 

O feito de coñecer agora as listas de espera galegas grazas ao balance estatal antes que a través da propia Xunta supón un novo paso na progresiva ocultación deses datos por parte do Goberno galego. En 2014 o Sergas deixou de facer públicos os seus datos trimestralmente, como viña facendo desde había anos, e pasou a facelo só semestralmente, eliminando así as cifras intermedias do primeiro e o terceiro trimestre de cada ano, este último o que tradicionalmente presentaba peores datos por coincidir co verán. 

Aínda así, o Sergas seguía facendo públicos os seus propios datos dúas veces ao ano, dúas ou tres semanas despois do peche de cada semestre e moito antes que os balances estatais. Facíao en venres, en moitos casos antes de pontes festivas, reducindo así a repercusión pública da información.

As cirurxías estáncanse en Galicia nos 75 días de espera media segundo os datos oficiais da Xunta, que o Goberno galego aínda non desvelara e que agora se coñecen a través do balance estatal do Ministerio de Sanidade

Pero tras o primeiro semestre de 2022, no que houbo un estancamento na redución da espera cirúrxica tras a pandemia malia as promesas de esforzos especiais nese eido, volveu haber outro cambio. Pasaron semanas sen que o Sergas divulgase as súas cifras a 30 de xuño, que acabou adiantando Praza.gal a finais de setembro.

Fronte ás anteriores valoracións dos datos que facían altos cargos de Sanidade dúas veces ao ano, a consellería pasou a argumentar que estas serían “alomenos unha vez ao ano”, pero asegurando que a publicación dos datos seguiría realizándose “dúas veces ao ano”. Medio ano máis tarde, agora eses datos coñécense antes grazas ao resumo de todas as comunidades que fai o ministerio que a través do propio Sergas. 

Os segundos semestres de cada ano adoitan ser os peores, pero nas consultas especializadas a espera é dez días superior á do mesmo período do ano anterior e similar á do comezo de 2020

E o que din os datos feitos públicos polo ministerio pero que son en orixe facilitados polo Sergas é que as consultas especializadas se situaron no segundo semestre de 2022 nos 66 días de espera, con 215.620 doentes agardando, o 39,7% deles con esperas de máis de 60 días. A espera media é polo tanto similar á que se rexistrara no primeiro semestre de 2020, o da chegada da pandemia. E aínda que os segundos semestres do ano son os que peores datos rexistran tradicionalmente tanto nas consultas como nas cirurxías, por ser os coincidentes coas vacacións de verán, nas consultas o aumento é especialmente significativo e sitúase dez días por riba dos 56 días de espera do segundo semestre do ano anterior. Ademais, se a decembro de 2021 os doentes que agardaban máis de 60 días eran o 35,8%, agora a porcentaxe é catro puntos superior.

Por especialidades, no segundo semestre do pasado ano a maior espera rexistrouse en cardioloxía e oftalmoloxía, con 71 días de media, fronte aos 39 días de xinecoloxía. 

Canto as cirurxías, o segundo semestre do pasado ano o Sergas logrou unha relativa estabilización da demora media, xa que esa época do ano adoita rexistrar aumentos a respecto dos primeiros semestres. Porén, non se logra apenas mellora a respecto do segundo semestre do ano anterior. Se a 31 de decembro de 2021 a espera cirúrxica era de 77,3 días, un ano máis tarde é de 75 días, mesma cifra que na primeira metade do pasado ano. Ademais, se no último semestre había 46.161 doentes pendentes de cirurxía, o 6,7% por máis de seis meses, un ano antes a cifra total era inferior nuns 3.000 doentes, con 43.194 agardando, o 8% deles por máis de seis meses. Fronte a estes datos, a Xunta asegurou a comezos deste ano que neste 2023 prevé recuperar as cifras de espera cirúrxica previas á pandemia, con arredor de 55 días.

Por especialidades a maior espera cirúrxica rexístrase en neurocirurxía, con 108 días, mentres que a menor está en cirurxía vascular, con 43 días. 

Balance do Ministerio de Sanidade sobre as listas de espera a 31 de decembro de 2022 © Ministerio de Sanidade

A espera cirúrxica en Galicia é inferior á media estatal pero a taxa de persoas agardando por cada mil habitantes é similar

Os datos que facilita o ministerio, a diferenza dos que divulga o Sergas, non detallan as esperas por áreas sanitarias ou complexos hospitalarios. Si permiten comparar a situación de Galicia coa do resto de comunidades, amosando que o tempo medio de espera cirúrxica é inferior, xa que a nivel estatal está en 122 días, pero a taxa de persoas en espera por mil habitantes é lixeiramente superior, con 17,61 no caso galego fronte a 17,10 na media estatal. E nas consultas o tempo medio de espera é tamén inferior, con 95 días na media estatal, mentres que a taxa de persoas en espera por mil habitantes é tamén similar, con 82,26 no caso galego e 85,66 na media estatal.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.