O primeiro semestre deste 2022 rematou con 75 días de espera por unha operación no Sergas, 15 máis que o máximo legal e só 2 días menos que a finais do pasado ano
A 30 de xuño deste 2022 a espera media por unha operación cirúrxica no Sergas era de 75,3 días, 20 días máis que a espera que había a finais de 2019, nos últimos datos feitos públicos antes da pandemia da COVID. Os datos correspondentes á primeira metade deste ano, o semestre máis propicio para reducir as esperas porque hai menos períodos vacacionáis que no segundo, reflicten que o Sergas só logrou rebaixar en dous días os tempos a respecto de finais de 2021, mentres que aumentou en cinco días en comparación co mesmo período do pasado ano.
A espera sanitaria non só non logra recuperarse aínda do impacto que tivo a pandemia sobre o sistema senón que tamén segue 15 días por riba do máximo legal fixado en 2014 polo Goberno de Feijóo.
A Xunta adoitaba divulgar os datos das listas de espera sanitaria dúas ou tres semanas despois de pecharse cada semestre, tras abandonar a información por trimestres para evitar así as tradicionalmente dúas peores cifras de cada ano. Nos últimos tempos vén demorando a súa divulgación e facéndoo en venres e sen avisar previamente cando os datos son negativos para así reducir o seu impacto mediático. Desta volta, case tres meses despois de que rematase o semestre, o Goberno galego aínda non divulgara estes datos que agora publica Praza.gal.
A área de Ferrol é a que peor cifra rexistra, con 84,6 días, e neurocirurxía é a especialidade con máis demora, 102 días
Segundo o Sergas, a maior espera cirúrxica segue a rexistrarse na área sanitaria de Ferrol, con 84,6 días, cinco menos que seis meses antes, mentres que a de Pontevedra-Salnés é agora a que mellor dato presenta, con 59,1 días, cunha constante melloría desde os 62 días que rexistraba hai medio ano e os 74 días de hai un ano. Unha melloría no eido hospitalario que contrasta coa mala situación na atención primaria nesa mesma área sanitaria.
Por especialidades, neurocirurxía é a que máis espera rexistra, con 102 días, doce menos que medio ano antes, mentres que cirurxía cardíaca infantil é a que menos, con 43,7, 29 días menos que no período anterior.
Nas consultas externas a espera é de 54,8 días, tamén cunha rebaixa de só dous días en relación ás cifras de hai medio ano
Canto ás consultas externas, a media de espera no primeiro semestre do ano foi de 54,8 días, tamén coa mesma rebaixa de só dous días a respecto de finais do ano anterior que rexistraron as cirurxías. E 12 días máis que no período equivalente de 2021, aínda que tamén 12 días menos que no peor da pandemia, no primeiro semestre de 2020.
No eido das consultas, as cifras do Sergas din que a área sanitaria con peor resultado segue a ser a de Lugo-A Mariña-Monforte, que a finais de 2021 rexistraba 79,6 días e agora empeora ata os 81,8 días. Pola contra, Vigo segue a ser a área con mellores cifras, reducindo os 40,9 días de finais de 2021 aos 38,5 días do período agora desvelado.