O Plan Estratéxico co que o Goberno galego pensa 2030 aposta no sanitario por mellorar a xestión para achegar a atención a cada doente e non fixa obxectivos de persoal senón de tempos, con reducións na especializada pero apenas na primaria
A Xunta vén de entregar no Parlamento, con varios meses de demora, o seu Plan Estratéxico ata 2030, que debía estar en vigor xa en 2021 pero cuxas principais liñas non avanzou ata que Feijóo decidiu marchar a Madrid, hai catro meses. E agora coñécese o seu contido [aquí o PDF], preto de mil páxinas arredor de catro grandes retos: demografía, sostibilidade, crecemento económico e cohesión social e territorial. É no primeiro, xunto co avellentamento e as mudanzas sociais, a calidade de vida das familias ou o seu acceso á vivenda, onde sitúa o Goberno galego a súa análise e propostas arredor da sanidade.
O plan estratéxico realiza en todos os eidos unha primeira análise de debilidades, ameazas, fortalezas e oportunidades (DAFO) para despois fixarse obxectivos, propoñer medidas para acadalos e establecer indicadores que permitan comprobar a súa eficacia. Así, na sanidade, tras detectar debilidades ou ameazas como ignorancia e “sobredemanda” da cidadanía e fortalezas e oportunidades como a preparación dos profesionais e a mellora tecnolóxica, o plan fíxase o obxectivos de achegar a atención sanitaria ás necesidades de cada doente. Para iso formula propostas de medidas xenéricas con indicadores de control que se centran nos tempos de atención, con obxectivos de mellora na atención especializada pero apenas na primaria, e sen establecer ratios de profesionais.
Debilidades, ameazas, fortalezas e oportunidades
"Pouca conciencia do custo dos servizos", "baixo nivel de alfabetización-información en saúde da cidadanía" ou "escasa capacidade do sistema e dos profesionais de disuadir a sobredemanda" son algunhas das debilidades que identifica a Xunta
Entre as debilidades que a Xunta ve na actual asistencia sanitaria sitúa en primeiro lugar a existencia dunha “poboación moi envellecida, con alto grao de dependencia” e “cronicidade”. E nese mesmo eido admite a “falta de equipos multidisciplinares conformados por área terapéutica”. Outras das debilidades que sinala a Xunta é a “pouca conciencia do custo dos servizos e dos medicamentos pola cidadanía e profesionais, o que leva a un uso non racional do sistema sanitario, provocando sobredemanda, sobre todo en urxencias e servizos de transporte urxente”. Nesa liña tamén se sinala o “baixo nivel de alfabetización-información en saúde da cidadanía”, a “escasa capacidade do sistema e dos profesionais de disuadir a sobredemanda” e a “dificultade de comunicar decisións e resultados da nosa actividade”.
A análise tamén sitúa como debilidades o “déficit de profesionais nalgunhas especialidades”, os “tempos de espera elevados”, a dispersión xeográfica ou o emprego de “indicadores non adecuados” como o número de camas por habitante.
No apartado das ameazas a Xunta sitúa en primeiro lugar o empeoramento da saúde como consecuencia de estilos de vida pouco saudables ou o cambio climático, así como a “fragmentación entre sanidade e servizos sociais”. Pero tamén considera unha ameaza a “presión exercida sobre o sistema sanitario por distintos axentes” coa “creación de estados de opinión desfavorables por persoas sen experiencia médica”. Igualmente, fala da “percepción da poboación dun servizo deficiente”. É no último punto das ameazas cando fala da “temporalidade na contratación”, tras outras como a “inercia por un modelo asistencial tradicional enfocado a tratar patoloxía aguda” ou os custos da medicina personalizada e da introdución acelerada de novas tecnoloxías sen análise dos resultados.
Canto ás fortalezas, a Xunta sitúa en primeiro lugar a “integración asistencial e na xestión”, en segundo a aposta polas tecnoloxías e en terceiro a “ampla rede de infraestruturas e servizos”. E continúa salientando a existencia dun “sistema de formación de especialistas de calidade contrastada, os sistemas de priorización de doentes ou que “o sistema sanitario é un dos servizos públicos mellor valorados”, en especial a atención primaria.
Por último, as oportunidades que ve o plan estratéxico comezan pola tendencia á teleasistencia, o envellecemento activo ou o autocoidado, con tratamentos axeitados ás necesidades dos doentes. Tamén aposta polo “incremento na oferta de formación de especialistas” e a “polivalencia dos profesionais” con “melloras nas habilidades de comunicación de xestores e profesionais, así como polo “impulso dunha atención primaria innovadora preparada e máis numerosa”.
Obxectivos
Tras a análise DAFO, o documento fíxase como obxectivo estratéxico “promover a atención sanitaria integral adaptada ás distintas necesidades da poboación, aproveitar as tecnoloxías para impulsar a atención a domicilio e a teleasistencia que permitan prestar un mellor servizo asistencial a unha poboación moi avellentada e espallada no territorio”.
O documento tamén sinala outros obxectivos estratéxicos relacionados, como a “promoción da saúde e prevención de enfermidades”, o uso de tecnoloxías e sistemas de información innovadores para mellorar a “prevención, diagnose, control e xestión da sanidade”, “aumentar a eficiencia financeira do sistema sanitario e mellorar a xestión do capital humano e a satisfacción dos profesionais a través dunha xestión orientada a resultados” ou “modernizar e mellorar as infraestruturas e o equipamento sanitario”
Medidas de actuación
No apartado de medidas de actuación o plan propón entre outras cuestións "coidar dos bos profesionais", medir o seu "rendemento individual" ou potenciar a súa "versatilidade-polivalencia
Para acadar cada obxectivo estratéxico, o plan sinala diversas “liñas de actuación”. No primeiro obxectivo, máis centrado na atención aos doentes, apóstase por “medidas eficientes de xestión dos recursos asistenciais”, “mellorar os coñecementos de pacientes e cidadáns con respecto á súa saúde”, “garantir a prestación de servizos no lugar e momento adecuados, cos niveis de calidade e seguridade comprometidos” ou “orientar a estrutura de prestación de servizos cara ás necesidades dos pacientes e á mellora da atención á cronicidade” definindo “grupos de pacientes con necesidades similares” adaptando a eles “sobre todo os actuais servizos de urxencias”.
No resto de obxectivos estratéxicos relacionados coa sanidade, apóstase por potenciar as campañas de vacinación, prevención ou cribado. E, no máis relacionado co persoal, por “establecer novos modelos de asignación de recursos” cun “reparto e asignación orzamentaria por necesidades asistenciais”. Tamén di apostar “coidar dos bos profesionais desde que entran na organización”, poñer en marcha “un sistema de avaliación da excelencia profesional”, incluír “obxectivos de calidade” ou medir “a produtividade e o rendemento individual” así como “potenciar a versatilidade-polivalencia dos profesionais”.
Indicadores
Ningún dos indicadores de resultados previstos pola Xunta analiza ratios de persoal sanitario por poboación ou condicións de traballo dos profesionais
Para comprobar que se acadan os anteditos obxectivos coas medidas propostas a Xunta establece unha serie de indicadores con valores de referencia actuais e metas a cumprir en 2025 e 2030. Ningún deles analiza ratios de persoal sanitario por poboación ou condicións de traballo dos profesionais.
Para o primeiro obxectivo estratéxico máis centrado na atención sanitaria aos doentes os indicadores que se identifican son seis: porcentaxe de cidadáns que pensan que o sistema funciona ben ou moi ben (en 2020 era o 75% e fíxase a meta do 79% para 2030), tempo media de espera en atención primaria (quere pasar de 3,9 días a 3,7 días en 2030), tempo medio de espera en cirurxías prioritarias (pasar de 18 a 15 días), tempo medio de espera en primeiras consultas de enfermidade (pasar de 50 a 42 días), porcentaxe de consultas telefónicas (co 40% como obxectivo estable) e porcentaxe de altas hospitalarias con seguimento a distancia (pasar do 85% ao 100%).
No resto de obxectivos estratéxicos relacionados coa saúde, o documento sinala indicadores como a cobertura vacinal ou a participación en programas de detección precoz, “porcentaxe de centros sanitarios con sistemas de xestión da relación dixital coa cidadanía”, porcentaxes de profesionais que empregan determinadas tecnoloxías ou porcentaxes de prescrición de medicamentos xenéricos ou de poboación con infraestruturas sanitarias renovadas.