Comesaña insiste en incentivar para que os médicos aumenten ao 60% as consultas presenciais pero advirte de que estas non volverán ao nivel prepandemia
"A Xunta transmite unha idea falsa que, ademais, enfronta os doentes cos médicos". A reflexión é coincidente en moitos profesionais da Atención Primaria, logo do polémico anuncio do Sergas de condicionar o plus de produtividade que cobran a que estes aumenten ao 60% as consultas presenciais --tras a xeneralización masiva das telefónicas por mor da pandemia-- e a que as citas non tarden máis de catro días.
Ao tempo que a indignación medra entre os médicos, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, advirte tamén de que o nivel de atención presencial previo á COVID "probablemente non volverá darse" e insiste na aposta do Sergas para que como "mínimo" se chegue a ese 60% de consultas en persoa.
Díxoo o pasado luns nun acto informativo de Europa Press en Madrid, onde asumiu os "incentivos" anteriores para impulsar as consultas telefónicas que agora son substituídos por outros para recuperala, aínda que sen intención de chegar aos datos preCOVID. Tamén este martes no Parlamento, onde aclarou que a Xunta "non traballa en retornar ao pasado, senón en avanzar cara ao futuro" e que o segue facendo para "a reactivación progresiva da actividade presencial".
Profesionais acusan a Xunta de transmitir a "idea falsa" de que a presencialidade retomarase por incentivos económicos: "Nunca deixamos de atender en persoa"
"O Sergas meteuse nun xardín con esa proposta; poñer unha porcentaxe mínima que se reflicte no salario é miserable e non está nin consensuado", di Xosé María Dios, médico de Primaria e secretario da Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP), que critica que a Xunta "poña os doentes contra os profesionais" e que traslade unha idea "falsa". "Non se nos incentiva con nada, senón que se nos abre a posibilidade de que merme o salario de non cumprir cos obxectivos que queren impoñer", aclara.
No fondo, a crítica volve ao rego de sempre entre os profesionais sanitarios: "O que precisamos é máis persoal, máis investimento e máis tempo para ver os nosos pacientes, non incentivos nin obxectivos por porcentaxes sen sentido". Quen así o resume é Jesús Sueiro, médico de familia e portavoz a Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (Agamfec).
El e outros moitos profesionais lembran que os centros de saúde seguen a soportar ringleiras e sobrecarga de consultas telefónicas, con axendas saturadas e importantes listas de espera. Unha precariedade agravada pola pandemia pero que, denuncian, xa viña de antes.
O "malestar", di Sueiro, é evidente co Sergas por "trasladar esa idea falsa de que nos incentivan para que volvamos atender pacientes presencialmente, cando nunca o deixamos de facer". "Primeiro chamamos e logo citamos os que precisamos ver, como sempre; estamos a favor de aumentar a presencialidade, pero con sentido, porque non é tanto buscar unha porcentaxe como establecer uns criterios", explica Sueiro, que reprocha que Sanidade tire de cifras e obxectivos "sen ter feito un estudo nin análise de fondo".
"A clave de todo é a de sempre: precisamos máis profesionais porque estamos en precario", di Jesús Sueiro, de Agamfec
"O ideal é establecer uns filtros para a atención presencial e hai moita capacidade para desenvolver esa posibiilidade nos centros de saúde, potenciando as áreas administrativas con formación específica, o labor da enfermería ou o traballo social, pero a clave de todo é a de sempre: precisamos máis profesionais porque estamos en precario", insisten desde Agamfec.
Outro médico de familia, Miguel López del Pueyo, explica que a consulta telefónica foi "un filtro necesario" durante un tempo por mor da COVID, pero cre que agora que a pandemia remite "é prioritario reverter a situación". "Non só pola poboación, que puxo en espera moitos dos seus problemas a costa dun prezo en saúde que xa veremos o que nos custa, senón pola propia relación entre profesionais e doentes, que debemos preservar por riba de todo", explica o doutor, que cre que a situación xa é "insostible" e que teme que a proliferación excesiva da teleconsulta poida "darlle o remate á Atención Primaria".
"A consulta telefónica foi un filtro necesario durante un tempo pola COVID, pero é prioritario reverter a situación"
"Os principais valedores da Atención Primaria son os nosos pacientes, a relación e contacto con eles... Non podemos perder iso baixo ningún concepto porque sería o golpe definitivo", engade Del Pueyo, que sinala tamén que marcar uns obxectivos porcentuais de presencialidade como condición para supostas melloras salariais "é volver poñer o punto de mira nos profesionais ante a cidadanía" e non afrontar os problemas de fondo nos centros de saúde.
"O Sergas fai unha burda campaña de imaxe para manipular a información, terxiversar a realidade e distraer a ollada do público dos problemas"
As críticas chegaron tamén de asociacións profesionais ou sindicatos. O CESM (Confederación Estatal de Sindicatos Médicos) en Galicia acusou o Sergas de levar a cabo unha "burda campaña de imaxe para manipular a información, terxiversar a realidade e distraer a ollada do público dos problemas que abafan o sistema sanitario e que están lonxe de se resolver".
Para o CESM, a proposta da Xunta sobre os premios por aumentar a presencialidade "transmite a idea de que nos momentos máis graves da pandemia os profesionais abdicaron das súas funcións e obrigas e que agora si as retoman exclusivamente por incentivos económicos". Uns incentivos que cualifica de "exiguos e desprezables".
"Foi o Sergas quen implantou a atención telefónica"
"A realidade é moi distinta porque a atención nunca deixou de ser presencial cando foi necesario; foi o Sergas quen implantou a atención telefónica pola incapacidade manifesta e o seu fracaso á hora de proporcionar medios e condicións mínimas de seguridade para protexer a pacientes e profesionais", di o CESM nun comunicado no que advirte que "a volta á normalidade asistencial é unha necesidade e un dereito" e no que lembra que "as graves eivas e problemas estruturais" da Atención Primaria en Galicia "non fixeron máis que agravarse coa pandemia".
"Levamos anos advertindo de que se precisan 1.000 profesionais nos centros de saúde de Galicia e a Xunta vén de convocar pouco máis de 250 prazas", retruca Xosé María Dios aos plans da Xunta. "Se a cuestión é falar de porcentaxes, hai tempo que se reclama que o 25% do orzamento sanitario vaia dedicado á Primaria e segue sen cumprirse", engade Jesús Sueiro. "Non corramos o risco de perder tamén a boa valoración e recoñecemento que a sociedade ten dos seus médicos de familia", remata Miguel López del Pueyo.