A extensión da consulta telefónica en Atención Primaria está a ser unha das múltiples consecuencias da pandemia no sistema sanitario galego. O propio persoal sanitario vén resaltando que esta vía de atención é útil en determinadas circunstancias tanto para pacientes como para o propio persoal médico e de enfermaría, pero que deriva nunha diminución da calidade da asistencia sanitaria cando as chamadas que ten que atender cada profesional se multiplican ata a saturación ou cando o teléfono é empregado para consultas que deberan ser presenciais.
A implantación da videoconsulta para servizos dos centros de saúde e dos hospitais chega tras a extensión da consulta por teléfono durante a pandemia
Con este pano de fondo, a Consellería de Sanidade vén reiterando a súa intención de manter e estender as consultas telefónicas -mantén o Goberno galego que só para cando sexa correcto o seu uso- e agora evidencia a súa aposta por dar un paso máis. Como xa viñera avanzando en diversos documentos sobre a adquisición de equipamentos tecnolóxicos e deseño de aplicacións informáticas, a Xunta disponse a estender as consultas a través de videoconferencia tanto en atención primaria como hospitalaria.
Así o manifestou Sanidade o pasado martes, no marco da presentación da aplicación Sergas Móbil. O programa, xa dispoñible para a súa descarga para móbiles Android e Apple, integra servizos como a "tarxeta sanitaria virtual" -unha versión electrónica da tarxeta física- ou condensa trámites que xa era posible realizar a través de internet, caso da petición de cita. Trátase, di a Consellería, de "integrar todos os servizos dixitais do Sergas na mesma aplicación", pero tamén de ir alén coas videoconsultas.
Nesta liña, Sanidade asegura que pretende "facilitar o acceso aos servizos de videoconsulta na sanidade pública galega" tanto "con facultativos de atención primaria" como con especialistas dos hospitais. Serán estes profesionais os encargados de prescribir ditas consultas", manteñen sen ofrecer máis detalles polo momento.
A nova aplicación concentra servizos xa existentes e suma outros como a tarxeta sanitaria virtual, equivalente á física e sen necesidade de certificado electrónico
Alén das consultas mediante videoconferencia, Sanidade destaca que "as persoas que descarguen Sergas Móbil non terán que levar consigo a súa tarxeta sanitaria física" porque "os seus datos ficarán almacenados no dispositivo móbil". Para utilizala, especifican, non será preciso identificarse mediante certificado electrónico, que si continuará sendo preciso para acceder a outros servizos como a consulta da historia clínica.
A xestión de citas ou a integración da aplicación xa existente para consultar os planos dos centros sanitarios son outras das funcións da nova aplicación. Tamén xunta outras funcións como as do sistema de teleasistencia domiciliaria ou o resto de servizos do portal É-Saúde, como a revisión da medicación ou o acceso aos resultados de probas.