Tras ocultar os datos moito peores da primeira metade de 2020, revelados polo ministerio, a Xunta asegura que ao remate do ano as cirurxías tardaban 72 días, 18 máis que a finais de 2019, e as consultas 49 días, 7 máis
A espera media para unha cirurxía en Galicia situouse ao remate de 2020 en 72,6 días, 28 menos que en xuño, tras o peche polo coronavirus da actividade sanitaria non urxente, pero 18 días máis que hai un ano, polo que o Sergas non logrou aínda recuperar todo o atraso asistencial acumulado pola pandemia e regresou a niveis de hai cinco anos. Algo similar ocorre coas consultas, con 49 días de espera media, 17 menos que seis meses antes pero 7 días máis que a finais de 2019.
O Sergas divulgou este venres os datos de espera sanitaria tanto do segundo semestre de 2020 como do primeiro, que en anos anteriores se facían públicos ao longo do mes de xullo pero que desta volta a Xunta decidiu ocultar ata agora mesmo, coincidindo cuns novos datos mellores que os anteriores. Aqueles que o Goberno galego ocultou ata agora -a consellería nunca respondeu ás preguntas ao respecto que lle formulou Praza.gal- acabaron sendo divulgados en novembro polo Ministerio de Sanidade dentro do seu balance periódico da situación en todas as comunidades autónomas.
Malia non querer facilitar os datos do primeiro semestre de 2020, notablemente marcados polos efectos da pandemia, a Xunta si salienta agora a melloría a respecto a daqueles malos resultados que atribúe ao “período de total confinamento marcado polo Real Decreto de Alarma”. Pola contra, o que apenas varía é a cifra de pacientes que agardaban por unha operación a a 31 de decembro, 35.819, cifra moi semellante tanto á de xuño como á de hai un ano.
O Sergas cifra en 25,8 millóns as consultas realizadas en 2020 e di que o 42% foron telefónicas
Por outra banda, a media da espera cirúrxica volve incumprir a Lei de garantías sanitarias de 2014 que fixou en 60 días o máximo, límite que só se logrou rebaixar catro anos máis tarde, en xuño de 2018. Tamén en 2014 a Xunta deixou de publicar as súas listas de espera de xeito trimestral e pasou a facelo semestralmente, eliminando os dous trimestres intermedios que tradicionalmente ofrecían peores datos.
Canto ás consultas, o Sergas cifra en 25,8 millóns as realizadas durante todo 2020, das que un 42% foron telefónicas. A espera media de 49,3 días rexistrada a decembro mellora a de 66,3 días de xuño pero segue sendo peor que os 42 días de hai un ano.