O ministerio publica as listas de agarda de todas as comunidades, que no caso de Galicia o Sergas leva catro meses agochando e que supoñen volver a niveis de hai máis dunha década
A espera media por unha cirurxía en Galicia pasou de 54,5 días a finais do pasado ano a 101 días a finais de xuño, mentres que a espera por unha consulta de especialista aumentou de 42 a 66 días no mesmo período. É o resultado das primeiras listas de espera sanitarias coñecidas tras o efecto do coronavirus e a paralización que a súa primeira vaga na primavera supuxo de toda a actividade sanitaria non urxente.
Os datos de espera media sanitaria a 30 de xuño, tras tres meses e medio de pandemia, veñen de ser feitos públicos polo Ministerio de Sanidade, que informa da situación en todas as comunidades autónomas. Eses datos semestrais adoitan ser feitos públicos polo Sergas unhas tres semanas despois de rematado o semestre, arredor do 20 de xullo para o primeiro do ano. Porén, desta volta a Xunta segue sen divulgalos máis de catro meses despois e a Consellería de Sanidade nin sequera responde ás preguntas formuladas por este diario. Como con moitos outros datos relacionados coa pandemia, os da espera divulgados polo ministerio son en orixe facilitados pola Xunta, pero só se coñecen a través de Madrid pola negativa do Goberno galego a facelos públicos.
A porcentaxe de persoas que levaban máis de seis meses agardando pola súa operación pasou do 0,9% de decembro ao 12,8% de xuño
Os datos que agora se coñecen pola vía indirecta do ministerio sinalan que a 30 de xuño había 36.576 persoas agardando por unha cirurxía en Galicia, menos dun milleiro máis que seis meses antes. Pero pola contra a porcentaxe de persoas que levaban máis de seis meses agardando pola súa operación pasou do 0,9% de decembro ao 12,8% de xuño.
Os 101 días de espera media cirúrxica devolven a Galicia a niveis históricos dos que baixara hai máis dunha década, durante o goberno bipartito. E supoñen volver incumprir a Lei de garantías sanitarias de 2014 que fixou en 60 días o máximo de espera por unha cirurxía, límite que só se logrou rebaixar catro anos máis tarde, en xuño de 2018. Tamén en 2014 a Xunta deixou de publicar as súas listas de espera de xeito trimestral e pasou a facelo semestralmente, eliminando os dous trimestres intermedios que tradicionalmente ofrecían peores datos.
Se o pasado decembro a porcentaxe de persoas que agardaban máis de 60 días por unha consulta especializada era do 25,2%, en xuño aumentara ao 39,9%.
Canto ás consultas especializadas, os datos divulgados polo ministerio sinalan unha redución do número de persoas agardando por unha, o que podería explicarse polo feito de que a diferenza da cirurxía se seguiron a realizar por vía telefónica consultas previamente fixadas pero se reduciu a demanda de asistencia sanitaria por parte da cidadanía, como veñen alertando especialistas de todo tipo que temen que o medo ao coronavirus atrase diagnósticos doutras enfermidades en persoas que deciden adiar a consulta dos seus casos.
En todo caso, e malia á caída do número total de persoas agardando por unha consulta, non só aumentou o tempo medio de espera de 42 a 66 días senón tamén a espera máxima. Se o pasado decembro a porcentaxe de persoas que agardaban máis de 60 días por unha consulta especializada era do 25,2%, en xuño aumentara ao 39,9%.
A situación en Galicia é mellor que na media do Estado pero o seu empeoramento nos últimos seis meses é máis acusado
Malia ao seu empeoramento, a situación da espera sanitaria en Galicia segue a ser mellor que na media do Estado, onde a espera cirúrxica pasou de 121 a 170 días de decembro a xuño e a espera por consultas de 88 a 115 días. Pero o empeoramento é máis acusado en Galicia, de xeito que a espera media cirúrxica aumentou un 85% en seis meses fronte ao 40% de incremento na media estatal. Tamén a espera media por consultas sufriu un empeoramento maior en Galicia, dun 57%, fronte ao da media estatal, do 30%.