Hoxe hai un ano, un 15 de marzo, o Goberno central limitaba os desprazamentos da cidadanía para tratar de frear o coronavirus. Comezaba un confinamento que se tornou máis estrito dúas semanas despois --ao obrigar a permanecer nas casas a todo o persoal de servizos non esenciais-- e que non se foi relaxando ata as primeiras saídas entre finais de abril e principios de maio. Dous meses de peche que remataron nunha "nova normalidade", a mediados de xuño, interrompida logo por restricións e pasos atrás na mobilidade que aínda perviven por mor da COVID e da sucesiva chegada de novas ondas dunha pandemia que inaugurou novos modos de vida.
O impacto do confinamento, as restricións e as consecuencias da propia pandemia están tendo na saúde mental agrávanse agora, ao ano do seu inicio
O impacto que o confinamento, as restricións e as consecuencias da propia pandemia están tendo na saúde mental, xa importante desde hai un ano, agrávase agora doce meses despois. O aumento nos casos de ansiedade e depresión, o agravamento de patoloxías graves anteriores e o notable incremento da demanda de atención psicolóxica agroman e desbordan agora un sistema que en Galicia está "en precario" e que afronta, cos recortes herdados, unha vaga de problemas na saúde mental que pode ter moitas peores consecuencias. Máis aínda entre un grupo, a mocidade, que sofre varias crises a un tempo.
Así o advirten profesionais da saúde mental que alertan de que "empeza a haber máis consecuencias agora das que houbo nun primeiro momento ou mesmo despois do confinamento duro". Quen avisa é Iria Veiga, psiquiatra no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS) e divulgadora científica.
"Non é tanto o confinamento puntual, senón a extensión no tempo das restricións e da pandemia, así como a incerteza", di Iria Veiga
Á marxe daquelas persoas que sufriron a enfermidade ou a perda dun ser querido, a "fatiga pandémica" e a "incerteza" alongada no tempo inciden nos problemas. "Non é tanto aquel confinamento puntual, senón a extensión no tempo das restricións; as persoas soportamos relativamente ben un estrés agudo, que obviamente pode ter consecuencias graves, pero mal un estrés continuado, que é moi duro psicoloxicamente", engade Veiga, que advirte de que "a falta de actividades sociais e ao aire libre pasa factura".
A tendencia no empeoramento da saúde mental foi "en incremento" desde hai un ano. "Pero o final do confinamento estrito non foi o peor momento porque había unha actitude máis esperanzadora, unha sensación de excepcionalidade que xa non é tal", engade, coincidindo na diagnose con Víctor Torrado, psicólogo clínico do Sergas e membro da xunta de goberno do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia.
Profesionais da saúde mental destacan o aumento da ansiedade de da depresión entre a poboación provocadas pola pandemia
Destaca que no seu ámbito perciben, "de forma sostida", un incremento na sintomatoloxía "ansiosa e depresiva", así como o agravamento de problemas xa previos. "O confinamento provoca unha perda moi importante dos reforzadores, daquelas cousas que nos fan desfrutar e desconectar, desas actividades gratificantes que teñen poder antidepresivo", explica Torrado, que aclara que a iso engádenselle "as ameazas", tanto da enfermidade como das consecuencias económicas ou laborais da pandemia. "Hai incerteza polo futuro e iso é o que provoca a ansiedade", resume.
"Volvémonos máis hipocondríacos, máis obsesivos, máis agorafóbicos...", resume Torrado sobre uns problemas emocionais que "adoitan dar a cara moito tempo despois", como di Carlos Losada, tamén psicólogo clínico do Sergas, que lembra que aínda se arrastran problemas en moita xente "desde a crise que se iniciou en 2008".
"Volvémonos máis hipocondríacos, máis obsesivos, máis agorafóbicos..."
"Nun primeiro momento, os prognósticos eran dun tsunami de trastornos de saúde mental, pero a xente, malia que o pasa mal, é quen de adaptarse. O problemá é que estamos a pasar por unha situación de estrés crónico e as consecuencias en moitas persoas poden chegar dentro de moito tempo", insiste Losada, que aclara que todo o mundo é "vulnerable", pero "algúns máis que outros".
Así o destaca tamén a psiquiatra Iria Veiga, que advirte de que a xente que xa sufría patoloxías previas e partía dunha mala situación ve como a súa situación agrávase moito máis. "Non nos vai afectar a todos por igual porque aquí vai haber gañadores e perdedores", insiste quen lembra a "sorpresa" dos primeiros momentos da pandemia: a demanda de atención na súa especializada era case nula. "Non había nin urxencias e os pacientes pasaban máis tempo preguntándome a min que tal estaba que pedindo axuda", explica.
A pandemia provocou a "saturación" das consultas de atención psicolóxica privadas e esperas de catro meses no Sergas, que sofre escaseza de recursos
Veiga insiste, como os seus compañeiros, en que no ámbito da saúde mental, e obviando aquelas persoas con patoloxías previas, o que máis se nota "é o aumento da ansiedade e dos pensamentos negativos e de tipo depresivo respecto do futuro". "É moi habitual escoitar a xente lamentar que nunca vai recuperar a súa vida de antes, que nada vai ser o mesmo... Pero debemos ter en conta que iso non é certo, que non vai ser así", explica.
"Non se creará un problema de maneira xeral, pero en grupos vulnerables si pode que sexa prolongado no tempo, máis aínda se hai unha evidente falta de recursos", di Torrado.
O síntoma máis evidente, coinciden Veiga, Torrado e Losada, do empeoramento da sáúde mental é a "saturación" nas consultas de atención psicolóxica. As consultas privadas non dan feito e no Sergas, onde a denuncia de escaseza de profesionais é constante desde hai máis dunha década, estanse dando citas "a catro meses vista".
"Antes estabamos desbordados e agora xa non sei nin como definilo; os compañeiros da privada botan unha man, pero alí vai quen pode pagalo ou quen de verdade é consciente de que ten un trastorno", explica Torrado.
Nesta mesma semana, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, anunciou no Parlamento a contratación durante este ano de 120 novos profesionais no ámbito da saúde mental, así como outras 120 contratacións nos vindeiros catro. "Non é dabondo e as previsións que se fixeron hai que corrixilas á alza porque a falta de recursos é moi importante", destaca Losada.
Os tres profesionais advirten, con vehemencia, da "precaria" situación na que Galicia afronta os problemas de saúde mental, xa de antes e agravados agora coa pandemia. "Levamos máis de dez anos, desde a crise de 2008, cun escenario constante e oculto de recortes, sen reposición de profesionais", destaca Veiga, que cre que "canto máis tempo pase" sen arranxar este problema, "máis se van notar as consecuencias negativas na cidadanía".
"É tremendo", insiste Veiga, que advirte de que será "a partir de agora cando o impacto doutros efectos da COVID, como a crise económica ou o desemprego", se engadan a problemas xa herdados.
Profesionais advirten da "precaria" situación da atención á saúde mental en Galicia, que ten unha das peores taxas de psicólogos por habitante de España
Torrado e Losada botan máis dos datos para sinalar un problema "gravísimo". "No Sergas, nos últimos dez anos, recursos psicolóxicos, cero", destacan, mentres contrapoñen o avance que si se deu noutras comunidades como Madrid, Navarra ou Canarias, "que foron dotando de profesionais de psicoloxía clínica" aos seus sistemas de saúde.
Ambos advirten de que España ten unha das taxas de psicólogos nos seus sistemas de saúde públicos máis baixa de Europa, arredor de 5 cada 100.000 habitantes, moi por baixo de Portugal, sobre 10, Reino Unido (25) ou os países nórdicos, con ata 60. "En Galicia, temos unha das peores taxas do conxunto de España, cun 3,7, cando o razonable e recomendado é entre 12 e 20", resumen. "Catro veces menos do mínimo que se aconsella!", expresan.
Abuso de psicofármacos
Desta falta de recursos e recortes, outras consecuencias derivadas: "A xente acaba acudindo á Atención Primaria e alí non hai psicólogos, así que o recurso é recetar psicofármacos, o que non contribúe a resolver o problema senón, moitas veces, a cronificalo", explica Torrado, que advirte de que ás persoas "hai que darlles recursos para afrontar as súas necesidades".
"Galicia é a comunidade autónoma onde máis psicofármacos se consomen, cando o recomendable é un traballo multidisciplinar e non recnunciar nunca ao tratamento psicolóxico", explica Losada, que advirte dos problemas de saúde mental que a pandemia pode provocar en dous colectivos concretos: os maiores e os máis novos. Iria Veiga tamén pon o acento na situación da mocidade.
"Os datos e a experiencia falan de que nos institutos están a aumentar moito os casos de ansiedade e as crises de pánico entre os adolescentes", asegura Veiga, que lembra que un ano de pandemia "pode ser pouco tempo nunha persoa adulta, pero é moito nunha de quince anos".
A mocidade é un dos colectivos máis afectados psicoloxicamente. "Nos institutos están a aumentar moito os casos de ansiedade e as crises de pánico"
"Como non poñamos recursos e teñamos en conta esta problemática, a xeración que agora ten entre 15 e 17 anos pode vivir marcada por esta situación", avisa. Coincide con Losada, que alerta de que os máis novos non só "están perdendo de estudar, de traballar ou de pasalo ben, senón que tamén están a ser culpabilizados".
"Debemos reflexionar sobre como atendemos as necesidades psicolóxicas deste colectivo, de como os acompañamos para que teña unha visa o máis xeitosa posible", insiste Losada, que sinala a situación dunha mocidade "que sofre un 40% de paro" e que é "a que máis está a sufrir psicoloxicamente" a crise.
Porque a fatiga pandémica, os efectos da COVID e as restricións e confinamento seguen a pasar factura. Dentro do malo, os expertos cren que estes tempos poden servir tamén para "sacar leccións e aprender de todo isto".
"Vivimos nunha voráxine tan acelerada que non nos centramos no aquí e no agora"
"É importante o autocoidado. Todo o mundo sabe o que significa comer ben, facer deporte... Pero no plano psicolóxico é máis estraño", explica Torrado, que cre que hai que aprender a valorar "o contacto social", pero tamén "o tempo para un mesmo, para reflexionar".
"Vivimos nunha voráxine tan acelerada que non nos centramos no aquí e no agora, senón que sempre estamos pensando no pasado ou no futuro e non acabamos de desfrutar... E pódesegozar de cousas ben sinxelas, pero estando ao que estamos e non a outras mil", remata Torrado.