Galicia na súa totalidade pasará á Fase 1 do proceso de desconfinamento a partir deste luns. Os responsables do Ministerio de Sanidade veñen de confirmalo nunha rolda de prensa que serviu para explicar a decisión adoptada nos últimos días a partir dos criterios que as autoridades sanitarias fixeran públicos. O criterio escollido polo Ministerio de Sanidade son as provincias e non as áreas sanitarias, como propuña a Xunta. Tampouco se aceptou a petición do Goberno galego de que unha persoa puidese viaxar dunha a outra provincia no interior de Galicia.
O criterio escollido polo Ministerio de Sanidade son as provincias e non as áreas sanitarias, como propuña a Xunta
A Fase 1 implicará grandes cambios nas actividades permitidas. O confinamento seguirá sendo a norma, pero haberá importantes excepcións. Na Fase 1 poderá haber contacto social en grupos de 10 persoas ou menos, ademais abrirá o pequeno comercio e as terrazas dos bares, pero con estritos límites de capacidade. Aínda non será posible desprazarse a outras áreas sanitarias ou provincias e manteranse as franxas horarias nas saídas nas zonas urbanas. As comunidades autónomas poderán establecer modificacións nestas franxas horarias, principalmente para adaptalas ás condicións climáticas.
O Ministro de Sanidade, Salvador Illa, destacou que a decisión sobre os territorios que pasan á Fase 1 baseouse na "cogobernanza" coas comunidades autónomas e tamén na "prudencia", co obxectivo de previr rebrotes da pandemia e o incremento dos contaxios. "O máis importante é consolidar o xa conseguido na primeira etapa, que foi o control da epidemia". Salvador Illa explicou que, en principio, o paso á Fase 2 para os territorios que este luns pasan á Fase 1 deberá agardar 14 días para analizar os efectos desta decisión.
O 51% da poboación española estará o luns na Fase 1. Xunto a Galicia outras 10 comunidades autónomas pasan á seguinte fase de forma íntegra
Illa sinalou que o 51% da poboación española estará o luns na Fase 1. Xunto a Galicia, avanzan á seguinte fase Asturias, Cantabria, Euskadi, Navarra, Aragón, A Rioxa, Murcia, Baleares, Estremadura e Canarias na súa integridade. No caso da Comunidade Valenciana e Andalucía hai algunhas áreas excluídas, unhas exclusións que son maiores en Castela e León. En Cataluña aceptouse a proposta realizada pola Generalitar, de xeito que só pasan tres das nove áreas sanitarias. En Castela-A Mancha só transitan á seguinte fase as provincias de Guadalaxara e Cuenca. Madrid fica na Fase 0 debido aos seus negativos indicadores hospitalarios e epidemiolóxicos.
O Ministerio de Sanidade detallou hai uns días os criterios que ten en conta á hora de decidir que territorios poden avanzar ás sucesivas fases do proceso de desconfinamento. Criterios epidemiolóxicos, de capacidade do sistema sanitario, socioeconómicos e de mobilidade, aínda que en varias ocasións os responsables do ministerio subliñaron en varios momentos que os datos sobre o control da epidemia, a ocupación hospitalaria, a capacidade para realizar tests e trazar os contaxios e a adaptación do sistema sanitario para facer fronte a posibles rebrotes serán os elementos máis importantes. Uns criterios que na súa maioría (agás os de capacidade das unidades hospitalarias de UCI e agudos) eran flexibles, lembrou este venres Fernando Simón.
Criterios epidemiolóxicos, de capacidade do sistema sanitario, socioeconómicos e de mobilidade determinan a decisión sobre que territorios pasan ás distintas fases de desconfinamento
Sanidade indicara que para pasar á Fase 1, os territorios deberían "dispoñer ou ter acceso ou capacidade de instalar nun prazo máximo de cinco días" entre 1,5 e 2 camas de UCI por cada 10.000 habitantes. E, igualmente, "dispoñer ou ter acceso ou capacidade de instalar" en cinco días "entre 37 e 40 camas" por cada 10.000 habitantes. Galicía cumpría con estes criterios ou, cando menos, dende a Xunta asegurábase estar en condicións de poder superar os limiares esixidos polo Ministerio.
O Ministerio non ofrecera uns indicadores exactos que os distintos territorios deberían cumprir coas esixencias epidemiolóxicas e de control dos contaxios. Con todo, algúns expertos barallaran hai unhas semanas que para avanzar no desconfinamento de ningunha maneira debería haber unha incidencia superior aos 2 novos positivos diarios por cada 100.000 habitantes (ao redor de 30 casos novos cada 14 días cada 100.000 habitantes). Aínda que Galicia vén reducindo a súa incidencia dende a primeira semana de abril, a cifra de novos positivos nas últimas dúas semanas aínda se mantén lixeiramente por riba dese indicador de 30 casos. Este venres a cifra exacta era de 38,64.
Que se poderá facer na Fase 1?
De acordo co cronograma feito público a pasada semana, a gran novidade na Fase 1 é o permiso para o “contacto social en grupos reducidos para persoas non vulnerables nin con patoloxías previas”. Estes "grupos reducidos" deberán ser de 10 persoas ou menos e o contacto social poderá realizarse na rúa ou nas vivendas. O outro gran cambio é a apertura xeral do comercio (agás as grandes superficies) pero co 30% de aforamento e horario preferente para maiores de 65 (durante a fase 0 xa se podía acudir con cita previa).
Na Fase 1 poderá haber contacto social en grupos de 10 persoas ou menos. Abrirá o pequeno comercio e as terrazas dos bares, pero con estritos límites de capacidade
A terceira gran novidade é a aperturas das terrazas de bares e cafetarías, cun máximo do 50% da súa capacidade e o respecto á distancia social. Abrirán tamén bibliotecas e museos. E, finalmente, poderán celebrarse actos culturais de ata 30 persoas e un terzo de aforo en interiores e ata 200 persoas sentadas no exterior. Ademais, nos vehículos privados poderán estar ocupados todos os asentos, sempre que se trate de persoas que convivan.
Iso si, aínda non será posible desprazarse a outras provincias e as viaxes, "calquera que sexa o medio de transporte", só poderán facerse "para a realización de actividades permitidas". Ademais, indícase que as persoas que poidan teletraballar, deben seguir facéndoo.
Aínda non será posible desprazarse a outras áreas
Manteranse, ademais, as franxas horarias que xa funcionan na actualidade, cun límite horario xeral de 6 a 23 horas e quendas diferenciadas para crianzas, persoas maiores e para o resto da poboación. Estas franxas horarias aplícanse unicamente nos concellos de máis de 5.000 habitantes, agás nas parroquias denominadas "rurais", que non chegan a esa cifra de 5.000 habitantes.