Galicia suma 50 novos diagnósticos de coronavirus e 25 hospitalizacións máis

CC-BY-NC-SA Praza Pública

Os datos epidemiolóxicos e sanitarios da epidemia de coronavirus manteñen este venres en Galicia a mesma tendencia que se vén apuntando nas últimas semanas: unha lenta diminución no número de positivos rexistrados e tamén nas cifras de novas hospitalizacións que se engade á mellora xeral dos indicadores hospitalarios, coa saída das UCI e unidades convencionais de moitos pacientes.

Este venres o Ministerio de Sanidade notifica en Galicia 50 diagnósticos positivos mediante probas PCR, as máis precisas. E, ademais, outros 111 positivos de probas realizadas cos diversos tipos de test anticorpos. No caso destes coñecidos como test rápidos, os datos non son necesariamente do último día e a súa fiabilidade é relativa, como vén advertindo o persoal que os realiza. As cifras son superiores ás rexistradas este xoves (37 e 63), pero en xeral manteñen unha tendencia á baixa. Moi lenta, iso si.

Esa tendencia positiva reflítese na redución da incidencia xeral da enfermidade (número de casos novos por cada 100.000 habitantes nos últimos 14 días), que pasa de 41,49 a 38,64. Galicia segue a situarse en cifras moi semellantes á media do Estado Español (que pasad de 40,15 a 38,39). Cómpre lembrar que os expertos sanitarios barallan o límite de 30 casos novos por cada 100.000 habitantes en 14 días como unha referencia á hora de sinalar como recomendable o avance no desconfinamento.

Nas últimas 24 horas só se rexistraron dous falecementos en Galicia (ningún deles en residencias), o que eleva a cifra total de mortes polo coronavirus a 588.

En total, segundo a información da Consellería de Sanidade, en Galicia hai nestes momentos 2.727 "casos activos" de coronavirus (sumando pacientes hospitalizados e aqueles casos máis leves que se atopan nos seus domicilios). Son 20 menos que os existentes este xoves (2.747). 2.505 deles atópanse nas súas casas.

O que o Sergas segue denominando "curacións", pero que tamén reflicten negativos de test rápidos -como detalla o Ministerio- chegan ás 7.138. O Estado divulga datos da evolución do coronavirus en Galicia que a Xunta lle transmite pero non fai públicos.

Nas últimas 24 horas houbo un total de 25 novas hospitalizacións pola Covid-19 en Galicia, e só unha delas en UCI. En total, o número de persoas ingresadas nas Unidades de Coidados Intensivos pasou de 28 a 26. Ademais, a cifra de persoas hospitalizadas en planta tamén se reduciu, pasano de 205 a 196. Cómpre ter en conta, non obstante, que non todas as reducións significan necesariamente que se trate de pacientes de alta hospitalaria, xa que as novas normas do cómputo do coronavirus implican que un paciente con test negativo deixa de figurar na estatística da covid-19 aínda que sexa preciso que siga ingresado.

Nas residencias de maiores e centros de atención á discapacidade seguen a mellorar os indicadores. Este xoves non se rexistrou ningún falecemento, ficando a cifra total de mortes en 266. Tamén descende o número de residentes e traballadoras infectados e infectadas de Covid-19 ata un total de 612 (eran 679 este xoves). A cifra chegou a ser máis do dobre a mediados do mes de abril. Entre os casos que seguen activos, 289 corresponden usuarios e usuarias de residencias de maiores, 213 a traballadoras e traballadores, 74 a usuarios e usuarias dos CAPD e 36 ao seu persoal.

O número de PCR realizadas elevouse en 1.704, ata chegar ás 111.600. Nos últimos cinco días non houbo ningún no que as PCR realizadas en Galicia chegasen ás dúas mil, cando o habitual hai unhas dúas ou tres semanas era que o seu número superase amplamente as tres mil ao día. Isto fai que a proporción de PCR que teñen un resultado positivo se manteña ao redor do 3%, unha porcentaxe que case non variou dende o pasado 20 de abril. 

Por áreas sanitarias, dos 2.727 casos activos, 655 son da área da Coruña, 167 da de Lugo, 432 da de Ourense, 142 da de Pontevedra, 743 da área de Vigo, 470 da de Santiago, e 118 da de Ferrol. Nas últimas 24 horas reducíronse as cifras de todas elas, agás as da área sanitaria da Coruña, que se incrementou en 12 novos casos, e a de Compostela, que medrou en 22.

En todo caso, a área sanitaria con máis positivos neste momento segue sendo Vigo e o territorio con máis incidencia da enfermidade (casos por habitante) é o que abrangue a área sanitaria de Ourense, seguido de Vigo e A Coruña. Pola contra, Pontevedra, Lugo e Ferrol son as áreas con menos casos por habitante.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.