O vindeiro 11 de maio comezará nalgúns territorios (aínda non se decidiu se serán provincias ou áreas sanitarias) a Fase 1 do desconfinamento, na que se permitirá por exemplo o contacto social en grupos reducidos (máximo de 10 persoas), a apertura do pequeno comercio (co 30% do aforamento), de bibliotecas, de terrazas en locais de hostalaría ou a realización de actos culturais de ata 30 persoas e un terzo de aforo en interiores e ata 200 persoas sentadas no exterior. E todo dentro da provincia ou área sanitaria na que se resida.
Só aqueles territorios que cumpran unha serie de criterios poderán iniciar o 11 de maio a Fase 1, mentres que outros deberán agardar ás semanas seguintes
Con todo, só aqueles territorios que cumpran unha serie de criterios poderán iniciar ese día a Fase 1, mentres que outros deberán agardar ás semanas seguintes. Evidentemente, canto máis tarde se inicie a Fase 1, máis tardarán en chegar as fases seguintes, avances que se irán aplicando -no mellor dos casos- cada 14 días.
O Ministerio de Sanidade publicou a pasada semana os criterios que determinarán a decisión de permitir o alivio do confinamento en cada lugar. Uns criterios que atenden non só ao control da enfermidade, senón tamén á capacidade hospitalaria de cada territorio (sobre todo no que atinxe ás camas de UCI e de agudos), ademais de criterios socioeconómicos, de mobilidade e sobre a capacidade para realizar probas, trazar a orixe de casos positivos e detectalos precozmente. Antes deste mércores 6 de maio a Xunta deberá realizar unha proposta para que a totalidade de Galicia (ou só algunha das súas áreas sanitarias ou provincias) pasen á Fase 1 e deberá achegar os datos que xustifiquen a proposta, que deberán ser avaliado polo Ministerio para adoptar unha decisión.
Dende o inicio da crise da Covid-19, Galicia estivo sempre nunha mellor situación que boa parte dos territorios do Estado, pero nas últimas dúas semanas o ritmo de descenso do número de casos de coronavirus en Galicia foi menor
Ata agora o Ministerio de Sanidade só deu a coñecer algúns indicadores concretos, como o número mínimo de camas de UCI necesarias (entre 1,5 e 2 por cada 10.000 habitantes) e o número mínimo de camas hospitalarias (entre 37 e 40 camas por cada 10.000 habitantes). Con todo, aínda non ofreceu unha referencia semellante para os datos de control da enfermidade, no que atinxe, por exemplo, á incidencia do coronavirus nas últimas semanas.
Varios expertos teñen sinalado que a cifra de 1 ou 2 casos novos por cada 100.000 habitantes sería o mínimo recomendable para avanzar no desconfinamento. E, de igual xeito, algúns dos voceiros do Ministerio de Sanidade subliñaron nas últimas semanas o feito de que algunhas comunidades tiveran unha incidencia da enfermidade por debaixo de 30 casos por cada 100.000 habitantes nos últimos 14 días (ao redor de 2 casos diarios por cada 100.000 habitantes).
Unha cifra de mortes máis baixa unha taxa de letalidade máis reducida, unha incidencia menor da enfermidade e mellores datos de ocupación hospitalaria situaban a Galicia nunha boa posición para iniciar o desconfinamento no primeiro momento
Dende o inicio da crise da Covid-19 Galicia estivo sempre nunha mellor situación que boa parte dos territorios do Estado, e con cifras de casos detectados moi por debaixo da media española. Isto, unido ao feito de que o sistema sanitario se mantivo lonxe do colapso e tamén a que o número de falecementos e a taxa de letalidade foron sempre moi inferiores ao do conxunto do Estado, situaban a Galicia nunha boa posición para iniciar o desconfinamento no primeiro momento.
Porén, nas últimas dúas semanas o ritmo de descenso do número de casos de coronavirus en Galicia foi menor. Dos ao redor de 400 positivos que se rexistraban en Galicia na primeira semana de abril pasouse rapidamente a 200 na segunda semana e a pouco máis de 100 na terceira semana. Porén, dende entón a redución foi moito máis de vagar. A incidencia media (número de casos por acada 100.000 habitantes nos 14 días anteriores), que chegara a ser de 186 o 5 de abril, baixou ata 83 o 19 de abril, en 14 días. Este 4 de maio, 15 días despois, sitúase en 55,7, aínda lonxe da cifra de referencia dos 30 casos.
Cómpre lembrar que a decisión sobre o paso ás distintas fases do desconfinamento se realizará de forma diferenciada a través da situación existente en cada área sanitaria ou provincia. Con todo, ata agora non se están a ofrecer datos sobre a incidencia da enfermidade a este nivel en Galicia.
A incidencia media en España, que o 19 de abril se situaba nos 138,6 casos (Galicia estaba daquela nos 83), hoxe está mesmo por debaixo da de Galicia (51 casos fronte a 55,7)
Mentres, os datos do conxunto do Estado melloran con máis rapidez. A incidencia media en España, que o 19 de abril se situaba nos 138,6 casos (Galicia estaba daquela nos 83), hoxe está mesmo por debaixo da de Galicia (51 casos fronte a 55,7).
O rápido descenso nos datos estatais débese sobre todo á mellora experimentada por algunhas comunidades autónomas. Os territorios que xa estaban nunha mellor situación (Andalucía, Baleares, Canarias, Murcia ou Comunidade Valenciana), que se movían entre 27 e 55 casos, hoxe móvense entre os 3 e os 14 casos. Pero, sobre todo, algúns dos que tiñan uns datos moito peores que os galegos conseguiron reducilos a moita máis velocidade que o noso país: a incidencia en Castela-A Mancha pasou de 324 casos a 65, en Madrid de 260 casos a 69, ou en Navarra de 237 casos a 72. Mesmo comunidades que hai 15 días estaban en peor situación que Galicia, como Asturias, Estremadura, Aragón ou Cantabria, hoxe presentan datos de incidencia moito mellores, inferiores a 15 casos en Asturias ou Estremadura.
Comunidades que hai 15 días estaban en peor situación que Galicia, como Asturias, Estremadura, Aragón ou Cantabria, hoxe presentan datos de incidencia moito mellores
Durante este período, ademais, tiveron lugar varios cambios metodolóxicos nos datos entregados pola Xunta ao Ministerio de Sanidade. Un deles tiña que ver cos positivos rexistrados, pois ata o día 29 de abril o Goberno galego non achegaba de forma diferenciaba os casos detectados mediante probas PCR e os descubertos mediante test de anticorpos. Porén, o Ministerio de Sanidade nas súas estatísticas só tiña en conta os atopados a través de PCR e para Galicia -ao non contar cos información detallaba- empregaba a suma dos dous indicadores.
O outro indicador que amosa un certo estancamento na mellora dos datos galegos é o dos resultados das probas de detección realizadas. Na última semana de marzo ao redor de 1 de cada 4 probas PCR tiñan un resultado positivo, indicando que esa persoa estaba infectada pola Covid-19. Durante as tres primeiras semanas de abril ese indicador reduciuse rapidamente, en paralelo cun grande incremento no número de probas que se realizaban cada día (entre o 15 e o 25 de abril fíxose unha media de máis de 3 mil PCR cada día en Galicia).
Dende o pasado 20 de abril a relación entre o número de probas PCR realizadas e a cifra de positivos detectados case non variou: do 3,8% pasou ao 3,25%
Facíanse máis probas e o número de novos casos detectados caía con rapidez, de xeito que o 20 de abril a porcentaxe de positivos caeu por debaixo do 4% por primeira vez. Porén, dende entón esa porcentaxe practicamente non descendeu, situándose na actualidade no 3,25%.
Ademais, nos catro días que levamos do mes de maio o número de probas PCR realizadas tamén diminuíu, roldando as dúas mil por día. A Xunta non ofrece datos sobre as probas de detección de anticorpos realizadas cada día.