Os datos do coronavirus que ofrecen cada día o Ministerio de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde viraron incomparables malia beberen dunha única fonte, a propia Consellería de Sanidade. As cifras acumuladas da Xunta deixaron de cadrar coas que ofrece o Ministerio dende a pasada semana ao non distinguir entre resultados de probas PCR e test de anticorpos nin divulgar unha serie estatística completa que aclare as distorsións provocadas pola introdución masiva de 3.552 "curacións" domiciliarias dun golpe e sen referencia temporal.
Partindo destas cautelas, para coñecer a foto diaria da pandemia en Galicia cómpre combinar a información proveniente de ambas fontes para compoñer a imaxe. O que indican os datos este 4 de maio é que nas últimas vinte e catro horas abrollaron en Galicia 44 novos positivos, un 0,49% de incremento que está moi por baixo dos días de maior pico da pandemia, pero notablemente por riba da media estatal, onde os casos novos aumentan un 0,16%. Este incremento é hoxe en Galicia o segundo maior do Estado só superado pola cidade autónoma de Melilla onde, non obstante, o seu incremento do 1,71% supón só dous casos novos, por mor da súa escasa poboación.
Galicia está por riba da media estatal en incremento de casos novos e incidencia acumulada nas últimas dúas semanas; o Sergas contabiliza unha diminución de 131 positivos activos e 6 falecementos máis ata chegar a un total de 569
A incidencia acumulada -número de casos novos por cada 100.000 habitantes nas últimas dúas semanas-, indicador clave para o desconfinamento é tamén desfavorable en Galicia neste 4 de maio. Sitúase en 55,68 casos novos por cada 100.000 habitantes, o que supón tamén estar por riba da media estatal. [A Xunta non contempla publicar unha estatística completa do coronavirus malia ás distorsións da última semana]
Xunto ao que din os datos divulgados polo Ministerio, dos fornecidos pola Consellería é posible tamén tirar outras conclusións. Os aumento de casos acumulados segue sen cadrar -Sanidade segue sen especificar cantos se refiren a test PCR e cantos, a test de anticorpos- e no parte do Sergas aumenta en 34, ata un total de 9.859 positivos dende o inicio da pandemia. Os acumulados en Galicia son 9.011 na estatística do Ministerio, polo que cabe deducir que 848 dos positivos acumulados aos que se refire a Xunta son resultados de test de anticorpos mentres o número de probas PCR -información que o Sergas si fornece dende o inicio- chegan a 104.990, o que supón o sexto día consecutivo con menos novas probas que o anterior (neste caso, 1.874).
Tres das seis persoas falecidas no último día viviran en residencias de maiores; o 45% do total de mortes pola covid-19 en Galicia foron ata agora de residentes nestes centros
Con todos estes números, o total de casos positivos activos dos que informa o Servizo Galego de Saúde apunta a unha nova diminución ata quedar en 3.056 -131 menos, unha diminución do 4,11%- . Mentres, informa de 159 "curacións" novas para un total de 6.234 recuperacións, datos que si cadran cos do Ministerio.
Xunto coas das recuperacións, a tendencia que tamén segue a coincidir entre as dúas fontes estatísticas é a do número de persoas falecidas. Chegan xa en Galicia ás 569 tras sumar seis nas últimas vinte e catro horas. Delas, tres viviran en residencias de maiores e dependentes e dúas morreron no propio centro: unha, na residencia Santa Teresa Jornet da Coruña e outra, na residencia Divino Maestro de Ourense. Son xa 256 persoas as persoas falecidas a causa da covid-19 en Galicia que vivían en centros de maiores e dependentes, o que supón un 45% do total.
Oito novas hospitalizacións, catro menos no total de ingresos
A presión nas UCI segue a baixar e nas últimas vinte e catro horas saíron 12 persoas da hospitalización por mor da pandemia, mentres que entraron 8
Tamén cómpre combinar ambas fontes para observar a presión da pandemia nos hospitais, que en termos xerais continúa a baixar. O Ministerio de Sanidade recolle, a partir de datos que a Xunta non divulga, oito novas hospitalizacións en Galicia a causa da pandemia, todas elas en unidades ordinarias -en planta-. Mentres, o Sergas informa dunha nova diminución no total de persoas hospitalizadas por mor da covid-19, con catro persoas menos -de 291 a 287-.
O número de persoas que precisan asistencia en UCI polo coronavirus diminuíu en dúas e queda en 34 e as ingresadas en unidades ordinarias son outras dúas menos, quedando en 253. Daquela, saíron doce persoas da hospitalización e entraron oito.
O Sergas tamén indica unha nova diminución de casos de persoas illadas a domicilio, cifra que inclúe os positivos activos en residencias de maiores e dependentes e que queda en 2.769. Supón unha diminución do 4,39% e algo máis do 90% do total de positivos activos.
O maior descenso de activos, na área de Vigo
Por áreas sanitarias, a fotografía é dun descenso xeneralizado de positivos activos cunha única excepción, a área de Lugo, que unicamente aumenta nun caso. A maior diminución indicada polo Sergas rexístrase na área de Vigo, con 58 casos menos, o que volvería situar a área sanitaria da Coruña e Cee como a que ten máis positivos actiovs (740).
Malia ás distorsións da última semana e á liña descendente que está a trazar dende hai varios días, o que non varía polo momento é o feito de que a área sanitaria de Ourense siga a ser, con diferenza, a que sofre unha maior incidencia da pandemia en Galicia -casos activos por cada 100.000 habitantes-. Este indicador sitúase agora nos 192 casos positivos activos, mentres que na área con maior número de casos en termos absolutos, a coruñesa, queda en 134.