Primeiro día sen mortes por coronavirus en Galicia e máis cambios no cómputo do Sergas que invalidan o groso da estatística

CC-BY-NC-SA Praza Pública

O groso da estatística do Servizo Galego de Saúde para coñecer a tendencia  do coronavirus vira inservible no primeiro día sen mortes dende o inicio da pandemia. Cando menos, na súa parte pública. Vinte e catro horas despois de introducir dun golpe 3.552 "curacións" sen referencia temporal ningunha, provocando que as recuperacións se triplicasen e os casos positivos activos -referencia empregada pola Xunta ata hai dous días- caesen á metade, a información divulgada pola Consellería de Sanidade para este 30 de abril reflicte novas mudanzas que anubran aínda máis o panorama.

Tras introducir 3.552 "curacións" dun golpe na xornada previa, este 30 de abril agroman na estatística do Sergas 180 recuperacións máis sen referencia temporal e os casos activos diminúen en 40 mentres o Ministerio reflicte 22 positivos novos en Galicia

Nesta xornada, o Ministerio de Sanidade, a partir da información fornecida polas comunidades autónomas-, reflicte 22 casos novos da covid-19 detectados en Galicia a partir de probas PCR -o total realizadas son xa 96.095, 2.977 máis que un día antes. No entanto, a cifra de positivos activos ofrecida polo Sergas non sobe, senón que baixa de 3.526 a 3.486, 40 menos. 

Mentres, o número de persoas "curadas" pasa de 5.393 a 5.573. Son 180 máis, cuxa orixe non é especificada. Deste xeito, o número de casos acumulados de coronavirus en Galicia dende o comezo da pandemia aumenta en 140, de 9.466 a 9.606. 

As orixes desas novas curacións poderían ser dúas: recuperacións de días pasados que son incorporadas por segunda xornada consecutiva á estatística sen referencia temporal ningunha ou ben negativos de test de anticorpos, información que segundo o Ministerio a Xunta está a transmitir, pero que non figura por ningures nos datos que divulga o Sergas. Estas distorsións invalidan tamén a posibilidade de realizar un cálculo diario de casos novos detectados nas últimas vinte e catro horas. [A suma masiva de "curacións" racha a estatística de referencia para coñecer a evolución do coronavirus en Galicia]

As persoas falecidas seguen sendo 547 tras o primeiro día sen novas mortes pola covid-19, sinala o Sergas

Estas mudanzas que atrancan o coñecemento público sobre a pandemia en Galicia prodúcense nun día no que a estatística non reflicte, por primeira vez, ningún falecemento nas últimas vinte e catro horas. Deste xeito, as persoas falecidas pola covid-19 en Galicia seguen sendo 547, segundo a Consellería de Sanidade. Delas, 249 viviran en residencias de maiores e persoas dependentes.

Pronunciada baixada nos hospitais e 2 novos casos na UCI, segundo o Ministerio

Segundo o Sergas, nas últimas vinte e catro horas as hospitalizacións diminuíron por riba do 30%; a estatística do Ministerio, construída con datos das autonomías, reflicte 11 novos casos de coronavirus que requiriron hospitalización en Galicia

Nesta xornada resulta rechamante tamén unha pronunciadísima baixada no número de persoas hospitalizadas en Galicia por mor do coronavirus. Segundo o Sergas, pasan de 555 a 381 en vinte e catro horas, un descenso de 174 persoas que supón un 31% menos. Sanidade indica que as persoas que precisan asistencia na UCI por mor da COVID-19 pasan de 73 a 47, unha caída superior ao 35%, e que as ingresadas en planta son agora 334, mentres que no día previo eran 482, un descenso do 30%.

Non obstante, na mesma xornada o Ministerio de Sanidade, que constrúe a súa estatística cos datos fornecidos polas autonomías, indica que en Galicia lle constan 11 novas hospitalizacións para un total de 2.747 acumuladas dende o inicio da pandemia, dato que a Xunta non ofrece. Delas, sinala 2 novos ingresos na UCI para un total acumulado de 310.

A cifra que si aumenta na estatística da Xunta é a das persoas que deron positivo e están illadas nos seus domicilios, que tras a pronunciadísima baixada do día 29 produto da introdución de "curacións" en masa (de 6.379 a 2.971 casos) ascende este día 30 ata os 3.105, un 4,51% máis que no día anterior. Nesta cifra inclúense 762 persoas que viven en residencias de maiores -no día previo eran 52 máis, segundo o Sergas-.

As novas "curacións" concéntranse na área da Coruña

Tras as fortes distorsións destes dous días, a área da Coruña deixa de ser a que rexistra máis positivos e a de Ourense mantense como a que padece maior incidencia da pandemia

Os devanditos cambios no cómputo da pandemia impactan especialmente nos datos por áreas sanitarias, nos que non existe a referencia de casos acumulados para poder observar a tendencia xeral do virus. Así, tras o forte impacto da introdución de 3.552 "curacións" dun golpe, este xoves día 30 o groso das novas "curacións" sen referencia temporal son rexistradas na área da Coruña-Cee, que baixa en 60 casos e deixa de ser a área sanitaria con máis casos activos.

Mentres, o Sergas reflicte unha pronunciada suba de positivos activos na área de Vigo, que con 40 máis pasa a ser a que ten máis positivos en termos absolutos. En todas as demais prodúcense reducións, aínda que menos intensas. No que atinxe á incidencia, as distorsións dos últimos dous días tamén son enormes; non obstante, a área de Ourense mantense como a que ten máis casos por cada 100.000 habitantes, con 231.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.