O pasado martes, 28 de abril, os datos oficiais do Servizo Galego de Saúde indicaban que en Galicia se rexistraban 6.947 casos positivos activos de persoas afectadas polo coronavirus. Era un incremento lixeiro, do 0,81%, nunha xornada na que as altas de pacientes que tiveran que ingresar a causa da covid-19 chegaban a 1.841. Ambos indicadores viñan sendo ofrecidos a diario pola Xunta dende que o pasado 4 de marzo, hai case dous meses, o Sergas confirmou o primeiro caso de coronavirus no país.
Os positivos activos da covid-19 redúcense á metade en Galicia nun só día porque, segundo o Sergas, agora dispón de "base sólida" para computar as persoas illadas nos domicilios. A única serie homoxénea pasa a ser de agora en diante a de casos acumulados
Esta información regular veu servindo nestes case dous meses para construír unha serie estatística que permitía observar, con criterios homoxéneos, a evolución da pandemia en Galicia. Estas series veñen sendo publicadas por medios de comunicación e centros científicos, aínda que non pola Xunta. Todas elas saltan estatisticamente polos aires este 29 de abril, cando a Xunta deu en incorporar dun golpe os datos de todas as persoas que, en verbas do xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa, "poden considerarse como curados" nos seus domicilios, restándoas da cifra total de positivos activos e sumándoos ao indicador de recuperacións, ata agora conformado só polas persoas dadas de alta nos hospitais.
Dáse así as circunstancia de que o indicador de recuperacións -ata onte "altas", dende hoxe "curados"- practicamente se triplica e pasa de 1.841 a 5.393 casos, 3.552 máis que, segundo o Sergas, son sumados agora porque a información "xa ten unha base sólida" sobre cadansúas curacións ao longo de toda a crise sanitaria. Mentres, os positivos activos caen bruscamente dos devanditos 6.947 a 3.526, un 49% menos que, a efectos prácticos, inaugura pola vía dos feitos unha nova serie que impedirá comparar este dato, de agora en diante, con todos os anteriores. A única serie homoxénea e comparable é dende hoxe só a dos casos acumulados -todos os positivos, tanto os activos como os de persoas curadas e falecidas-, que chegan a 9.466.
No último día abrollaron 138 casos novos, 48 máis que un día antes
Esta mudanza impide comparar minimamente a evolución nas últimas semanas e tamén nas últimas horas no referido a positivos activos, pero non no que atinxe a novos casos detectados nestas vinte e catro horas. No último día abrollaron 138 casos novos, 48 máis que un día antes, nunha xornada na que segundo o Sergas foron procesadas 3.118 novas probas PCR. Deste xeito, os novos casos detectados equivalen ao 4,43% das probas realizadas. A finais de marzo, con menos probas PCR cada día, os novos casos equivalían a arredor do 30% das probas.
O número de persoas falecidas chega a 547, sete máis, e a información do Ministerio inclúe por primeira vez as 128 persoas que morreron en residencias de maiores, dato que o Sergas suma na súa información pública dende o 7 de abril
A outra serie que non varía na información feita pública polo Sergas é a referida ás persoas falecidas, aínda que si muda nos datos que a Xunta fornece ao Estado, que dende hoxe agrega os 128 falecementos que ata agora se produciron en residencias de maiores e dependentes. A información pública da Consellería de Sanidade non incluíu estes falecementos dende ata o pasado día 7 de abril, en vésperas de ter a obriga de fornecelos ao Ministerio. Antes, o Sergas, a Consellería de Sanidade e o propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ofreceran versións contrapostas sobre o xeito de divulgar esta información.
Así, este 29 de abril o número de persoas falecidas en Galicia a causa da covid-19 chega a 547. Son sete máis que vinte e catro horas antes e delas, dúas viviran en residencias de persoas maiores e dependentes. Os residentes destes centros que morreron por mor do coronavirus xa son 249.
Sanidade revela por primeira vez que ata 308 persoas estiveron na UCI
Ata agora, a Xunta tampouco informara do total de persoas que precisaran asistencia na UCI dende o inicio da pandemia; actualmente son 73
As mudanzas no xeito de presentar os datos por parte da Xunta chegan tamén á información sobre o número de persoas hopsitalizadas. Dende o inicio da pandemia, o Goberno galego divulgara unicamente o número de ingresos na UCI de cada día, a foto fixa da xornada, pero non o número acumulado de persoas que precisaran esta asistencia. Así o fixo ata chegar a ser, nos últimos días, a única autonomía que non revelaba este dato. O coñecido era só que o maior número de persoas ingresadas nas UCI ao mesmo tempo por mor da doenza foran 177 á altura do 4 de abril.
Este 29 de abril si o fixo e serviu para coñecer que ata o momento tiveron que pasar polas UCI galegas un total de 308 persoas diferentes, dato acumulado que viña solicitando o Ministerio. No que atinxe á situación actual, as persoas ingresadas na UCI por mor do coronavirus son 73, as mesmas que o día anterior. Mentres, diminúe un 2,63% o número de persoas ingresadas en unidades ordinarias -en planta-, que queda en 482. O total de persoas hospitalizadas chega así ás 555, unha diminución do 2%.
A devandita mudanza no xeito de informar sobre os casos activos de coronavirus si afecta de cheo á cifra de persoas en illamento domiciliario. O martes, 28 de abril, eran 6.379 e co novo sistema pasan a ser 2.971, dado que todas as demais engrosan agora a lista de "curados". Son máis do 80% do total de positivos activos, segundo o novo cálculo.
O impacto do novo cálculo nos datos por áreas sanitarias
A área con máis casos activos segue sendo a da Coruña, pero pasando de 1.667 a 880
A incorporación repentina de todos os casos considerados como "curados", sen unha distribución no tempo en función do momento en que se producisen esas "curacións", impacta tamén de xeito radical nas curvas de evolución de cada unha das áreas sanitarias. Así, co novo cálculo a área sanitaria con máis casos activos segue sendo a da Coruña-Cee, pero con 880 positivos activos fronte aos 1.667 do día anterior. Ourense deixa de ser a segunda con máis casos, posto que pasa á de Vigo, que fronte aos 1.236 positivos activos do día 28, este 29 de abril queda en 808.
Ourense tamén é a área con máis incidencia segundo o novo cálculo, aínda que con 234 casos por cada 100.000 habitantes fronte aos 434 dun día antes
Os datos de incidencia -número de positivos activos por cada 100.000 habitantes- tamén varían tras este corte da serie decidido polo Sergas. A maior incidencia segue sendo a da área de Ourense, que non obstante pasa de 434 casos por cada 100.000 habitantes a rexistrar 234 casos, co novo cálculo. A área con menor incidencia continúa sendo a de Pontevedra, pasando no seu caso de 196 casos positivos activos por cada 100.000 habitantes a apenas 73.