Dende que, o pasado día 29, a Xunta introduciu dun golpe 3.552 "curacións" sen referencia temporal ningunha de persoas illadas a domicilio tras daren positivo polo coronavirus, a estatística que permitía observar a evolución da pandemia en Galicia rachou, irremediablemente. Os novos criterios inseridos pola Xunta nos últimos días tornaron ademais en incomparable a información fornecida directamente pola Consellería de Sanidade coa que publica o Ministerio de Sanidade, aínda que a fonte do Goberno central non é outra que a propia Xunta.
O Ministerio reflicte 65 novos casos detectados en Galicia mentres o acumulado de positivos reportados polo Sergas aumenta en 52 e as "curacións" soben máis do que diminúen os positivos activos
Partindo desta nebulosa xeral que paira sobre os datos galegos nos últimos días, a información deste domingo apunta a 65 novos casos positivos de coronavirus detectados en Galicia, segundo informa o Ministerio a partir dos datos da Xunta. Tamén sinala seis novos falecementos, ata un total de 563, dato que si cadra entre ambas fontes públicas. Unha das persoas falecidas vivira nunha residencia de maiores, aínda que non é posible coñecer en cal porque o seu pasamento produciuse nun hospital ou nunha residencia integrada -os centros habilitados polo Goberno galego para persoas anciás que contraeron a covid-19. Do total de 563 falecementos, 253 eran persoas que viviran nestes centros [A suma masiva de "curacións" racha a estatística de referencia para coñecer a evolución do coronavirus en Galicia]
Mentres, o indicador de positivos activos -referencia para coñecer a evolución da pandemia en Galicia ata o pasado día 28- segue a diminuír mentres o de "curacións" -que substituíu esta semana ao de "altas" hospitalarias- continúa a aumentar en maior medida. Desta volta, o Sergas informa de 3.187 positivos activos, un 1,48% menos que un día antes, e dun total de 6.075 "curacións" -un 1,57% máis-. As probas PCR realizadas en Galicia chegan a 103.116, o que supón sumar 2.080 con relación ao día previo, o menor número de probas nun día dende o pasado día 21.
Un dos seis novos falecementos foi dunha persoa que vivira nunha residencia de maiores; do total de 563, 253 eran residentes nestes centros
Estas cifras, xunto ás dos falecementos, deixarían o total de casos acumulados de coronavirus en Galicia en 9.825. Son 52 máis que un día antes, pero dende a ruptura da serie e coa introdución dos novos criterios, non é posible afirmar que se trate de casos "novos" do último día e o número non cadra cos 65 "novos" que reflicte a estatística do Ministerio. En calquera caso, a ausencia dunha serie pública completa divulgada polo Sergas fai inútil calquera comparación cos datos previos ao día 28 para coñecer a evolución do virus no país. [Feijóo atribúe o cambio nos datos que racha a estatística galega do coronavirus á vontade de "cumprir o protocolo do Ministerio"]
As novas cifras de hospitalización seguen baixando
O Ministerio dá conta de 5 novas hospitalizacións en Galicia mentres o global de persoas ingresadas volve baixar, segundo o Sergas, quedando nun total de 291; 36 delas na UCI
Coa introdución dos novos criterios acelerou tamén notablemente a baixada nas cifras de hospitalización a causa do coronavirus. O descenso notificado polo Sergas para este 3 de maio é, non obstante, máis moderado que o de días previos. Son 7 persoas hospitalizadas menos con positivos da covid-19, segundo Sanidade: un total de 291 que supoñen un descenso do 2,3%. Non obstante, a estatística do Ministerio sinala que nas últimas vinte e catro horas foron contabilizadas en Galicia 5 novas hospitalizacións, dúas delas na UCI.
Os indicadores de prevalencia dos hospitais -a foto fixa, non o dato acumulado- que manexa o Sergas indican que este 3 de maio as persoas na UCI a causa do coronavirus son 36. É unha menos que un día antes, pero dado que o Ministerio reflicte que hai 2 ingresos novos en coidados intensivos, realmente teríanse producido tres saídas e dúas entradas. Nas unidades ordinarias de hospitalización -en planta- as persoas ingresadas por esta razón serían agora 255, seis menos que no día anterior.
No que atinxe ás persoas con positivos en coronavirus que seguen en illamento domiciliario, a cifra que ofrece o Sergas este 3 de maio é de 2.896. Trataríase dun descenso dun 1,40% con relación á xornada anterior.
Lixeiro aumento de positivos activos en Vigo, descenso nas demais áreas
A liña descendente de Ourense dende a introdución dos cambios no cómputo non impide, de momento, que siga a ser a área con maior incidencia do virus en Galicia
Por áreas sanitarias, e sempre coa limitación de ser imposible realizar comparacións cos datos previos ao día 29, a información de Sanidade para este 3 de maio sinala a de Vigo como a única na que aumenta o total de positivos activos, con cinco máis, pasando a ser a que ten máis en termos absolutos, aínda que con só dous máis que a área da Coruña.
As demais áreas sanitarias ven diminuír o número de positivos activos. Tamén a de Ourense, que dende a introdución masiva de curacións e as demais mudanzas no cómputo está nunha liña claramente descendente. Esta liña descendente non impide, así e todo, que en termos de incidencia -casos activos por cada 100.000 habitantes- a área ourensá siga moi por riba do resto de áreas e supere con claridade a media galega.