O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, compareceu este mércores por internet para a prensa -con posibilidade de preguntas por esa mesma vía- e ao vivo pola CRTVG para, mentres no Parlamento se desenvolvía a sesión da Deputación Permanente, único órgano activo da Cámara dende que foi disolta para celebrar as adiadas eleccións de abril, valorar o avance do proxecto de "desescalada" presentado polo Goberno de España para relaxar progresivamente as medidas de confinamento impostas fronte á pandemia do coronavirus.
Dende a reforma sanitaria de 2018, o Sergas está organizado en sete áreas sanitarias
Como nas últimas semanas, Feijóo lanzou unha crítica á práctica totalidade dos plans do Executivo do PSOE e Unidas Podemos, tanto ás formas en que foi divulgado o documento como ao seu contido, que ve inzado de "sombras". Alén da crítica xeral, o presidente da Xunta si reiterou a preferencia que o Goberno galego xa sinalara en días pasados: pedirá ao Estado que o territorio de referencia non sexan as provincias, senón as sete áreas sanitarias nas que se organiza o Servizo Galego de Saúde dende a reforma do ano 2018, cuxa distribución xeográfica recolle o mapa sobre estas liñas. [Dos primeiros paseos ás visitas familiares: as actividades permitidas no desconfinamento]
Segundo Pedro Sánchez, o Goberno central aceptará que a referencia sexan territorios diferentes das provincias se serven "para controlar a evolución da epidemia"
Despois de que Pedro Sánchez avanzase que o Ministerio de Sanidade non terá "ningún problema" en aceptar "propostas alternativas" á provincia se "están suficientemente motivadas" e serven para "controlar a evolución da epidemia", Feijóo reitera que a Xunta argumentará a súa proposta ante o departamento que dirixe Salvador Illa. "A unidade para as fases" do desconfinamento, sinala, "non poden ser as provincias, senón ás áreas sanitarias", xa que se trata dun proceso "sanitario, non administrativo". Contra o serán deste mércores, o Goberno central reiteraba que está aberto a aceptar o desconfinamento por áreas, segundo fontes citadas pola Cadena SER.
Precisamente por iso, critica tamén o que, ao seu xuízo, é falta de concreción de criterios sanitarios para iniciar o desconfinamento e os límites para pasar dunha fase a outra. O Goberno central reitera que a concreción de cada aspecto chegará en ordes ministeriais [Estes son os criterios sanitarios que determinarán o regreso de cada territorio á 'nova normalidade'].
No caso de Lugo e Ourense, esta diferenza non variaría o fundamental, toda vez que dende hai dous anos están organizadas nunha soa área cada unha. Ata a reforma de 2018 dispuñan de cadansúas tres áreas, que agora son distritos sanitarios. As mudanzas si serían notables na provincia da Coruña, organizada nas áreas da Coruña-Cee, Ferrol e Santiago-Barbanza, esta última chegando ademais a varios concellos do Deza. Tamén na de Pontevedra, dividida nas áreas de Pontevedra-O Salnés e Vigo.
Feijóo reitera que hai "máis de 140 concellos que non teñen un só contaxiado", información que o Sergas non fai pública, e pide que neles o desconfinamento sexa máis rápido
Feijóo, que nin na súa década como presidente da Xunta nin nos seus anteriores períodos como conselleiro de Política Territorial e vicepresidente do Goberno de Manuel Fraga cuestionara a organización provincial de Galicia, asegura agora considerar que "non parece razoable" tomar como referencia esta "figura administrativa creada en 1833". E menos, di, "estender ata o 22 de xuño" os límites para circular entre provincias se as súas "situacións epidemiolóxicas" son semellantes. Especialmente, cre, en concellos limítrofes con situacións epidemiolóxicas semellantes.
Na súa comparecencia, o titular do Goberno galego volveu facer fincapé en que a Xunta manexa información segundo a cal "máis de 140 concellos galegos non teñen un só contaxiado" pola covid-19, polo que considera razoable que pasasen directamente á fase 3 do plan de desconfinamento, que permite unha maior apertura de servizos públicos e privados e mais de movementos. O Servizo Galego de Saúde non fai pública esta información a nivel municipal, malia ser reiteradamente solicitada polos medios de comunicación e mesmo polos propios concellos.