O conselleiro de Facenda salienta a vantaxe de que Galicia conta con orzamentos fronte a outras autonomías ou o Goberno central e a oposición aféalle a falta de axudas directas
A Xunta non vai realizar ningún tipo de proba de selección de persoal “ata o 1 de outubro”. Así o anunciou este mércores no Parlamento de Galicia o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, que é no que recaen as competencias en materia de persoal do Goberno galego e que di que esa será a proposta que realizará aos sindicatos para achegar “certeza e seguridade” ás persoas implicadas neses procesos. A decisión xeral anúnciase unha semana despois de que a conselleira de Educación, Carmen Pomar, confirmase, tras semanas de reclamacións ao respecto de opositores, sindicatos e oposición política, o aprazamento a 2021 das oposicións docentes previstas para este mes de xuño.
Valeriano Martínez considera unha "vantaxe competitiva" que a Xunta teña os orzamentos aprobados fronte a outras administracións coas contas prorrogadas e rexeita presentar uns novos
A comparecencia do conselleiro este mércores no Parlamento, ante a deputación permanente por estar disolta a Cámara, para dar conta das súas actuacións durante a crise do coronavirus prodúcese case sete semanas despois do establecemento do estado de alarma e entre críticas unánimes da oposición polo feito de que en todo este tempo o presidente Feijóo só comparecese nunha ocasión, o 26 de marzo.
Obviando as críticas, o conselleiro de Facenda salientou o que denominou “vantaxes competitivas” de Galicia fronte á crise do coronavirus como a súa “estabilidade política e institucional” ou o feito de ter os orzamentos aprobados fronte a outras comunidades ou o Goberno central con orzamentos prorrogados, contas que segue considerando válidas, con cambios, sen ter que presentar outras novas. A ese executivo central Martínez criticou que “adoptou medidas de recentralización e contrarias á autonomía” que supuxeron perda de recursos económicos para a Xunta.
A Xunta, critica Caballero, "aspira a ser a dirección dunha oficina bancaria de Galicia"
Desde a oposición, ademais da crítica unánime pola negativa de Feijóo a comparecer no Parlamento, coincidiuse en criticar a Martínez, como responsable económico da Xunta, que esta renuncie a crear axudas directas, especialmente aos autónomos. O Goberno galego, en verbas do líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, “aspira a ser a dirección dunha oficina bancaria de Galicia” xa que a súa “maior decisión” en materia económica, valorou, foi a de avalar anticipos de pagamentos ás persoas afectadas por expedientes de regulación de emprego, cuestión que o socialista dixo que “pode facer calquera director de oficina bancaria”.
Similares críticas contra a falta de axudas directas lanzaron os portavoces do resto de grupos, como tamén o fixeron contra o uso que a Xunta fai do comité de expertos económicos que creou para asesorala. Segundo o portavoz do grupo Común da Esquerda, Antón Sánchez, o Goberno galego escúdase nel para propoñer medidas dirixidas a outras administracións cando, ao seu ver, a actual crise “require de debate político”. Sánchez tamén puxo o foco na necesidade de que a Xunta recupere a xestión pública das residencias de maiores.
Desde o BNG, a súa portavoz, Ana Pontón, que aproveitou para criticar os criterios de desconfinamento por provincias avanzados polo Goberno central, reclamou que a Xunta presente uns novos orzamentos porque os actuais xa estarían “desfasados” polo ocorrido nas últimas semanas -Martínez respondeulle que “non hai por que traer un novo orzamento á Cámara” senón que ter un xa aprobado, fronte aos prorrogados doutras administracións, ofrécelle “facilidades”-.
Pola súa banda, por En Marea David Rodríguez afeou a Martínez que “cando Galicia reduce os impostos aos ricos, queda máis desprotexida”. O conselleiro, pola contra, negou que houbese recortes en materia sanitaria ou social nos últimos anos.
Durante o debate, Caballero chegou a pedir ao presidente do Parlamento que chamase á orde ao deputado e número 2 do PP galego Miguel Tellado por un chío en Twitter no que dixo que o socialista "insulta ás vítimas" do coronavirus. O presidente da Cámara respondeu a Caballero que non pode entrar a valorar o que os deputados escriban.