O conselleiro de Sanidade comparece no Parlamento por primeira vez tras seis semanas de emerxencia e a oposición critícalle a “precariedade” coa que o sistema sanitario chegou á actual crise
O coronavirus está a ter un menor impacto sobre o sistema sanitario galego que noutros lugares do Estado pola “anticipación” e o “liderado claro” da Xunta, pola configuración demográfica galega “sen grandes cidades” e amplo rural e polo seu “sistema sanitario mellorado nas infraestruturas, equipamento e persoal”. Así o asegurou este mércores no Parlamento de Galicia o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, na súa primeira comparecencia na Cámara case seis semanas despois de que o Goberno galego declarase a emerxencia sanitaria o venres 13 de marzo, día e medio antes que o estado de alarma do Goberno central.
Co Parlamento disolto tras a convocatoria das despois frustradas eleccións galegas, a comparecencia de Almuiña, que tamén deixou de ofrecer roldas de prensa hai seis semanas, centrando a comunicación da crise en Feijóo, produciuse ante a Deputación Permanente da Cámara, o órgano reducido de xestión da mesma que permanece activo. Nela a oposición admitiu que se poidan cometer erros na xestión da crise pero puxo o foco fundamentalmente na “precariedade” coa que o sistema sanitario chegou a ela e lamentou a falta de autocrítica por parte da Xunta.
Almuiña admite que "a non renovación de persoal contratado para o coronavirus, despois rectificada, foi un erro, unha descoordinación, e pedimos desculpas”
Almuiña asegurou que a Xunta fai autocrítica, pero só foi claro ao recoñecer como un erro as decisións do Sergas, despois rectificadas, de despedir a persoal contratado pola sobrecarga do coronavirus. “A non renovación dese persoal foi un erro, unha descoordinación, e pedimos desculpas”, dixo Almuiña, quen reprochou á oposición que “cando recoñecemos un erro din que foi pola presión”.
Sobre o resto da actuación da Xunta, Almuiña asegurou que a súa exposición da mesma “non é triunfalista senón o que se fixo”. O conselleiro mesmo gabou do seu departamento a “coordinación total con Política Social” malia as eivas denunciadas por profesionais no control do coronavirus nas residencias de maiores ou as versións discrepantes sobre a contabilización dos casos.
A oposición admite que a Xunta poida cometer erros pero censura a súa propaganda triunfalista
Desde a oposición, o líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, deu ánimos a Almuiña como “responsable político e como profesional sanitario” e salientou que el non bota en cara á Xunta “que non puidese anticipar a crise” como, asegura, non puideron outros gobernos, senón que “chegamos a esta crise cun sistema sanitario máis debilitado”. Nesa liña, dixo comprender a falta de material pero non o comportamento do Goberno galego co seu persoal.
Desde o grupo Común da Esquerda o seu portavoz, Antón Sánchez, lamentou que desde o Goberno galego “suspenderon as eleccións pero non suspenderon a campaña electoral”. “Non concibimos ningún goberno que estea a facer as cousas adrede mal, pero non toleramos que os que privatizaron a sanidade pública veñan con soberbia a non recoñecer nin un erro nesta situación”, censurou Sánchez.
Pola súa banda, a portavoz do BNG, Ana Pontón, tamén criticou a “propaganda” da Xunta e lamentou que “a este goberno da Xunta, igual que ao resto de gobernos da nosa contorna, o coronavirus colleuno co pé cambiado”. Tamén lamentou que “nin unha soa medida adoptada polo Goberno galego foi acordada polas forzas políticas”, poñendo especialmente o foco na precariedade do persoal da sanidade pública, elemento que tamén salientou desde o Grupo Mixto David Rodríguez, de En Marea.
A oposición insiste en pedir comparecencias periódicas de Feijóo, que só acudiu ao Parlamento nunha ocasión desde o comezo da crise
Pola contra, o portavoz do PP, Pedro Puy, contrapuxo a suposta transparencia da Xunta con supostas estratexias antidemocráticas do Goberno central. “Hai quen monitoriza as redes sociais, e hai quen non o fai”, chegou a dicir, ao tempo que gabou a que definiu como “con algunha lagoa, pero no seu conxunto magnífica xestión” da Xunta.
Toda a oposición coincidiu tamén en reclamar ao presidente do Parlamento, o popular Miguel Santalices, que o PP deixe de bloquear coa súa maioría as comparecencias que reclaman o resto de partidos, en particular as do propio presidente Feijóo, que só compareceu unha vez, o 26 de marzo, cando antes mesmo de chegar ao pico de casos xa aseguraba que a súa xestión da crise causaba "admiración" . Catro semanas despois, o conselleiro de Sanidad considera clave o seu "liderado claro".