Despois das tres primeiras semanas de confinamento sen apenas actos, as consellerías publicitan videoconferencias de marcado carácter económico
Patronais, clústeres ou asociacións sectoriais de empresas son os protagonistas da axenda oficial pública das consellerías da Xunta durante as primeiras semanas do estado de alarma polo coronavirus. Uns actos que se concretan maioritariamente en videoconferencias divulgadas polos servizos de comunicación do Goberno galego sen preguntas dos xornalistas.
Fronte ás comparecencias con preguntas todos os días de diversos ministros ou altos cargos do Goberno central, cada dous ou tres días do presidente Feijóo e semanalmente do presidente Sánchez, as consellerías pasaron as tres primeiras semanas do estado de alarma sen apenas actos públicos na súa axenda oficial. A última comparecencia con preguntas do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, que ata ese momento levaba ofrecendo roldas de prensa diarias desde a confirmación dez días antes do primeiro caso de coronavirus en Galicia, foi o sábado 14 de marzo, xusto antes da declaración do estado de alarma. A partir dese momento Feijóo asumiu o protagonismo na comunicación da crise.
Será este mércores 22 de abril, máis de cinco semanas despois do inicio da alerta, cando o conselleiro de Sanidade compareza por primeira vez no Parlamento, ao tempo que a axenda do conselleiro de Economía cita por primeira vez de xeito indirecto aos sindicatos como parte do encontro que prevé cos "axentes do diálogo social".
A Federación Galega da Construción é o interlocutor que máis se repite nas axendas oficiais feitas públicas polas consellerías, que inclúen diversas reunións de coordinación interna
Nas tres primeiras semanas o resto de consellerías apenas tiveron actos oficiais, a maioría protagonizados polo vicepresidente, Alfonso Rueda, en reunións de coordinación de diversos departamentos da propia Xunta. Foi a partir do luns 6 de abril cando aumentou notablemente a axenda oficial do Goberno galego.
En total, durante as máis de cinco semanas que xa van de estado de alarma a Xunta incluíu na súa axenda oficial pública das consellerías arredor de 80 actos oficiais, dos que unha trintena foron videoconferencias con colectivos empresariais como patronais, clústeres ou asociacións sectoriais de empresas. Entre elas houbo ata catro nas que se informou da presenza de representantes da Federación Galega da Construción, ademais de media ducia máis de actos de “supervisión” de obras públicas da Xunta.
De todos os actos oficiais incluídos nas axendas públicas, só un cita de xeito expreso a representantes dos autónomos e, ata o deste mércores cos "axentes do diálogo social", ningún a sindicatos máis alá da representación indirecta que estes poidan ter noutros órganos colectivos
Do resto da axenda oficial das consellerías, que non ten en conta outros actos protagonizados polos cinco delegados territoriais que Feijóo volveu nomear durante o estado de alarma tras cesaren para concorrer ás eleccións frustradas, máis dunha ducia de videoconferencias foron de coordinación de diversos departamentos da propia Xunta ou actos de anuncio de actuacións do propio Goberno galego, outras dez foron reunións co Goberno central e o resto de autonomías, e outras tantas con outras administracións alleas á Xunta.
As restantes están repartidas entre videoconferencias con outras entidades representativas de diversos eidos da sociedade, como cinco encontros con representantes do mundo do deporte ou outros con representantes de denominacións de orixe ou consellos reguladores de produtos agroalimentarios. De todos os actos oficiais incluídos nas axendas públicas das consellerías, só un, o mércores 8 de abril, citou de xeito expreso unha videoconferencia con representantes dos autónomos. Malia que moitas empresas son citadas polos seus nomes comercial ou social, en ningún momento, ata a referencia deste mércores do encontro cos "axentes do diálogo social", se cita expresamente a ningún sindicato máis alá da representación indirecta que estes poideran ter noutros órganos colectivos cos que se puido reunir a Xunta.
Na axenda do Goberno galego non figura ningunha referencia ao máximo órgano consultivo da Xunta sobre a sociedade galega, o Consello Económico e Social (CES)
Ademais desta axenda de reunións das consellerías, a Xunta tamén puxo en marcha, o 15 de abril e presidida por Feijóo a primeira reunión, un comité de expertos económicos. Pola contra, na axenda do Goberno galego non figura ningunha referencia ao máximo órgano consultivo da Xunta sobre a sociedade galega, o Consello Económico e Social (CES), presidido polo ex-conselleiro Agustín Hernández tras estar tres meses descabezado entre xuño e setembro do pasado ano ao decidir Feijóo que a súa anterior presidenta, Corina Porro, volvese á política activa. O último acto, ditame ou comunicado público do CES é a entrega dun premio de investigación económica o 19 de febreiro.