O Goberno galego divulga a diario imaxes de construcións nas que asegura que se gardan as distancias de seguridade entre o persoal
A Xunta non deixou de organizar actos de divulgación de obras públicas nin durante a precampaña despois frustrada do 5A malia estar prohibido pola lei electoral, nin agora co estado de alarma polo coronavirus. Pero se antes o habitual eran os desprazamentos de cargos públicos do PP a diversas localidades para fotografarse coa cidadanía beneficiaria deses investimentos públicos, o confinamento vén de mudar as tradicionais imaxes de inauguracións ou entrega de chaves de pisos de protección por videoconferencias de “supervisión” das actuacións.
Ao comezo da crise polo cornavirus o presidente Feijóo anunciou que a Sanidade e o pagamento de soldos sería o destino prioritario de todos os recursos económicos da Xunta, deixando a un lado os investimentos, que fundamentalmente se viñan producindo en obras públicas. A prioridade sanitaria mesmo facía que o presidente restase importancia a que doce altos cargos da administración estivesen baleiros en plena crise desde que os seus últimos ocupantes os deixaran para poder ir nas listas do PP ás autonómicas frustradas.
Os delegados territoriais que deixaron os cargos para ir nas listas do PP volveron a eles malia que Feijóo non os consideraba prioritarios e están a ter especial protagonismo á hora de divulgar actuacións da Xunta sobre o territorio
Porén, uns días despois, ao tempo que o propio Feijóo matizaba as súas palabras previas e daba máis importancia á continuidade dos investimentos a través das obras públicas, a Xunta volvía nomear as mesmas persoas para cubrir eses cargos que o presidente non consideraba importantes, entre eles os cinco delegados territoriais, que ao igual que seguiron mantendo actos oficiais tras o anuncio do seu cesamento, agora, tras retornar aos cargos, están a ter un especial protagonismo á hora de divulgar actuacións da Xunta sobre o territorio, tanto entregando en persoa material sanitario ou asistindo a desprazamentos de anciáns entre residencias como divulgado outro tipo de actuacións especialmente tras a reanudación das obras públicas o pasado luns.
Xunto cos delegados territoriais, a conselleira de Infraestruturas tamén está a poñer cara a esa visibilización por parte do Goberno galego das súas actuacións. Nos últimos días está a manter reunións diarias por videoconferencia, publicitadas pola propia Xunta con imaxes dos seus fotógrafos e cámaras, con empresas e entidades do sector para “supervisar” todo tipo de actuacións. Nesas reunións adoita participar, en ocasións presencialmente a carón da conselleira e noutras a distancia, o director da Axencia de Infraestruturas, Francisco Menéndez.
Son obras nas que a Xunta asegura que se están a respectar as medidas de seguridade e gardar as distancias de seguridade entre os operarios, como a conexión da A-52 co polígono ourensán de San Cibrao das Viñas, actuación reclamada desde hai dúas décadas polas empresas da zona e que comezou hai máis dun ano, a renovación de beirrarúas en Castro de Rei, ou a mellora da estación de autobuses de Sarria. Segundo a Xunta, os traballos agora reactivados "supoñen a mobilización este ano dun investimento autonómico de 160 millóns de euros e garanten 1.400 postos de traballo en 2020".