Como en anteriores campañas, nas que foi apercibido pola Xunta Electoral, o Goberno galego intenta bordear o veto ás inauguracións con convocatorias que lle permitan publicitar as súas políticas
Este martes o Diario Oficial de Galicia publicou o decreto, asinado por Feijóo, de disolución do Parlamento e co que quedan convocadas as eleccións o 5 de abril. Desde ese momento xa están prohibidos os actos propagandísticos de calquera administración, despois de que en 2011 a lei electoral fose reformada para estender ese veto dos quince días da campaña electoral ao momento previo en que son convocados os comicios. Porén, este martes, primeiro día de prohibición, a Xunta incluíu na axenda oficial dos seus altos cargos todo tipo de actos de presentación de obras ou subvencións, como tamén fixo en anteriores campañas electorais.
Na axenda oficial non aparece a palabra inauguración, pero se este luns, antes da convocatoria electoral, a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, facía un acto en Vigo convocando aos medios e con varios paneis informativos para “presentar” obras de mellora dos accesos de varios hospitais da cidade, este martes na Coruña optou por manter unha xuntanza co xerente desa área sanitaria “para abordar o proxecto de mellora de accesibilidade dos hospitais”, reunión seguida de declaracións aos medios. Tamén este martes, sen a palabra inauguración polo medio, o director xeral para o Deporte, José Ramón Lete, visitou dúas instalacións deportivas en Pantón e Sober “reformadas” ou “executada pola Xunta”.
Por outra banda, o delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, deu unha rolda de prensa sobre subvencións do Goberno galego aos concellos para melloras de pistas e camiños agrícolas. E a secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou no Barco de Valdeorras nunha “xornada informativa sobre as axudas do seu departamento”. Outros moitos conselleiros e cargos inferiores celebraron este martes reunións non precisamente de traballo con todo tipo de colectivos relacionados coas súas áreas competenciais.
En 2012 a Xunta Electoral apercibiu a Feijóo polo acto co que solemnizou o acordo con Pemex
Pola súa banda, o presidente Feijóo, tras anunciar pola mañá que volverá ser el o candidato do PP, participou pola tarde na botadura dun barco en Vigo no que nada tivo que ver a Xunta, pero que lembrou o acto co que antes das eleccións de 2012 solemnizou no Pazo de Raxoi o acordo con Pemex para construír barcos en Galicia que vén de acabar na Fiscalía e co estaleiro Barreras ao bordo da quebra. Aquel acto xa en período de prohibición provocou un dos varios apercibimentos ao Goberno galego por parte da Xunta electoral. Unha situación que se repetiu tamén nas galegas de 2016 e en todas as eleccións doutro tipo que se celebraron na última década.