Segunda, terceira e cuarta infracción da Lei Electoral en menos dun mes, isto é, dende que o 27 de agosto foron convocadas as eleccións. Despois de que o PSdeG denunciase ante a Xunta Electoral de Galicia a presenza do presidente da Xunta e candidato á reelección, Alberto Núñez Feijóo, no acto de sinatura dos contratos da petroleira mexicana Pemex cos estaleiros Navantia e Barreras, a máxima autoridade electoral vén de resolver. O Executivo popular pasou por riba do precepto legal que impide a organización de actos para salientar "logros" dos Gobernos dende que se convocan uns comicios. Nomeadamente, non atendeu a esixencia de limitar as accións institucionais a operacións de carácter "informativo" que resulten "imprescindibles para salvagardar o interese público" ou "para o correcto desenvolvemento dos servizos públicos".
A xuízo da Xunta Electoral a solemnización dos contratos de Pemex cun acto no salón nobre do Pazo de Raxoi, no que se incluíu discursos notablemente laudatorios dirixidos ao presidente, "constitúe unha infracción" da Lei Electoral, se ben "non dá lugar a un procedemento sancionador" contra Feijóo que, advirte, si podería "iniciar no caso de reiterarse condutas semellantes". Así as cousas non hai sanción pero si un requerimento: a Xunta debe "retirar a noticia, incluída a gravación do acto e do discurso do presidente" da web oficial do Goberno galego.
A Xunta debe retirar tamén de maneira "inmediata" unha nova da súa web con "acusacións" contra o alcalde de Lugo
Non é esta a única infracción denunciada polo PSdeG e ratificada pola Xunta Electoral. Na mesma denuncia os socialistas puñan tamén en coñecemento das autoridades que, na propia web do Executivo autonómico, o gabinete de Feijóo pendurara unha nova na que se acusaba o alcalde de Lugo e presidente do PSdeG, Xosé López Orozco, de "facer campaña electoral dende a casa de todos os veciños de Lugo". Segundo a autoridade electoral esta nova é tamén unha "infracción" da lei e, polo tanto, tamén cómpre a "retirada" de maneira "inmediata" das "acusacións" do Goberno galego contra Orozco.
Unha vez coñecida a decisión o secretario de organización dos socialistas, Pablo García, ve ratificadas as denuncias do seu partido sobre "o uso dos medios do Goberno galego en beneficio dos intereses electorais do PP", nunha "evidente mostra de nerviosismo" e nun "intento desesperado de tapar a nefasta xestión do seu Goberno", neste caso concreto, "en apoio do naval galego". Este requerimento da Xunta Electoral súmase ao que se producía a comezos de setembro cando, daquela a instancias do BNG, o gabinete de Feijóo tivo que deixar de difundir a campaña publicitaria Paisaxe galega, unha tarefa de todos.
Campaña de Benestar denunciada polo BNG
Benestar non pode seguir difundindo a súa campaña publicitaria dirixida a persoas maiores
Pero non foron estes os únicos apercibimentos da Xunta Electoral cara a San Caetano. Este mesmo martes a XEG dáballe a razón tamén ao BNG, que denunciara por electoralista a campaña publicitaria Decálogo de dereitos das persoas maiores, que a Consellería de Benestar veu difundindo a través dos medios de comunicación. Como no caso da denuncia socialista a Xunta Electoral coida que a campaña do departamento que dirixe Beatriz Mato "infrinxe" a lei, polo que Benestar debe "cesar" na súa difusión.
Unha vez coñecida esta decisión o portavoz nacional do Bloque, Guillerme Vázquez, considera que a XEG vén "demostrar o nivel que ten o PP e o uso e abuso" que os conservadores fan do Goberno da Xunta "para facer campañas electorais a favor do PP con fondos públicos". "O que vén dicir a Xunta Electoral é 'menudo nivel que ten o goberno do señor Feijóo, que non se acostuma á democracia", conclúe.