A Xunta Electoral ordena retirar campañas de propaganda do Goberno galego ata despois do 10N por electoralistas

Campañas publicitarias do Goberno galego incluídas no expediente avaliado pola Xunta Electoral CC-BY-NC-SA Praza Pública

Dende hai tempo a Xunta vén desenvolvendo diversas campañas nas que, baixo o lema xenérico En marcha, publicita obras e servizos en diferentes puntos de Galicia e en soportes que van dende os valos publicitarios ata, sobre todo, diversos medios de comunicación. Estas campañas combinan mensaxes para toda Galicia con outras máis locais, referidas a investimentos nunha cidade en concreto como A Coruña, Vigo ou Lugo.

Aínda que o pasado 24 de setembro quedaron convocadas automaticamente as novas eleccións xerais do 10 de novembro, o Goberno galego seguiu desenvolvendo estas campañas publicitarias en varios medios. Un colectivo denominado Plataforma en Defensa del Sector Marítimo Pesquero de Galicia, que adoita litigar contra a Xunta en múltiples ámbitos, denunciounas formalmente ante a Xunta Electoral Provincial da Coruña. Consideraba que transgriden a prohibición legal de que os gobernos desenvolvan actos ou campañas sobre os seus "logros" dende que as eleccións son convocadas ata que se celebran.

As campañas do Goberno galego que a Xunta Electoral ordena retirar enxalzaban accións como a construción dun colexio na Coruña ou subliñaban que "hoxe temos o dobre de prazas públicas que hai dez anos" en escolas infantís

A denuncia estivo sobre a mesa da Xunta Electoral coruñesa na súa sesión do pasado 18 de outubro e nela o organismo resolveu que varias da campañas deben ser retiradas porque, efectivamente, incorren no electoralismo denunciado. Unha delas refírese á campaña que, en xornais impresos da Coruña e nalgunhas das súas versións dixitais, a Xunta inseriu para promocionar a construción do colexio Novo Mesoiro. Outra, tamén baixo o lema En marcha, indicaba que "hoxe temos o dobre de prazas públicas" de escolas infantís "que hai dez anos".

Fragmentos da resolución na que a Xunta Electoral da Coruña ordena a retirada das campañas do Goberno galego CC-BY-NC-SA Praza Pública

O Executivo defendeu que se trata de campañas periódicas contratadas antes do proceso electoral; a Xunta Electoral ve claro que "infrinxen a prohibición" porque supoñen "a expresión publicitaria de actuacións políticas da Xunta de Galicia

Segundo o reflectido no expediente, a cuxo contido tivo acceso Praza.gal, no trámite de alegacións a Secretaría Xeral de Medios da Xunta defendeuse alegando que ningunha destas era unha campaña sobre "logros" do Goberno galego. No primeiro caso sinalou que contratara a campaña "moito antes do proceso electoral" e no segundo, que se trata "dunha acción comunicativa ordinaria e periódica" de "obrigado cumprimento" por tratarse de accións financiadas con fondos FEDER da UE, que obriga a publicitalas. As eleccións do 10N, xustificaba, non tiveran "ningunha incidencia no seu encargo".

Pero a Xunta Electoral discorda. Nos anuncios sobre a construción dun novo colexio, "con independencia" de que fose contratada antes do período electoral ou estea vinculada a fondos europeos, ve claro que "infrinxe a prohibición" da lei electoral porque, "polo seu teor literal e o contexto no que é realizada", supón "a expresión publicitaria de actuacións políticas da Xunta de Galicia" con "alusións directas á xestión económica executada en materia de investimentos en centros educativos, enxalzando a mesma".

A resolución considera que a Xunta quebrantou "o principio de neutralidade" que a lei ordena aos poderes públicos en período electoral

A Xunta Electoral considera que o goberno de Feijóo quebrantou "o principio de neutralidade dos poderes públicos durante o período electoral" e por iso ordena retirar esa campaña e mais a referida ás escolas infantís. Valora, tamén neste caso, que inserir en xornais impresos e dixitais anuncios con lemas como "En marcha. O dobre de prazas públicas de escola infantil que hai dez anos" tamén é unha campaña "dirixida a dar publicidade a obras ou logros" en período electoral. Trátase de "publicidade institucional prohibida" ata despois dos comicios e por iso "procede acordar a retirada".

Campañas publicitarias que a Xunta si pode manter

O mesmo denunciante reclamou tamén á Xunta Electoral a retirada doutras campañas do Goberno galego, nas que inseriu lemas como Transformar dixitalmente a túa empresa, si ou como Galicia é innovadora en referencia a axudas da Axenda Industrial 4.0. Neste caso a autoridade electoral considera que a campaña "parece responder" a "promover que os empresarios acometan determinadas actuacións innovadoras mediante a transformación dixital das súas empresas". 

Ao contrario do reclamado polo denunciante, a Xunta Electoral permite manter unha campaña sobre transformacións dixitais das empresas, porque non cre que supoña "publicidade de logros obtidos" coa fin de "influír ou orientar o voto"

Que haxa un proceso electoral en marcha, subliña a resolución, non "constitúe un impedimento para que a Administración incentive ou fomente publicamente" iniciativas coma esta ou "informe de futuras subvencións" nun determinado eido. Só cumpriría retirar os anuncios se "de forma clara, manifesta e sistemática supoñan unha publicidade das realizacións ou os logros obtidos, coa fin de influír ou orientar o voto dos electores". E nestes casos, a Xunta Electoral non aprecia que suceda tal.

Tampouco atende a Xunta Electoral as reclamacións do mesmo denunciante a respecto dunha entrevista con Alberto Núñez Feijóo no xornal Expansión no marco "dun especial dedicado a Galicia" o pasado 9 de outubro. Todas as resolucións foron xa trasladadas á Xunta, aos "responsables dos medios de comunicación" que publicaron as campañas e ao propio denunciante, especifica o documento.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.