O pasado 2 de abril o Concello de Sobrado dos Monxes publicou un bando convidando a todos os veciños e veciñas empadroadas, con idades comprendidas entre os 18 e os 59 anos, a unha Cea de Irmandade que se celebraría no pavillón municipal o 30 de abril. O evento, de balde para os e as asistentes, e polo tanto pagado polo Concello, incluiría unha orquestra. Para asistir, os veciños e veciñas só terían que recoller o seu convite previamente na propia Casa do Concello. O Bando viña asinado, loxicamente, polo alcalde, Lisardo Santos (PSdeG-PSOE).
O BNG denunciouno ante a Xunta Electoral, ao entender que a cea "pagada con diñeiro público" incumpría "a todas luces" a "normativa electoral"
Pouco despois de publicarse o anuncio, o BNG denunciouno ante a Xunta Electoral, ao entender que a cea "pagada con diñeiro público" incumpría "a todas luces" a "normativa electoral". “O alcalde de Sobrado fai un bando para convidar con fondos públicos, co diñeiro dos veciños e das veciñas, a unha 'paparota' para a xente, en lugar de empregar o diñeiro en servizos e obras moi necesarias que a xente leva tempo demandando e que nestes anos nada fixo por levalas a cabo", do o Bloque.
Ante esta denuncia o Concello respondeu que o evento non fora organizado polo consistorio, senón que se trataba dunha "reunión veciñal promovida polos residentes" na localidade. Sobrado dos Monxes ten 1.799 habitantes, dos que 824 teñen entre 20 e 60 anos.
Agora a Xunta Electoral de Zona vén de darlle a razón ao BNG, anulando a celebración desta cea e lembrando que a Lei Electoral prohíbe que dende a convocatoria dos comicios ata a súa celebración non pode haber "actos organizados ou financiado, directa ou indirectamente, polos poderes públicos que conteñan alusións ás realizacións ou aos logros obtidos".
“Lisardo Santos considera ao Concello de Sobrado o seu cortello e intenta mercar a vontade das veciñas e dos veciños cunha comedela indecente", di o BNG
Neste caso a Xunta Electoral conclúe que, malia as alegacións do Goberno local, "é palmario que é o Concello o que se compromeu a organizar o evento". E considera que a cea pode "entenderse como un acto publicitario ou de logros municipais", polo que procede a anular a convocatoria. O Concello de Sobrado decidiu trasladar a Cea de Irmandade para o venres 31 de maio, cinco días despois das eleccións municipais.
O BNG felicítase pola anulación e critica o rexedor. “Lisardo Santos considera ao Concello de Sobrado o seu cortello e intenta mercar a vontade das veciñas e dos veciños cunha comedela indecente, para conseguir o seu voto nas próximas eleccións”, di a formación.