A Xunta Electoral abre expediente sancionador a Feijóo por pedir o voto para o alcalde de Ribeira antes da campaña

Miguel Tellado, Núñez Feijóo, Beatriz Mato e Diego Calvo, nun acto do PP © PPdeG

A Xunta Electoral Zona de Noia abriu un “expediente sancionador” ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e mais ao presidente provincial coruñés do PP, Diego Calvo, por pedir expresamente o voto antes do inicio da campaña electoral para o alcalde de Ribeira. 

A Xunta Electoral abre expediente sancionador a Feijóo e Calvo por pedir o voto para o alcalde de Ribeira antes do inicio da campaña e advirte dunha posible sanción de entre 300 e 600 euros

O expediente ábrese pola vulneración do artigo 53 da Lei orgánica de réxime electoral xeral (LOREX,) que impide a petición expresa do voto antes do inicio oficial da campaña electoral, neste caso os comicios municipais do 26 de maio. A sanción, como advirte a entidade, oscila entre os 300 e os 600 euros. 

Así o acordou a Xunta Electoral logo da denuncia presentada o pasado 25 de marzo na que se daba conta da celebración dun acto público no Concello de Ribeira o 9 do mesmo mes coa presenza do candidato local do PP, Manuel Ruíz Rivas, de Diego Calvo e de Núñez Feijóo, e no que se pediu o voto expreso para o actual rexedor de cara aos comicios locais.

“Só hai unha maneira para que Manolo e o PP gobernen Ribeira, sabedes cal é? Votando Partido Popular”, dixeron os dirixentes populares no Concello

“Só hai unha maneira para que Manolo e o PP gobernen Ribeira, sabedes cal é? Votando Partido Popular”, recolle a denuncia do BNG, documentada cun vídeo do acto.

Segundo a mesma denuncia, noutro momento do acto, vólvese pedir o voto para o candidato local. “Pedimos claramente el voto cuando toquen las elecciones municipales” nunha intervención na que tamén se pedía o apoio para as xerais do 28 de abril: “Yo  vengo a pedir el voto aquí para Galicia, para la libertad, para la tolerancia, para España y vengo a pedir el voto para un español que se llama Pablo Casado y por eso os digo, vayamos a votar”.

A Xunta electoral da Zona de Noia considera “presuntamente responsables” a Diego Calvo e a Núñez Feijóo e sinala que a sanción por infracción do citado artigo 53 da LOREX oscila entre os 300 e os 600 euros, ademais de sinalar que teñen a opción de recoñecer voluntariamente a súa responsabilidade aos efectos previstos no artigo 85 da Lei 39/2015 e tamén a presentar alegacións. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.