A Xunta Electoral prohibe unha homenaxe aos Mártires de Carral o vindeiro sábado

Monumento aos Mártires de Carral CC-BY PepedoCouto

A Xunta Electoral Provincial denegou á plataforma Vía Galega a celebración do acto programado para o vindeiro sábado 27 de abril para conmemorar "os feitos da Revolución Galega de 1986 e en lembranza dos Mártires de Carral". 

A entidade, que integra máis 50 entidades sociais e culturais, recibiu a notificación na que a Xunta Electoral argumenta a non autorización do acto na coincidencia da data coa xornada de reflexión e "ante o risco de que no curso da manifestación se produzan actos de campaña electoral que poidan incidir no exercicio do dereito de voto".  

A Xunta Electoral prohibe o acto ao coincidir coa xornada de reflexión e ante a posibilidade de que "se produzan actos de campaña electoral"

No acto, como indica Vía Galega nun comunicado, íase representar a peza teatral Abril de Lume e Ferro, escrita por Manuel María, seguido dunha intervención de carácter histórico por parte dun portavoz de Vía Galega e dunha ofrenda floral diante do monumento que lembra os mártires en Carral. 

Vía Galega sinala que, "ante este recorte de liberdades para dar a coñecer un feito tan relevante na historia de Galiza", opta por mudar o formato do acto e a data, co que se limita a realizar unha ofrenda floral, o venres 26 de abril, ás 12 horas, ao pé do Monumento aos Mártires da Liberdade. 

Vía Galega, organizadora do acto, denuncia o "recorte de liberdades" e anuncia que realizará unha ofrenda floral o venres 26

A plataforma indica que, co acto, pretendía "dar a coñecer á sociedade galega os acontecementos de 1846, nos que unha sublevación popular e militar deu lugar á Xunta Revolucionaria do Goberno de Galiza, fronte á política centralista española e reaccionaria capitaneada polo xeneral Narváez". 

Ademais, denuncia a prohibición destes actos por "coartar o dereito de liberdade de expresión ao alegar motivos electorais, cando é unha iniciativa cívica, plural, apartidaria, que non participa na campaña electoral nin fixo pronunciamento público ningún alusivo ao tema ou ás forzas políticas que se presentan".

Cartel denunciando a prohibición do acto en Carral © Vía Galega

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.