Guerrilla antipropaganda na Xunta Electoral

Corte de cintas inaugurais por parte de dirixentes políticos, nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Xunta

A reforma da lei electoral do ano 2011 trouxo consigo as comentadísimas mudanzas a respecto do voto emitido dende o estranxeiro, pero tamén limitacións ao que ata daquela era unha práctica habitual en gobernos de todo nivel e cor. Esa modificación vetou a celebración, dende a convocatoria formal de cada proceso electoral, de "calquera acto de inauguración de obras ou servizos públicos" con independencia de que estes poidan entrar en servizo. Tamén prohibiu "calquera acto organizado ou financiado (...) polos poderes públicos" destinado a promocionar "realizacións" ou "logros" dos distintos gobernos.

A reforma da lei electoral de 2011 implicou a prohibición de inauguracións e accións para salientar "logros" dos gobernos dende a convocatoria formal dos procesos electorais

Dende a entrada en vigor deste precepto os períodos electorais son terreo abonado para que os gabinetes dos partidos pólítico escruten as axendas e campañas das administracións onde non gobernan á procura de eventos, frases ou accións que encaixen no retrato da propaganda gobernamental prohibida dende a chamada ás urnas. Neste 2019 a prohibición é, a efectos prácticos, dupla. A venda de logros está vetada polas inminentes eleccións xerais do 28 de abril, pero tamén polas xa convocadas eleccións municipais do 26 de maio. Tamén para o Goberno galego, aínda que non haxa eleccións ao Parlamento de Galicia.

Dende o inicio do período electoral previo ao 28A case todas as principais forzas políticas acudiron xa ás Xuntas Electorais con denuncias de actos, anuncios e mesmo frases que, ao seu xuízo, constitúen exercicios da propaganda vetada. Foi o caso das reclamacións presentadas por En Marea contra o presidente da Xunta e contra a Consellería de Facenda, ambas estimadas parcialmente.

Feijóo e o conselleiro de Facenda foron apercibidos pola Xunta Electoral a causa dos logros divulgados polo Goberno galego © Xunta

A Xunta Electoral viu "claras connotacións electoralistas" nas publicacións do Goberno galego sobre política turística e xestión financeira que denunciara En Marea

Nos primeiros días de abril a Xunta Electoral Central ratificou a retirada da web da Xunta e dos perfís institucionais de Twitter do Goberno galego varias referencias con "claras connotacións electoralistas" ao fío da concesión dos distintivos 'Q' de calidade turística, que o Executivo galego presentou como "resultado dun traballo colectivo entre a Xunta e as empresas". "Xuntos estamos construíndo unha mellor Galicia para visitar, que é tamén unha mellor Galicia para vivir", agregaban as publicacións.

Nun sentido semellante a Xunta Electoral tamén viu "claras connotacións electoralistas" nas valoracións divulgadas por Facenda a respecto do superávit contable acadado polas arcas autonómicas no pasado ano. "Galicia segue sendo a comunidade de referencia tanto polo que se refire ao rigor como á solvencia das súas contas públicas", indicaba a nota de Facenda a respecto duns datos "moi positivos" que, sinalaba, evidenciaban que "Galicia cumpriu". Todas estas referencias a "logros" tiveron que ser retiradas de "inmediato" sen que a Xunta Electoral considerase pertinente impoñer sancións adicionais.

Apercibimentos por visitas e publicacións nas redes

Nos mesmos días en que a Xunta foi apercibida polas súas referencias "electoralistas" tamén recibiu un requirimento semellante o delegado do Goberno de España, en Galicia, Javier Losada. No seu caso a reclamación formuláraa o PP da Coruña contra unha mensaxe da conta oficial da Delegación do Goberno en Twitter na que era reproducido o chamamento de Losada a que Feijóo "reme a favor de Alcoa e abandone o derrotismo", subliñando ademais a "destrución de 800 industrias e 7.000 empregos baixo a presidencia de Rajoy e Feijóo".

A Xunta Electoral atendeu a reclamación do PP contra as palabras do delegado do Goberno central a respecto de Alcoa e a política industrial da Xunta

Estas apelacións, así como as mencións ás "medidas de apoio ás empresas" polo Goberno de Pedro Sánchez, implica para a Xunta Electoral Provincial da Coruña unha "vulneración do principio de neutralidade dos poderes públicos durante o proceso electoral" fixado na devandita reforma da lei. Por iso a Delegación foi requirida para a retirada da mensaxe coa advertencia de que "se absteñan, no futuro de realizar actuacións prohibidas" pola lei electoral".

A Delegación do Goberno do PP tivo que retirar comentarios de Losada das redes sociais tras unha denuncia do PP ante a Xunta Electoral © Goberno de España

Un apercibimento semellante, pero a instancias de Ciudadanos, foi o recibido por outros dous responsables socialistas. O presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, e a alcaldesa lucense, Lara Méndez, foron advertidos da necesidade de "abstérense" de realizar inauguracións despois de que Ciudadanos reclamase ante a Xunta Electoral polas visitas destes dirixentes ao ascensor público no barrio de Fontiñas que vén de entrar en servizo, así como a unha praza acabada de peonalizar e, no caso de Campos, tamén a unha residencia de maiores cuxa apertura ultima a Deputación.

Ciudadanos levou á Xunta Electoral "inauguracións" do Concello e a Deputación de Lugo e o PSdeG fixo o mesmo cun acto de sinatura dun convenio organizado pola Consellería de Política Social e o Concello de Ourense

Nunha liña semellante foron advertidos tamén o alcalde de Sobrado, obrigado a adiar unha cea para toda a veciñanza ata despois da cita coas urnas do 26M tras denunciala o BNG local, ou a Deputación de Pontevedra por reproducir nas redes sociais institucionais comentarios eloxiosos da presidenta da institución, Carmela Silva, cara ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, no transcurso dun acto público. Outras reclamacións, non obstante, foron rexeitadas. É o caso da formulada polo PP contra o Concello da Coruña pola información divulgada a respecto da próxima demolición do viaduto na Ronda de Neelle.

Ese mesmo apercibimento é o que o PSdeG quere que reciban o Concello de Ourense e mais a conselleira de Política Social, Fabiola García. Neste caso, os socialistas consideran propagandística e electoralista a difusión que realizaron en días pasados do acto de sinatura dun convenio para a futura construción dunha residencia de maiores na cidade. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.