A obra enlazará directamente a AP-9, a autovía A-54 a Lugo e os polígonos do norte da cidade e a súa ausencia dos frustrados orzamentos do Estado para este ano provocara fortes críticas da oposición e o Concello
No primeiro día de campaña das eleccións xerais, o Consello de Ministros deste venres vén de autorizar ao Ministerio de Fomento a licitar por 20,8 millóns de euros o denominado enlace orbital de Santiago, un nó de estradas ao norte da capital longamente reclamado. A obra non aparecía nos despois frustrados orzamentos do Estado para este ano, o que provocou fortes críticas da oposición e o Concello e a xustificación por parte do delegado do Goberno de que demoras previas do PP impedían empezar a obra e polo tanto era apresurado consignada nos orzamentos.
A autorización este venres da licitación da obra, porén, non significa que os traballos vaian comezar de xeito inmediato senón que antes hai que convocar o concurso público e posteriormente adxudicalo, algo que adoita levar meses. As obras, polo tanto dificilmente poderían comezar este mesmo ano con traballos moi iniciais, polo que a súa ausencia dos orzamentos non sería relevante.
O enlace orbital configurará unha cuarta saída e entrada na AP-9 en Santiago, ao norte da Cidade, facilitando non só todos os movementos posibles entre esa autoestrada e a autovía a Lugo (A-54) senón tamén a conexión desas dúas vías de alta capacidade cos polígonos industriais desa zona. Porén, o autorizado agora polo Goberno non inclúe a conexión desa infraestrutura máis alá dos polígonos ata conectar á súa vez coa N-550, cun trazado aínda máis septentrional.
O marcado carácter preelectoral impactou na campaña das eleccións xerais acabada de iniciar, pero tamén na política local, marcada tamén pola proximidade das eleccións municipais. Así, o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, considera unha "boa nova" a luz verde á licitación dunha obra que "levamos anos traballando para desbloquear", con independencia de que chegue en época electoral.
O alcalde de Santiago cre unha "boa nova" o "desbloqueo" do orbital tras "anos" de "traballo" e o candidato do PSdeG atribúeo ás súas propias xestións. "Se chega ao final da festa e quere dicir que a organizou e pagou, alá cadaquén", retruca Noriega
Tamén no contexto preelectoral o candidato do PSdeG na cidade, o ex-alcalde Xosé Sánchez Bugallo, asegurou ver nesta aprobación unha mostra do "compromiso do Goberno" coa capital galega, pero tamén un resultado das súas propias "xestións" mediante xuntanzas "co secretario de Estado de infraestruturas, o inspector da AP-9 e o xefe de demarcación de estradas". "Nunca vin o alcalde nestas reunións", afirmou.
As verbas de Bugallo son atribuídas por Noriega, precisamente, ao contexto preelectoral, toda vez que o ex-rexedor, subliña, na actualidade non ten ningún cargo "institucional". "Cando queira sacamos o número de viaxes a Madrid polo orbital" ou as negociacións con "tres equipos" diferentes no Ministerio para avanzar no proxecto, ironiza Noriega. "Se el chega ao final da festa e quere dicir que a organizou e a pagou, alá cadaquén", di o rexedor compostelán sobre Bugallo, se ben agrega que "se fixo algo e botou unha man como moitos sectores da cidade e a propia Xunta" a respecto do orbital, "agradécese, porque non sobran mans", conclúe nun contexto no que o candidato do PP, o tamén ex-alcalde Agustín Hernández, atribúe a obra aos fondos comprometidos nos derradeiros Orzamentos de Rajoy.