Non vai máis. Este martes o Boletín Oficial do Estado publicará a convocatoria oficial das eleccións municipais do 24 de maio e, coa súa publicación, entrará en vigor a prohibición estipulada polo artigo 50 da lei electoral, que dende 2011 veta durante o período previo aos comicios os actos sobre "realizacións ou logros obtidos" polos gobernos. Aínda que o Parlamento de Galicia é, xunto co vasco, a única institución que non se renovará nas urnas neste ano o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, protagonizou nas últimas semanas toda unha maratón de inauguracións e acontecementos semellantes. Foi unha trintena de actos que culmina este luns cunha carreira de catro eventos nunha soa xornada.
A xeira inaugurativa comezou a intensificarse en febreiro. O día 9 dese mes o presidente abriu simbolicamente o paso de gas polo gasoduto da Mariña xunto ao presidente de Gas Natural Fenosa, Salvador Gabarró.Tras unhas semanas de certa calma a carreira desatouse definitivamente o 23 de febreiro, co descubrimento da placa do novo edificio xudicial de Ourense. Catro días máis tarde Feijóo coprotagonizou, xunto á ministra de Fomento, Ana Pastor, as dúas presentacións das obras de ampliación da AP-9 en Vigo en Santiago, dando lugar á comentadísima imaxe de Feijóo, Pastor e varios altos cargos máis aplaudíndolle a un fito quilométrico dunha obra aínda inexistente. Ese mesmo 27 de febreiro Feijóo aínda acudiu á inauguración da nova casa do Concello de Barro.
Case un acto ao día durante o mes de marzo
Xa en marzo a carreira das inauguracións e actos de autobombo lanzouse definitivamente, cunha media de case un destes actos ao día. A xira comezou o día 4 na Cañiza, onde Feijóo oficializou a apertura dunha residencia da Fundación San Rosendo. O mesmo día presentou en Vigo o novo plan de transporte metropolitano, acto no que non sobraron as críticas ao alcalde da cidade, Abel Caballero, que non se integrou no plan. O día 9 de marzo Feijóo puxo o casco de obra para visitar os traballos de amplicación do hospital de Ourense, un percorrido ao que acudiu coa conselleira de Sanidade pero tamén con Jesús Vázquez, candidato do PP á alcaldía da cidade.
Este martes convócanse oficialmente as eleccións municipais e as inaguracións e demais actos de autobombo fican prohibidos ata despois dos comicios
Nas últimas horas de autobombo legal tamén hai tempo do presidente para un último pulo dende a Xunta ao seu candidato en Santiago, Agustín Hernández,O 10 de marzo o titular da Xunta ofreceulles ás cámaras unha escena netamente preelectoral. Participou, sacho en man, na plantación dunha árbore do denominado Bosque de Galicia, que cubrirá unha ladeira do compostelán monte Gaiás, que alberga a Cidade da Cultura. Dous días despois Feijóo inaugurou un balneario en Cortegada, onde realizou diversas promesas dobre turismo termal. O día 13 volveu ao Gaiás para inaugurar unha exposición e mais viaxou ata Cee para facer o propio coa Casa da Cultura, que entra en servizo en período preelectoral tras case 20 anos de obras.
O 14 de marzo foi un dos días máis intensos. O presidente, de novo con Ana Pastor, retratouse na inauguración dun dos últimos treitos da terceira rolda da Coruña -Fomento prevé rematala antes das municipais con quendas de operarios durante as 24 horas do día- e mais na sinatura de convenios de rehabilitación de vivendas con varios concellos. Ademais, visitou os espazos recentemente rehabilitados en San Andrés de Teixido e foi intervir á inauguración dos actos da Semana Santa de Ferrol.
A segunda metade do mes comezou para Feijóo coa inauguración do parque eólico Cordal de Montouto, na provincia de Lugo, o día 17, e coa presentación in situ, o día 18, do plan director do Hospital da Costa de Burela o día 18, acto no que utilizou unha porta traseira por mor das protestas contra os recortes sanitarios. O día 19 o presidente foi protagonista dun acto semellante no Hospital do Salnés, onde falou das obras de ampliación que se están a realizar. O día 21, poucas horas despois do peche da campaña electoral andaluza, Feijóo foi substituído polo vicepresidente, Alfonso Rueda, na inauguración da variante de Padrón.
A recta final
Tras toda esta bagaxe de descubrimentos de placas e primeiras pedras iniciouse a derradeira semana completa coas inauguracións permitidas pola lei. O día 23 Feijóo acudiu ao novo edificio do servizo de Notificacións e Embargos de Vigo, onde non desaproveitou ao ocasión de lanzar uns cantos dardos dialécticos contra Caballero. O 24 de marzo foi a quenda para a visita á nova sede de Emerxencias na Estrada, un edificio que se constrúe dende hai máis de 4 anos e para cuxa entrada en servizo aínda non hai data. O día 27 o presidente vestiuse de verde para visitar a nova planta de Aceites Abril en Ourense. O día 28 falou de deporte ao carón de David Cal na inauguración da nova piscina de Cangas do Morrazo e mais de economía na presentación dun parque empresarial de Verín.
Na última xornada cóntanse dez destes actos na axenda da Xunta, catro deles do presidente
Así foi como se chegou ata este 30 de marzo, derradeiro día con licenza para inaugurar no que na axenda da Xunta figura unha decena de actos deste tipo, catro de Feijóo. O presidente comezou o sprint no salón de actos de San Caetano, onde Xunta e Ministerio de Facenda organizaron o acto de "lanzamento" das novas axudas do fondo FEDER en Galicia. Xunto a Feijóo estivo a ex conselleira de Facenda e actual secretaria de Estado de Orzamentos, Marta Fernández Currás, que non aforrou parabéns á Xunta por ser "unha das autonomías con maior compromiso co saneamento das contas públicas", ademais de anunciar diversos investimentos.
Nas últimas horas de autobombo legal tamén hai tempo do presidente para un último pulo dende a Xunta ao seu candidato en Santiago, Agustín Hernández, a quen acompaña nun acto de presentación das futuras obras na estación ferroviaria da cidade. Estas obras son competencia do Ministerio de Fomento, igual que as outras dúas en cuxas inauguracións Feijóo participa este luns: un anaco da autovía Santiago-Lugo, un proxecto concibido hai máis de vinte anos no que agora se abre o treito entre Nadela e Guntín, nas proximidades da capital lucense, e a posta en servizo do novo eixo atlántico ferroviario, que Xunta e Fomento volven publicitar como "alta velocidade".