A Xunta oculta ao Parlamento canto gastou en publicidade e propaganda dende 2013

Reunión do Consello da Xunta © Xoán Crespo

Na primeira lexislatura con Alberto Núñez Feijóo á fronte , de 2009 a 2012, a Xunta gastou 25,4 millóns de euros en publicidade e propaganda, que se elevaban a 40,7 ao sumar a promoción do Xacobeo 2010. Esta cifra fora admitida polo propio Goberno nunha resposta parlamentaria, na que ademais detallaba a intención coa que desenvolvera ata 25 campañas e advertía, asemade, de que o gasto nestas accións se "recortara nun 50% a respecto do investido no período 2005-2009", o do bipartito". Tres anos despois daquela completa resposta e en pleno desenvolvemento das súas novas normas en materia de transparencia o Goberno vén de lle ocultar ao Parlamento cantos fondos destinou a publicidade e propaganda dende 2013 e ata a actualidade.

Como na referida á anterior lexislatura, a autora desta pregunta foi a deputada do BNG Tereixa Paz, que o pasado abril se dirixiu á Xunta por escrito considerando que destina "cantidades inxentes de recursos a propaganda" e pedindo seis respostas concretas. Así, a parlamentaria pedía que o Goberno lle aclarase "a canto ascenden os gastos de publicidade" no período 2013-2016, os "obxectivos" dos mesmos e "en todos os casos" eran "imprescindibles". Reclamaba, así mesmo, coñecer "os criterios que se utilizan para decidir a realizació" destes gastos, se van ser os mesmos no futuro ou se, polo contrario, se verán reducidos. En síntese, as mesmas preguntas que hai tres anos.

Hai tres anos a Xunta si accedeu a revelar o gasto publicitario da anterior lexislatura, que ascendera a 25 millóns máis 15 do Xacobeo

A resposta á pregunta entrou no rexistro do Parlamento o pasado luns cun ton e contido notablemente diferentes ás ofrecidas en 2013. Así, a Secretaría Xeral de Medio comeza advertindo á deputada de que a información "sobre canto ascenden os gastos de publicidade realizados pola Xunta de Galiza" está "publicada no Portal de Transparencia e no DOG". Esta afirmación, en rigor, correspóndese coa realidade, xa que tanto o portal como o Diario Oficial dan acceso á Plataforma de Contratación da Xunta, se ben cumpriría realizar unha busca de todos os contratos, departamento a departamento, para poder obter un montante global do investimento publicitario ou de calquera outro.

Tras esa advertencia inicial a Xunta continúa asegurando que todas as súas campañas se axustan á lei de publicidade institucional do Estado -Galicia carece dunha de seu, aínda que foi prometida tanto polo actual goberno como polo de PSdeG e BNG- e, polo tanto, perseguen obxectivos "de índole social e interese para a cidadanía", ademais de velar "absolutamente polo fomento da igualdade entre homes e mulleres". Ademais, "por suposto", todas as campañas "axústanse sempre ás esixencias derivadas dos principios de interese xeral, lealdade institucional, veracidade, transparencia, eficacia, responsabilidade, eficiencia e austeridade no gasto", agrega.

"Ningún gasto en propaganda"

"Evidentemente", xustifica a Xunta, en "todos os casos" a realización destas campañas foi "imprescindible" para "o funcionamento da administración ou para a información esencial da sociedade". Cómpre "apuntar" ademais, resalta, que "a correcta gobernanza implica unha difusión das actuacións que realiza unha Administración, que en moitos casos levan implícitas melloras para poboación". "Tampouco debe esquecerse", recomenda o Goberno á deputada, que "gran parte das accións desenvolvidas pola Xunta" contan con financiamento de Fondos Europeos, que traen consigo a "obriga de poñer en marcha plans de comunicación" e campañas publicitarias.

A Xunta nega que as súas campañas inclúan "propaganda" e resalta que "en todos os casos" a súa realización foi "imprescindible"

Xunto a estas consideracións, a resposta do Goberno céntrase, en boa medida, en censurar que se lle atribúa a realización de "propaganda". "A Xunta de Galicia non executa ningún gasto en materia de propaganda", advirte. "Si desenvolve campañas de publicidade e de comunicación institucional cuxa contratación se realiza a través de concurso público". O Goberno, engade outro treito do documento, "non destina un só euro a gastos de propaganda. Esta Administración desenvolve campañas de publicidade institucional". A Real Academia Galega considera que "publicidade" e "propaganda" son palabras parcialmente sinónimas.

As reflexións do departamento gobernamental dedican un pequeno espazo aos custos destas campañas, pero sen cifra ningunha. Así, indica que "mentres a maior parte das administracións do noso entorno pagan as súas insercións publicitarias de acordo coa tarifa oficial, a Xunta de Galicia paga a súa publicidade atendendo ao criterio de Custo por Mil Usuarios (CPM), unha "fórmula estendida no sector" pola que "acda un dos medios cobra en función da súa audiencia". Os medios en que se insiren anuncios, asegura, son "todos aqueles que contan con audiencia auditada para Galicia mediante fontes oficiais", entre as que cita o Estudio General de Medios e as empresas Kantar Media e Comscore.

Campaña da Xunta a prol da "solidariedade contributiva" © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.