A convocatoria oficial das novas eleccións xerais do 10 de novembro, referendada este martes ante o Xefe do Estado pola presidenta do Congreso, Meritxell Batet, pon en marcha os prazos legais para a participación nos comicios tanto para as forzas políticas como para o electorado. Un dos primeiros a ter en conta é o da solicitude do voto por correo, que se activa este propio 24 de setembro e estará aberto ata o día 31 de outubro.
Así, o derradeiro día de outubro é o prazo límite para que o electorado que desexe exercer o voto por correo o solicite persoalmente en calquera oficina de Correos, onde debe identificarse co DNI, permiso de conducir ou pasaporte. A continuación, a Oficina do Censo Electoral ten ata o 3 de novembro para remitir ao enderezo indicado os sobres e papeletas para participar nas eleccións xunto co certificado de inscrición no propio censo.
A convocatoria formal das eleccións do 10N activa os prazos do proceso electoral, no que desta volta a campaña oficial durará a metade do que é habitual
O seguinte que debe facer cada persoa que vote por correo é elixir as papeletas da forza política elixida para o Congreso, cubrir a do Senado e acudir outra volta a unha oficina de Correos para remitir á mesa electoral na que lle tocaría votar o sobre de votación xunto co certificado de inscrición censual. A empresa pública postal custodia os votos ata o propio 10N, cando os entrega na mesas. Todo este trámite é de balde e unha vez iniciado elimina a posibilidade de votar en persoa o día das eleccións.
O volume de solicitudes de voto por correo é unha das principais incógnitas dos comicios repetidos. Tanto nas xerais do 28A como nas municipais do 26M rexistráronse altos niveis de solicitudes para exercer o sufraxio por vía postal. Non obstante, desta volta resta saber como influirá a potencial desmobilización do electorado.
Os prazos do voto por correo non varían, pero si o fan outros vinculados ao proceso electoral. Cara ao 10N será a primeira vez que se aplique a reforma legal aprobada en 2016 para os supostos de convocatoria automática de eleccións xerais por ausencia de maioría para a investidura. A campaña electoral, no canto de prolongarse dúas semanas, durará unicamente oito días. Deste xeito, comezará ás cero horas do 1 de novembro, xornada festiva que cadra en venres e redúcense os límites de gasto electoral para as candidaturas que concorren.