En abril de 2016 Alberto Núñez Feijóo escenificaba o sacrificio de volver ser candidato do PPdeG á Presidencia da Xunta mentres, no escenario estatal, todo apuntaba que o Congreso saído das eleccións xerais do 20 de decembro de 2015 non ía dar composto unha maioría de investidura. Efectivamente, así foi. A comezos de maio quedaron convocados os novos comicios xerais para o 26 de xuño, marcando irremediablemente a fin da lexislatura galega, que acabaría rematando tres meses despois, cando Feijóo chamou ás urnas para o 25 de setembro. Naquel 25S o PPdeG revalidou a maioría absoluta e o único cambio foi o da composición dos 34 escanos da oposición.
Tres anos e medio despois do que daquela foi unha inédita repetición electoral, o vindeiro día 23 quedarán convocadas outras eleccións xerais por non haber acordo para formar Goberno sobre o xogo de maiorías ditaminado polos comicios do pasado 28 de abril. No 28A o PSOE de Pedro Sánchez impúxose á dereita máis esfarelada das últimas tres décadas e, en Galicia, o PSdeG logrou unha histórica primeira posición en votos e escanos. O bo resultado das xerais animou os de Gonzalo Caballero a soñar cun cambio político na Xunta á fronte dunha maioría de esquerda, aspiración reforzada tras o veredito das urnas nas municipais e europeas de maio, impulsado polo éxito de Sánchez.
As eleccións galegas de 2016 estiveron inevitablemente condicionadas pola repetición das xerais daquel ano; agora, aínda que cunha marxe temporal a priori maior, o escenario estatal vólvese impoñer no remate da lexislatura galega
Pero, como en 2016, o escenario estatal imponse no remate da lexislatura galega neste 2019. Hai tres anos as xerais repetidas foron catro meses antes do límite para celebrar eleccións galegas. Agora a marxe é só un chisco maior: Feijóo ten legalmente ata dez meses a partir do 10N para elixir o punto do calendario no que sitúa os comicios galegos. Non obstante, case ninguén se atreve xa nas principais forzas políticas do país a desbotar a posibilidade dun adianto electoral para a primavera de 2020. Influirá o que suceda nas urnas de novembro e a decisión de Feijóo sobre se recunca como candidato. Tamén a avaliación que o PPdeG faga das potenciais feblezas da esquerda e os plans do lehendakari Urkullu para chamar ás urnas en Euskadi.
O derradeiro debate, primeiro asalto e con Caballero a debutar
Con todos estes elementos sobre a mesa, o primeiro asalto duplamente preelectoral comezará o vindeiro mércores no Parlamento cando, xusto no terceiro aniversario da terceira maioría absoluta de Feijóo, bote a andar o derradeiro debate de política xeral da lexislatura, o primeiro con Gonzalo Caballero como líder da primeira forza da oposición. O PP situouno na xornada seguinte á convocatoria formal do 10N cando xa apuntaba á repetición das xerais. Fixérono, aseguran, para afastar o debate galego do estatal.
Como era de agardar, o PPdeG apela a contrastar a "estabilidade" da Xunta coa "inestabilidade" á que, acusan, Sánchez conduciu a política española
Como era de agardar, nas súas primeiras valoracións do adianto, os principais dirixentes do PPdeG apelaron a contrastar a "estabilidade" do Goberno galego coa "inestabilidade" á que, acusan, Pedro Sánchez conduciu á política española. España está xa no "club de países inestables da UE" por culpa do líder socialista, dixo Feijóo dende a Arxentina, onde está de viaxe oficial. En Galicia, mentres, continúa a "estabilidade", agregou o vicepresidente Rueda.
Gonzalo Caballero agarda que o 10N "referende a posición maioritaria" do PSOE e os "avances sociais fronte á ultradereita"
A esta "inestabilidade" ligará Feijóo no debate os contenciosos que permanecen abertos entre a Xunta e o Goberno central, a comezar polos fondos pendentes de transferir. Con eles procurarán diluír o debut de Caballero no seu primeiro gran debate no Pazo do Hórreo. O líder socialista, que nos últimos días tentou avanzar un argumentario en clave social con propostas como a recuperación da gratuidade universal para os libros de texto, afirma que a convocatoria do 10N "non era o escenario que nós queriamos", senón ao que "estamos abocados polo bloqueo". Os novos comicios serán unha caste de "segunda volta" na que, avanza, o PSdeG pedirá apoio para "referendar a posición maioritaria" de Sánchez e os "avances sociais fronte á ultradereita".
En Común e BNG
"Sánchez levaba tempo en campaña electoral", reprochan os 'comúns'
Dende Galicia en Común a súa deputada Yolanda Díaz di ver clara a responsabilidade de Sánchez nas novas eleccións. Díaz, do equipo negociador de UP co PSOE, acusa o líder socialista de non querer "negociar con ninguén". "O señor Sánchez levaba tempo en campaña electoral", acusa. Na formación ven os socialistas escorados cara á dereita no inicio dunha precampaña exprés que se prevé notablemente máis dura entre dos de Iglesias cara ao PSOE ao ficar desbotada a posibilidade de coalición. Neste mesmo ámbito político, no grupo Común da Esquerda no Parlamento de Galicia témese que a falta de acordo no Estado dificulte que a cidadanía galega poida percibir a existencia dunha alternativa en Galicia.
Pontón observa unha "oportunidade" de que o BNG volva ao Congreso porque "a cidadanía galega tomou nota" da "inutilidade das forzas estatais"
Pola banda do BNG a súa portavoz nacional, Ana Pontón, reitera que volver ás urnas é "unha oportunidade". Tras ficar "constatada" a "inutilidade e a incompetencia das forzas estatais", considera, "Sánchez, Casado, Iglesias e Rivera" van "recibir unas urnas o que merecen". "A cidadanía galega tomou nota" e o "problema" vai tornar na "oportunidade" de "garantir a defensa de Galiza ante Madrid" da man dun Bloque que agora si, augura, retornará ao Congreso.
Mentres, dende En Marea, Luís Villares tamén asegura percibir como o 10N como unha "oportunidade" de "ter representantes" nas Cortes. En clave galega o agora deputado do Grupo Mixto coida que "tanto o PSOE como Podemos" van ter de agora en diante a "dificultade" de "convencer de que son capaces de chegar a acordos para construír unha alternativa cooperativa a Feijóo". "Tan cómodos están Gonzalo Caballero e Yolanda Díaz con Núñez Feijóo? Se non o están deberían demostralo amosando vontade de acordo no Esatdo para poder facelo mañá en Galicia"; afirma.