Foron moitos e moitas cidadáns de esquerdas os que recibiron con ilusión a vitoria de Pedro Sánchez nas eleccións xerais do 28 de abril.
Se grande foi a sensación de alivio perante o fracaso das tres dereitas, una y trina, boa parte da cidadanía vén de asistir indignada á constatación de que, tras catro meses de torneo de deglución de sables entre partidos, ninguén deu o brazo a torcer para formar un goberno minimamente viable que permitise arredar á dereita da Moncloa durante catro anos. Ninguén foi quen de confiar en ninguén.
Se grande foi a sensación de alivio perante o fracaso das tres dereitas boa parte da cidadanía vén de asistir indignada á constatación de que, tras catro meses de torneo de deglución de sables entre partidos, ninguén deu o brazo a torcer para formar un goberno minimamente viable
Ao rexeitar asumir as responsabilidades e renuncias propias de calquera compromiso, a xeración de dirixentes novos que viñan rexenerar a vella política vén de demostrar unha inmadurez e egoísmo máis propio daquela mocidade infeliz á que Pasolini consideraba un símbolo do inconformismo de consumo que reproducía as culpas dos seus pais.
Ninguén quererá asumir as culpas; mais, como di a sabedoría popular, as culpas “fóra non dormen”.
As responsabilidades políticas son directamente proporcionais aos votos recibidos o 28 de abril. O PSOE e, moi especialmente, Pedro Sánchez, vén de derramar unha ocasión única para liderar a articulación dunha saída estratéxica de esquerdas aos dous máis graves problemas do Reino de España: o esgotamento do modelo territorial constitucional, por unha banda, e a desbocada igualdade desatada por un capitalismo depredador, que se viu reforzado pola crise iniciada no ano 2008.
Esa saída estratéxica só era posible de contar con Unidas Podemos e as forzas soberanistas catalás e vascas. Incomprensiblemente, a estratexia de Pedro Sánchez deixouse arrastrar pola ambición persoal e polos peores defectos do chovinismo de partido, tan arraigado na cultura dirixente do PSOE. Seica tamén polas estratexias e a confección de “relatos” que semellan deixar en segundo plano as necesidades cidadás e cuxa primacía xa comeza a preocupar en sectores do partido con maior toma de terra.
Pensar nun aumento neto de 30 deputados no actual contexto pertence máis ao plano das fantasías populistas –de esquerdas ou de dereitas– que da difícil realidade que imos atravesar de aquí ao 10 de novembro.
Con independencia da Olimpíada de lanzamento de culpas que nos agarda de aquí ao día 10 de novembro, a situación consumada é extremadamente preocupante. Cando menos nun duplo plano.
En primeiro lugar, nun plano máis xeral, a situación expresa un bloqueo político do réxime do 78. Un bloqueo, polo demais, dificilmente superable: todo indica que a correlación de forzas tras o 10 de novembro do 2019 seguirá sendo bastante similar. Parafraseando a Michel Crozier, non se cambia a sociedade por Decreto de convocatoria electoral. Pensar nun aumento neto de 30 deputados no actual contexto pertence máis ao plano das fantasías populistas –de esquerdas ou de dereitas– que da difícil realidade que imos atravesar de aquí ao 10 de novembro.
A cultura política fraguada durante os 40 anos de Constitución aparece aqueixada de múltiples eivas. Aínda por riba, lonxe de propiciar unha rexeneración das formas de representación política, os “violentos anos dez” –que de violentos, por certo, tiveron sorprendentemente pouco– herdáronnos a profundización no peor das tradicións militantes de cada parroquia política.
Esa profundización leva ao cuestionamento do pluralismo político como valor central da democracia liberal. Prevalece unha visión absoluta do propio ideario e da propia táctica que descualifica ao rival como inimigo. Vemos diante dos nosos ollos como isto está a acontecer tanto no lado da esquerda como da dereita, sumando cada día máis desafecto popular fronte aos “políticos”.
Son moitas as crises de bloqueo que ten sufrido o parlamentarismo contemporáneo durante o século XX. E convén lembrar que moitas delas levaron á xustificación dunha alternativa autoritaria, autocrática.
Trátase dun escenario que non é historicamente novo. Son moitas as crises de bloqueo que ten sufrido o parlamentarismo contemporáneo durante o século XX. E convén lembrar que moitas delas levaron con frecuencia á prevalencia do pensamento antiparlamentar, isto é, á xustificación dunha alternativa autoritaria, autocrática.
Aos actuais herdeiros de Lenine que repitan como consolo a consigna do canto peor, mellor, convén lembrarlles especialmente que non parece que, na altura histórica na que estamos, rodeados de autoritarismos posdemocráticos que desde Rusia, China, Brasil, EEUU, Reino Unido, etc., agroman en todo o planeta, e rodeados como estamos de serios perigos para a estabilidade do capitalismo mundial, sexa probable unha ruptura do réxime español do 78 pola esquerda. Máis ben acontece todo o contrario.
En segundo lugar, no plano galego, a convocatoria de eleccións xerais para o 10 de novembro supón un shock do que ningunha forza política galega poderá escapar.
Nos vindeiros días saberemos se Feijóo formula proposta de orzamentos ao Parlamento galego, tal e como está obrigado por Lei, ou ben decide dar por pechada xa a lexislatura galega, aproveitando o desgoberno do PSOE como arma electoral en Galicia.
A cidadanía galega agarda que, por unha vez, a oposición deixe de sacrificar a lucidez estratéxica no altar da zona de confort castrexo. Non só é posible. É mesmo urxente.
Feijóo depende máis unha vez de si propio. Grazas aos erros alleos pode lograr desbaratar novamente a configuración dunha maioría alternativa no Parlamento galego. A mesma que o PPdeG manexou como unha posibilidade real tras os paus electorais de abril e maio. O mesmo Partido Popular de Galicia que, non obstante, ten agora ben doado aproveitarse de novo das miserias e impotencias dunha oposición que, demasiadas veces nesta década, exerceu de xeito tan vociferante como resignado, centrándose no cultivo do seu propio resío para autoconsumo de subsistencia.
A cidadanía galega, no entanto, agarda que, por unha vez, a oposición deixe de sacrificar a lucidez estratéxica no altar da zona de confort castrexo. Non só é posible. É mesmo urxente.